"Os festivais queren vender entradas e as bandas de fóra venden máis, o problema é que moita xente de aquí non saiba o que ten"

Disco las Palmeras © Luis Diaz Diaz

Disco Las Palmeras están de volta. O trío compostelán publica Ultra (Matapadre), que afonda no camiño iniciado hai dous anos por Nihil Obstat. Aquel álbum permitiulles asomar a cabeza no panorama independente, que o seu nome -difícil de esquecer- se comentase na escena musical de todo o Estado. Ultra xa se pode escoitar dende hai uns días na web de Mondosonoro, onde rexistrou máis de seis mil escoitas nas primeiras 24 horas. Guitarreos, distorsións, influencias diversas (de Sonic Youth a Ride pasando polos retornado My Bloody Valentine) que poden converter Ultra nun dos discos españois do ano. E unha proposta de etiqueta para todo o ruído que se fai na música galega: "Grelismo".

Que diferenzas musicais hai en Ultra? Foron conscientes ou o estilo do disco saíu sobre a marcha?

Cremos que é mais rico en matices, estivemos experimentar moito con sintetizadores de guitarra, e por primeira vez incluímos algún sintetizador analóxico. Estatisticamente pode que pisaramos un pouco mais o acelerador aínda mais que no primeiro, pero tamén é un pouco mais melódico. En realidade non hai un cambio radical, é mais ben unha evolución.

Ultra xa se pode escoitar dende hai uns días na web de Mondosonoro, onde rexistrou máis de seis mil escoitas nas primeiras 24 horas

Variou en calquera caso a forma de facer e gravar as cancións? Con Nihil Obstat xa editado puidestes afrontar Ultra con máis tranquilidade ou tiñades a responsabilidade do segundo disco?

Creo que por primeira vez notamos algo de presión, en realidade foi mais ben unha autopresión, non temos presións externas de ningún tipo, pero somos bastante autoesixentes. En calquera caso a sensación combinábase cunha enorme ilusión e ganas, levábamos dous anos xirando moito e tiñamos moitísimas ganas de facer algo novo.

"Creo que por primeira vez notamos algo de presión, en realidade foi mais ben unha autopresión, non temos presións externas de ningún tipo, pero somos bastante autoesixentes"

Que lle debe Ultra ao voso local de ensaio?

Moitísimo, é o laboratorio onde experimentamos, probamos moitas cousas e ata gravamos maquetas previas do disco, somos moi empíricos.

Que percorrido de concertos festivais e difusión vai ter Ultra

Entre maio e xuño imos facer unha xira de presentación, polas cidades mais importantes, non temos moito tempo antes do verán. Logo en verán contamos facer algúns festivais, para volver en outono xa cunha xira moito mais grande.

O máis difícil para unha banda é o que xa fixestes: sacar LP e darvos a coñecer? Ou o verdadeiramente difícil vén agora?

No sabería dicilo, nin creo que ninguén poda, ti sabes onde estás, pero non sabes se o que vén vai ser o mais difícil, pode que dentro duns anos saibamos que foi mais difícil, se conseguiramos ambas cousas, pero hoxe non o sabemos.

Nestes tempos a música necesita falar máis da realidade e ser máis critica? É incompatible a canción comprometida coa música máis experimental?

Penso que si, de feito na nosa música que fala da alienación, pero a propia música pode ter un carácter industrial, que casa moi ben. En todo caso, non vemos que moita xente estea intentando facer música rebelde ou crítica, hai algún tímido achegamento, pero nada próximo a un verdadeiro compromiso crítico.

"Non vemos que moita xente estea intentando facer música rebelde ou crítica, hai algún tímido achegamento, pero nada próximo a un verdadeiro compromiso crítico"

Vendo a nómina de grupos de Matapadre: Telephones, Unicornibot, Colectivo Oruga, Lendrone... Parece que ou ben a escena musical galega está nun bo momento creativo ou que Matapadre funciona moi ben. Ou as dúas cousas?

Penso que son as dúas, Matapadre está no centro dun epicentro e está sabendo velo e xestionar ben a situación. Hoxe en Galicia estase facendo moita e moi boa música, están nacendo bandas case todos os días, ademais de iniciativas como O Liceo Mutante, A Seara, Triciclo, concertos de Retroalimentación, hai moita xente facendo cousas e creo que tamén comeza a espertar o público, que era o que faltaba.

Unha proposta de etiqueta para todo o ruído que se fai na música galega? "Grelismo"

Parece que segue primando o ruído na música galega. Sexa con distorsións ou con guitarras pesadas parece que é unha característica común a moitos grupos. Unha posible etiqueta?

Grelismo

Con que bandas galegas españolas ou internacionais vos identificades?

A nivel internacional My Bloody Valentine, A place to bury strangers, Sonic Youth, Ride... A nivel nacional temos moito colegueo con moitas bandas, que nos gustan moito: Lüger, Odio París, Tucán, Fasenuova e galegas moitísimas: Wild Balbina, Fantasmage, TAB, Jay (no que tamén toca Julián), e por suposto os grupos de Matapadre (Unicornibot, Telephones Rouges, Lendrone, Colectivo Oruga)

Hai máis dificultades para tocar en directo que hai un par de anos? Mesmo os festivais pasan por unha crise. Sorpréndevos a pouca atención dos festivais galegos ás bandas de aquí?

Depende, parece que hoxe hai moitas salas, a pesares das dificultades que lles poñen na maioría das cidades, pero todo encareceuse e a crise tamén se nota moito nas entradas. Non nos sorprende, os festivais queren vender entradas e moitas bandas de fóra venden mais que as de aquí, o problema é que moita xente de aquí non saiba o que ten. De todas formas cremos que estamos nun gran momento, e esa tendencia pode cambiar se as cousas seguen indo tan ben como van.

"Os festivais queren vender entradas e moitas bandas de fóra venden mais que as de aquí, o problema é que moita xente de aquí non saiba o que ten"

Vivir da música é un obxectivo? Ou non vos preocupa moito?

Non podemos consideralo un obxectivo, nos traballamos arreo, tentando facer o que nos gusta, se isto lévanos a poder vivir disto benvido sería, pero non é un obxectivo en si.

Disco las Palmeras © Luis Diaz Diaz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.