Di xewnan de jî ez ê zimanê xwe winda nekim (Nin en soños vou perder a miña lingua), de Sechu Sende, foi elixido en 2010 como mellor libro publicado en curdo nese ano. Era a tradución, publicada pola Editorial Avesta, de Made in Galiza, onde xa figuraba un relato co mesmo título. O texto foi convertido nunha obra de teatro polo dramaturgo turco Mehmet Atak. O resultado é Merheba, que este xoves se representará en Estambul, e que xa esgotou os billetes. O texto xa fora adaptado hai uns anos nunha curtametraxe, realizada pola Editorial Avesta.
A obra, segundo destaca o propio Atak, céntrase en dúas grandes liñs argumentais: a primeira "a prohibición das linguas maternas realizadas por tiranías militaristas (coma os casos do galego, o vasco ou o catalán en España durante a ditadura franquista, ou do curdo, o armenio e o grego en Turquía". A segunda é a constatación de que "cada lingua sitúase ela propia como centro e construtora de xerarquías, de marxinacións e é terriblemente patriarcal. A través da linguaxe constrúese constantemente unha enxeñaría social dominada polos homes".
Na obra, sinala Mehmet Atak, a muller que procura unha identidade a través da súa lingua materna atópase coa pesada opresión do sistema: vai á cadea, é violada, torturada e finalmente asasinada. Porén, a muller tamén se decata doutra cousa durante o seu proceso de búsqueda: a súa lingua, a través da que ela trata de construír a súa identidade, é unha linguaxe patriarcal, como todas as linguas, construídas cunhas codificacións determinadas. Como ela proclama nun monólogo trala súa morte: "En todas as cidades do mundo, ao remate da noite, as mulleres choran nas súas linguas maternas coas mesmas palabras, dicindo 'xa tiven abondo disto' ou "estabamos tan pegadas que a bágoa dunha de nós caía pola meixela das outras". Atak subliña, así mesmo, que quizais as loitas deban realizarse a través da "construción dunha nova linguaxe", como expresou a poeta feminista Chris Cherry, citada na obra a través da profesora de Ciencias Políticas Fatmagül Berktay.
Nunha entrevista que Alberto Ramos lle realizou a Sechu Sende en 2013, o autor explicaba a situación da lingua curda, en proceso de recuperación: "Os curdos están nun momento que perseguen a súa autonomía, a súa independencia, que queren decidir sobre o seu destino común para poder expresarse na súa lingua. Ese sentimento é moi potente. Están nun momento histórico no que se senten moi fortes. Só poden ir a máis". Sende viña de publicar Viagem ao Curdistán para apanhar estrelas, un libro no que se mesturaban poesía, ilustracións e as vivencias reais do escritor nunha viaxe realizada en 2010 ao Curdistán para presentar a tradución do libro Made in Galiza ao curdo e mais o turco