Os bibliotecarios galegos reclaman facilidades para o préstamo de libros electrónicos

Cartaz da campaña © Anabad-Galicia

Anabad-Galicia vén de unirse á campaña The right to e-read, creada pola Asociación EBLIDA (European Bureau of Library, Information and Documentation Associations), que reclama que os cidadáns teñan acceso ás últimas novidades en formato electrónico. A campaña busca proporcionarlles aos usuarios e usuarias das bibliotecas públicas as últimas novidades publicadas en formato electrónico, tal e como estes centros viñeron facendo cos libros impresos. Porén, denuncian que "algúns editores impídeno, negándose a proporcionar ás bibliotecas as licenzas necesarias para o préstamo de libros electrónicos". Sinalan que, segundo algunhas enquisas, máis do 50% dos libros electrónicos best sellers non son accesibles dende as bibliotecas.

"Queremos que toda a cidadanía – non só os que o poidan pagar- se beneficie do acceso libre aos libros electrónicos nas bibliotecas", conclúen

Anabad-Galicia reclama o dereito a "comprar libros electrónicos a prezos xustos e con condicións de uso razonábeis", e subliñan neste senso que "moitos editores venden os libros electrónicos a prezos moi altos ou non os venden" e que "como resultado disto non podemos proporcionar un bo servizo aos nosos usuarios". "Queremos que toda a cidadanía – non só os que o poidan pagar- se beneficie do acceso libre aos libros electrónicos nas bibliotecas", conclúen.

Os e as responsables das bibliotecas galegas queren que se faga "unha aposta por garantir o libre acceso á información, a educación, a cultura, o ocio e os contidos". Propoñen que se negocien "Modelos de Licencia Equitativos” e que todos os títulos de libros electrónicos que estean disponibles para a venda ao público tamén o estean para a súa adquisición e acceso por parte das bibliotecas ao mesmo tiempo que saen ao mercado e en todos os formatos compatibles.

Os e as bibliotecarias reclaman "que os autores reciban un pagamento xusto polo préstamo dos seus libros electrónicos, como o veñen percibindo pola súa obra impresa, ampliando o Dereito ao Préstamo Público mediante a inclusión do préstamo do libro electrónico nas bibliotecas". Na actualidade, din, os autores non reciben remuneración ningunha polo préstamo de libros electrónicos nas bibliotecas.

Demandan unha reforma da lei "que permita as bibliotecas cumprir coa súa misión, para o século XXI"

Para isto, esixen unha reforma da Lei de Propiedade Intelectual, pois na actualidade, atendendo a esta norma os editores poden negarse a subministrar libros electrónicos ás bibliotecas. Demandan unha reforma da lei "que permita as bibliotecas cumprir coa súa misión, para o século XXI, de proporcionar a toda a cidadanía da Unión Europea, o acceso á riqueza do coñecemento e a ficción humana tanto desde a biblioteca presencial como a distancia".

A campaña inclúe distintos actos informativos, que se concentrarán ao redor deste 23 de abril, Día do Libro, tamén actividades de difusión nas bibliotecas, a través dos medios de comunicación e das redes sociais (co hashtag #eread), así coma o envío de mensaxes a representantes políticos.

Cartaz da campaña © Anabad-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.