Os equipos de normalización rexeitan o Premio da Cultura por mor da política lingüística da Xunta

Valentina Formoso, coordinadora da Cgendl Dominio Público Praza Pública

O pasado 22 de setembro a Xunta de Galicia fixo públicos os Premios da Cultura Galega 2015. O xurado concedeulle á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística o premio no apartado de lingua. A Coordinadora vén de facer público que rexeita o galardón por proceder dun goberno "reticente coa promoción real do galego".

O Consello Directivo da CGENDL quere deixar constancia da súa "inmensa gratitude para o xurado" por "poñer de relevo a transcendencia social, cultural e pedagóxica da normalización lingüística, tal como nós a vimos entendendo desde o ano 2009". Un proxecto, destacan, "aberto e integrador que procura facilitar o uso do galego en todos os ámbitos da vida, libre de prexuízos e pexas históricas, e contando coa suma de vontades para que o noso idioma sexa un valor de futuro, e non unha peza arqueolóxica de museo".

Consideran "unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que ten actuado, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega"

Porén, sinalan que consideran "unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que ten actuado, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega". "Non podemos nin queremos ser incoherentes, aceptando un galardón que nos entrega un goberno que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos", din. E recuperan as palabras coas que Prolingua rexeitou o mesmo galardón hai uns anos: “xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato”. 

Destacan que "máis alá das boas palabras e da falsa retórica da liberdade lingüística, temos comprobado como este goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nas nais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada. Foi, en fin, un goberno reticente coa promoción real do galego, a pesar das alarmantes estatísticas que convidan a cambiar de rumbo na política lingüística, e con urxencia".

Conclúen que "non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena"

Conclúen que "non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena. Porque as nosas fillas e fillos, que desexamos plurilingües, teñen dereito a escoitar máis galego dentro e fóra das aulas, para non condenalos á ignorancia de non saber de onde son nin de onde veñen. Porque non hai progreso sen memoria nin liberdade sen conciencia da propia identidade".

Valentina Formoso, coordinadora da Cgendl Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.