Os primeiros Premios Galegos da Música Martín Códax entregáronse este venres no transcurso dunha gala que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, ante máis de 600 persoas. Os gañadores e gañadoras nas 14 categorías foron os seguintes:
- Pop e indie: Eladio y Los Seres Queridos
- Rock, blues, funk &soul: NARF
- Jazz e músicas improvisadas:Abe Rábade Trío
- Hip-Hop e músicas urbanas: Dios ke te Crew
- Música clásica e contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo
- Folque: Berrogüetto
- Música tradicional galega: Treixadura
- Músicas do mundo: Banda Crebinsky
- Música infantil: Mamá Cabra
- Electrónica: Das Kapital
- Metal: Machina
- Reggae, ska&mestizaxe: Transilvanians
- Orquestras, grupos e música de verbena: A Magnifique Bande
- Premio Honorífico: Antonio Cruz Arévalo ‘Peri’
Os Chévere, directores artísticos da gala, puxeron en escena unha sucesión de sketches moi ilustrativos da realidade musical en Galicia. Acompañando aos seus sketches houbo música electrónica cun Dj, un trío de percusionistas, un pianista, un acordeonista, e unha sorpresa final: a actuación dos rapaces da Orquestra Manuel Quiroga como metáfora do futuro da música en Galicia.
Antelo deixou claro que “estes premios nacen para quedar, que ninguén o dubide, e son a punta microscópica dun iceberg musical que non somos quen de imaxinar”
A directiva de Músicos Ao Vivo materializaba así o seu empeño por dotar duns premios ao sector da música en Galicia. Na súa intervención, o voceiro de Músicos Ao Vivo, Xacobe Martínez Antelo, deu as grazas a todos os implicados neste proxecto “por entender que estes premios eran inaprazables, e que son de todos e todas nós, de todo un sector, tan inmenso e tan rico, que non caberá nunca nestes 14 premiados, nestes 39 finalistas, nestes 521 proxectos que se inscribiron nesta primeira edición”. Antelo deixou claro que “estes premios nacen para quedar, que ninguén o dubide, e son a punta microscópica dun iceberg musical que non somos quen de imaxinar”. Neste sentido, o voceiro de MAV convidou á administración e á industria a trazar unha estratexia para facer rendible todo o potencial da música galega que é “un sector estratéxico e eficiente como poucos nun contexto económico tremendamente competitivo”. E incidiu na riqueza que supón o feito de ter ”unha identidade diferenciadora e única nun mundo globalizado”. Por último, dirixiuse aos músicos para animalos a asociarse porque “asociándonos recoñecémonos como iguais, defendemos e dignificamos a profesión, e comunicamos mellor as nosas inquedanzas”.
Entregouse tamén o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo a toda a carreira artística, que este ano foi a parar a un Antonio Cruz Arévalo “Peri”
Ademais, entregouse tamén o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo a toda a carreira artística, que este ano foi a parar a un Antonio Cruz Arévalo “Peri”, moi emocionado, que recolleu o premio coa súa habitual alegría e modestia. A decisión de concederlle este galardón, tomada por unanimidade pola xunta directiva de MAV, premia a traxectoria exemplar de tantos músicos anónimos, neste caso a do ‘Peri’, que sempre foi un músico de retagarda, de sombra, desa última copa co local pechado, e nunca demandou focos, atención, nin titulares.