Todo comeza con Manuel María. "Aló polo ano 93 eu estaba na organización da Romaría Labrega da Chaira e fixéramos unha exposición de fotografías antigas da parroquia. Viñera Manuel María inaugurala e dixo que todo aquilo estaba moi ben, pero que había que completalo cunha pequena historia sobre a parroquia, porque é unha parroquia que tiñan certas peculiaridades. E, dese xeito, encomendoume dalgún modo o facelo". Fala Pastora Veres, que ultima un libro sobre a parroquia dos Vilares, en Guitiriz, o lugar no que creceu e viviu Xosé María Díaz Castro.
De seguro que o autor de Nimbos será un dos protagonistas deste ano 2014 que comezaremos en poucas horas, e ao igual que noutras ocasións estes meses serán unha boa oportunidade para afondar en todos os aspectos que conforman a súa obra e que definiron a súa vida. E poucos tan importantes como a terra que pisou e a paisaxe que mirou: a parroquia dos Vilares. "Estívenlle dando voltas, falando con veciños, pero fun deixando o tema. Sempre tiña aí ese tema, e este ano, aproveitando a celebración da Letras, decidín sacalo adiante", comenza Veres, que lembra que o propio Manuel María salientara naquel encontro que "era unha parroquia que ía dar que falar, referíndose precisamente ao tema de Díaz Castro e das Letras, pois supoñía que nun futuro sería homenaxeado".
O proxecto complétase cun documental en preparación, a cargo de Cibrán Tenreiro, que ao igual que a publicación, verá a luz nos vindeiros meses
Porén, Os Vilares: Lareira de soños é moito máis ca un libro de textos e fotografías sobre a parroquia. O proxecto complétase cun documental en preparación, a cargo de Cibrán Tenreiro, que ao igual que a publicación, verá a luz nos vindeiros meses. Un e outro traballo recollen as imaxes das aldeas e da paisaxe, e tamén a voz dos veciños que habitan o lugar: "Cada veciño ara o seu rego para facer dos Vilares a Terra Sucada, sementada e traballada nas miles de páxinas que podería ter cada libro e cada vida. Sabemos que Os Vilares e Guitiriz van ser no ano 2014 o centro da cultura e as letras galegas pola homenaxe que o mundo rendirá ao indixena parroquiano Xosé María Díaz Castro. Independentemente da merecida dedicatoria ao poeta chairego, a contorna do seu nacemento e crianza merece tamen proxectarse ao coñecemento dos que alí nunca estiveron nin saben".
"Curiosamente hai algunha xente que comenta que Díaz Castro nunca mencionou os Vilares, porque o nome non aparece en ningún verso, pero Os Vilares está presente continuamente"
Pastora Veres engade que "Díaz Castro vai aparecer, porque é o veciño máis ilustre que temos, pero non é un libro dedicado a el. Si que vai estar presente ao longo do libro, en citas, en textos, hai algún familiar del que comenta cousas, pero non vai centrado nel". Comenta que queren "dar a coñecer ao mundo, a todas as persoas que non son de aquí, como é esta parroquia, que está moi presente na súa poesía" e destaca que "curiosamente hai algunha xente que comenta que Díaz Castro nunca mencionou os Vilares, porque o nome non aparece en ningún verso, pero Os Vilares está presente continuamente. Eu cando leo a súa poesía vexo continuamente a parroquia", conclúe.
Alén de Díaz Castro, no libro e no documental aparecen moitos outros personaxes que foron importantes na historia recente da parroquia, dende os emigrantes que fixeron fortuna en Barcelona ou Cuba, até o actual deán da Catedral de Santiago, tamén deste lugar, pasando polas historias dos trapeiros e comerciantes que deu esta parroquia, e que recolleu Marica Campo nun poema. Ou a pegada que deixou un famoso axente de extensión agraria nos anos setenta: "marcou un antes e un despois neses anos, nese proceso de desenvolvemento que viviu o agro", comenta Veres. "É moi importante esta figura, porque utilizou a parroquia dos Vilares como lanzandeira de moitas experiencias novas, e converteuna en referente para outras parroquias. A xente aínda o recorda agora, e recórdano como un deus practicamente, o que el dicía todo o mundo o facía, lanzábanse de cabeza a onde fora. Logrou tirar duns cantos gandeiros, que aumentaron e modernizaron as súas explotacións e foron un exemplo para os demais".
Así pois, este libro e este documental constitúen o retrato dunha aldea singular en moitos aspectos. Pero son tamén o relato de todo un mundo, o rural galego, un relato no que moitas outras parroquias e persoas se poderán ver reflectidos, ao igual que nos versos de Díaz Castro.