Os herdeiros de Maside retiran os fondos do pintor da pinacoteca municipal de Vigo

© Carlos Maside

Os herdeiros de Maside retirarán o vindeiro 11 de outubro os 21 cadros do autor que foran cedidos hai corenta anos ao museo municipal. Acusan o Concello de Vigo de "desatención" e de non difundir convenientemente o legado dun dos grandes representantes da xeración dos renovadores.

Aseguran que o seu principal obxectivo é que a pintura de Maside, e en concreto estes 21 cadros que forman unha colección representativa da súa traxectoria, "poida ser coñecida e disfrutada pola sociedade galega, por ese público amplo, sen restriccións elitistas, que estivo sempre na mente do pintor". E engaden que "xa se víu que tantos anos de dispor gratuitamente das pinturas non contribuíron senón ao progresivo arrombamento do seu nome e a unha cada vez maior ausencia da súa obra nos eventos expositivos de toda Galiza". Afirman lamentar "que o desinterese amosado polas autoridades municipais teña derivado finalmente na privación á sociedade viguesa dunha colección fundamental para os fondos da nova pinacoteca Francisco Fernández del Riego".

Denuncian "un rosario de desatencións e xestos de menosprezo se sucederon ao longo dos 40 anos de custodia irresponsable"

A familia explica que os testamenteiros do pintor realizaron o depósito temporal das obras "baixo acordo contractual que comprometía ao museo a promover e difundir o obra de Maside, facilitando, como era desexo expreso do autor, o acceso a ela do público galego a través de exposicións dentro ou fóra do museo". E denuncian "un rosario de desatencións e xestos de menosprezo se sucederon ao longo dos 40 anos de custodia irresponsable".

Salientan en primeiro lugar "as malas condicións de almacenamento e conservación de boa parte da obra no Pazo de Castrelos durante longos períodos de tempo", en segundo "a continuada ausencia de programación de actividades divulgativas propias dunha pinacoteca" e terceiro destacan "as negativas municipais a deixar saír das dependencias do museo os cadros de Maside que lle eran solicitados para participar en exposicións institucionais de arte galega nas que a xeración dos renovadores, da que Maside é expoñente destacado, tiña relevante protagonismo, quedando, deste xeito, insuficientemente representado e contribuíndo así ao progresivo esmorecemento do seu nome no espazo cultural galego".

Sinalan, iso si, que a situación de “repouso” na que a colección se atopaba en Castrelos "cambiou moi notablemente co traslado á nova pinacoteca municipal Francisco Fernández del Riego

Sinalan, iso si, que a situación de “repouso” na que a colección se atopaba en Castrelos "cambiou moi notablemente co traslado á nova pinacoteca municipal Francisco Fernández del Riego, recibindo na exposición inaugural un tratamento destacado que denota o aprezo que ao comisario da mostra lle merece a figura e a obra de Maside no contexto da Xeración dos Renovadores galegos". Pero engaden que "esta é unha circunstancia que chega tarde nas relación cos responsables do Concello, quen non deron sinais de compartir nin comprender os criterios que recuperan a dignidade para unha parte fundamental dos fondos da pinacoteca".

© Carlos Maside

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.