Pandereteiras da Alén e Serafín Mourelle, mestras e mestre da memoria

Pandereteiras do Alén © AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado a súa Asemblea Xeral de socios e socias, que acordou nomear Escritora Galega Universal 2017 a autora portuguesa Hélia Correia, distinción que se recollerá na II Gala do Libro Galego que terá lugar o 20 de maio na cidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, acordouse que Pilar García Negro sexa a próxima Escritora na súa Terra – Letra E e, polo tanto, recibirá unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo terceira edición; será no mes de xuño no Concello de Lugo.

Así mesmo a AELG decidiu outorgar ás Pandereteiras da Alén (Xirarga, Beariz, Ourense) Orosia Gil Ramos, Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos; e mais a Serafín Mourelle os Premios Mestres/as da Memoria 2017, galardóns que se entregarán na II Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo a finais da primavera.

As Pandereteiras da Alén son herdeiras do Xiles, Os Xilotes, criados ao calor da fragua, e levan toda unha longa vida animando os seráns e festas da súa comarca. Serafín Mourelle, mariñeiro e poeta, aos catorce anos embarcou de axudante de cociña, e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta, el foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Nunca esqueceu as súas orixes humildes e por iso dende hai moitos anos milita -rara avis entre os patróns- no PCE. Tamén é autor da novela Cartas ao meu avó, na que narra a súa aventura na mariña mercante, no banco Canario-Sahariano e nas augas do Gran Sol.

Alén de escoller o novo Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próxima a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro. O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea.

Tamén se reforzará o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración dunha nova Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a décima, da Xornada de Literatura de Tradición Oral, que este ano levará como título "Palabras con memoria". Tamén para o outono terá lugar na Coruña unha nova edición, a segunda, das Xornadas de Literatura Dramática; e mais, en Pontevedra, un congreso de poesía que fará unha revisión do xénero durante os últimos 40 anos.

 

Pandereteiras do Alén © AELG
Serafín Mourelle © Xosé Iglesias
Hélia Correia © AELG
Pilar García Negro © AELG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.