Ourense pelexa para salvar o seu Ateneo

Conferencia celebrada no Ateneo a pasada semana © Ateneo de Ourense

O Ateneo de Ourense comezou a súa actividade en 1969 e nos seus case 50 anos de historia funcionou como un espazo aberto para a cultura na cidade. Debates, conferencias, concertos e exposicións de todo tipo pasaron pola súa sede, situada inicialmente no entresollado da Torre Ourense, cun alugueiro pagado primeiro polo Ministerio de Información e Turismo e despois pola Xunta de Galicia. Iso cambiou en 2010, cando tivo que abandonar esas instalacións, véndose obrigada a trasladarse á Avenida da Habana, nun local compartido co Club de Tenis Ramirás, que lle cedeu parte das súas instalacións.

O Ateneo tivo, polo tanto, que comezar a empregar parte das cotas achegadas polos seus 276 socios e socias a pagar un alugueiro. Os problemas incrementáronse en 2014, cando tamén ese local foi posto á venda, creando unha situación de incerteza sobre o futuro do Ateneo, que viu tamén como o seu número de asociados e asociadas foi descendendo, ata roldar a centena.

Hai tres semanas Abanca, propietaria do local da Avenida da Habana, deulle ao Ateneo un mes para abandonar o espazo, que será vendido nunha poxa pública. Dende entón colectivos sociais, culturais e políticos da cidade iniciaron conversas de cara a conformar unha fronte común, demandándolles ás distintas administracións a cesión dun local que asegure o futuro da entidade. Este luns quedou constituída a Plataforma en Defensa do Ateneo, integrada pola SGHN, o Cineclube Padre Feijoo o Comité de Defensa do Monte Galego, CCOO, CIG, En Marea, PSdeG-PSOE, Podemos, BNG, EU e Ourense en Común, ademais de cidadáns a título individual. A Plataforma, na que actúan de voceiros a presidenta do Ateneo, Isabel Salgado, e o seu vicepresidente, Pablo González, iniciou conversas con Concello, Deputación e Xunta na procura dunha solución, propoñendo a cesión dun espazo na Biblioteca Pública da cidade.

Este luns quedou constituída a Plataforma en Defensa do Ateneo, que propón a cesión dun espazo na Biblioteca Pública da cidade

Así mesmo, PSdeG-PSOE e Ourense en Común piden a convocatoria dun pleno extraordinario para evitar a desaparición do Ateneo. A deputada socialista Noela Blanco acusou a Xunta de quererlle dar a “extremaunción” á entidade. Pola súa banda, Ourense en Común sinalou que os problemas do Ateneo "son problemas de toda a sociedade ourensá, que non se pode permitir a desaparición dun foro histórico de debate e creación cultural" e afirmou que "o Concello non pode obviar a situación" creada polo "abandono da Xunta de Galicia". Esquerda Unida subliña que Ourense "non pode nin debe deixar paso á barbarie. E un acto bárbaro sería deixar que unha institución como o Ateneo, agromada con tanto esforzo, acerto e pulo dos nosos devanceiros , esmorecera e mesmo morrera pola desidia ou abandono das nosas administracións políticas e culturais". Finalmente, o BNG manifestou “a importancia deste singular espazo para da cidade de Ourense, polo que representou historicamente, así como a necesidade para o futuro do noso concello de espazos de diálogo e pluralidade tan escasos e prezados".

Os apoios públicos tamén chegaron por parte de entidades sociais ou sindicais, que demandan a colaboración das administracións. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) animou "a todas as persoas e grupos con sensibilidade cultural, social e ecolóxica para implicarse nesta loita e para que entre todos sexamos capaces de manter na cidade un espazo de liberdade e concordia tan necesario". A CIG subliñou que o Ateneo é "un exemplo de liberdade na nosa cidade e serviu para que calquera colectivo ou persoa puidera desenvolver nos seus locais, conferencias, debates e todo tipo de actos culturais e políticos".

 

En xaneiro a entidade puxo á venda 200 obras de arte da súa colección para obter fondos © Ateneo de Ourense
Público asistente á celebración do 47º aniversario da entidade, o pasado ano © Ateneo de Ourense
O pasado ano Los Suaves foron nomeados 'socios de honor' da entidade © Ateneo de Ourense
Exterior do Ateneo © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.