A creación dunha lei galega das artes escénicas. A refundación do CDG. E a recuperación das axudas de Agadic, coa volta aos niveis de 2009 como horizonte. Son algunhas das propostas realizadas no foro do sector profesional celebrado no seo da MIT de Ribadavia. Moderado por Paulo Rodríguez, foi introducido pola presidenta de Escena Galega, Belén Pichel, e polo presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Vicente Mohedano, e contou coa participación de diversos profesionais das artes escénicas alí presentes.
Cándido Pazó reclamou, na súa intervención, a "refundación" do CDG que, -salientou-, "non está a cumprir a súa función" de "buque insignia" do teatro galego
A situación actual do CDG, tras a dimisión do seu director, Manuel Guede, centrou boa parte do debate. Cándido Pazó reclamou, na súa intervención, a "refundación" do CDG que, -salientou-, "non está a cumprir a súa función" de "buque insignia" do teatro galego. A marcha de Guede, -engadiu-, non se debeu tanto ao proclamado polo discurso oficial, -motivos "persoais"-, senón á ausencia de "autonomía" da unidade de produción e distribución teatral da consellería de Cultura. Pexa cuxa consecuencia fora, nos últimos tempos, a obriga, marcada por cuestións legais, de convocar un concurso-oposición para contratar os actores e actrices de cada produción, de xeito que o criterio da dirección de escena non representaba máis que unha mínima porcentaxe da puntuación final de cada candidato.
Xesús Ron propuxo pedir o compromiso de todos os partidos políticos neste sentido para dotar o CDG dunha fórmula nova, cuxa base podería ser "un consorcio de concellos"
Xesús Ron amosouse de acordo en que o estado do CDG é "terminal", sendo a dimisión de Guede o "último chanzo" dunha deriva xestada anteriormente. A solución, -reflexionou-, "é que o CDG teña entidade xurídica propia". Propuxo, así, pedir o compromiso de todos os partidos políticos neste sentido para dotar o CDG dunha fórmula nova, cuxa base podería ser "un consorcio de concellos", por exemplo.
Paulo Rodríguez matizou, porén, que o INAEM, cunha personalidade xurídica semellante á de AGADIC, -do que depende o CDG-, funciona moito mellor, con todas as súas eivas. En confluencia con el, Ánxeles Cuña lembrou que o modelo de Axencia foi incorporado de xeito "precipitado", e que si pode supor "independencia" en canto á capacidade para "xestionar recursos públicos e privados", con estatutos propios de cada unidade de produción e sen contemplar a obriga de convocar unha oposición para a contratación de actores.
Roberto Pascual reclamou, ao respecto, a creación dunha lei que desenvolva un "CDG autónomo", o seu financiamento e organización
O problema sitúase, por outra banda, alén da dimensión xurídica, alcanzando a política. O director da MIT, Roberto Pascual, recordou unha conversa co director de Agadic, Jacobo Sutil, na que este se refería ao CDG co cualificativo de "chiringuito". Pascual reclamou, ao respecto, a creación dunha lei que desenvolva un "CDG autónomo", o seu financiamento e organización, e coa que se comprometa, en especial, a oposición nacionalista no Parlamento. Mabel Rivera amosouse de acordo na necesidade de "refundación" do CDG e subliñou o actual afastamento do mesmo respecto da profesión, así como a precarización "absoluta" das condicións laborais que ofrece.
Zé Paredes insistiu na cuestión política. Noutros sistemas teatrais, -apuntou-, o teatro institucional é un "motor crítico", mentres que en Galicia "hai persoas que fan teatro, pero o sistema teatral estamos aínda pelexando por construílo". Indicou, por outra banda, que cómpre non esquecer a responsabilidade de Manuel Guede no estado actual do CDG, xa que "o administrou durante 17 anos. Non tivo tempo para promover a modificación dos estatutos? Cando se reincorporou á dirección do CDG, o problema xa estaba alí, non era novidade. E non se solucionará mentres non teñamos unha lei".
Ania González propuxo camiñar cara ao "procomún", poñendo as institucións ao servizo dun tecido profesional que xa "existe" fronte a un CDG inoperativo
Mais non se trata só de refundar o CDG, senón o "teatro galego", segundo Antón Lama. Anteriormente, Ania González propuxera camiñar cara ao "procomún", poñendo as institucións ao servizo dun tecido profesional que xa "existe" fronte a un CDG inoperativo. Lama decantouse por un "plan estratéxico" do sector, ao que Ron respondeu que "xa tivemos un" -o plan das artes escénicas elaborado polo goberno bipartito-, pero que unha lei das artes escénicas si continúa a faltar.
No foro formuláronse outras cuestións, como o "obsoleto sistema de axudas" de Agadic
No foro formuláronse outras cuestións, como o "obsoleto sistema de axudas" de Agadic, -que centra parte do discurso da actual Escena Galega-, o mellor aproveitamento dos espazos de exhibición -a Rede de Teatros e Auditorios ou as redes das deputacións-, o IVE -cuxa rebaixa, comentou Belén Pichel, debería repercutir nos cachés e non só nas entradas-, a relación entre o teatro profesional e o afeccionado ou o convenio da profesión.