Para cultura..., Lugo!

Presentación do programa Cultura Aberta, o mes pasado © Deputación de Lugo

Durante todo o verán os xardíns interiores do pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, acollen unha programación cultural continuada (Os Martes de Cine Social, os Mércores Miúdos, os Xoves de Cultura Aberta, e os Venres de Teatro), un amplo conxunto de actividades agrupadas no programa Cultura Aberta, que este ano chega á súa sétima edición.

Nos Martes de Cine Social puideron verse xa Persépole, Iron Jawd Angels e Moolaadé, e nas vindeiras semanas proxectaranse A Misión e Os Mozos do Coro. Polos Mércores Miúdos pasaron Fantoches Baj (co espectáculo ‘Rodari Rodari, contos de tranvía’), Peter Punk (con “Peor imposible”) e Daboapipa (cos seus ‘Contos de Animalario’). Aínda se pode ver a Pablo Díaz, co seu ‘Toc-Toc’; e Pesdelán e Cántigas e Frores, que escenificarán ‘Na punta do pé’.

Os Xoves de Cultura Aberta trouxeron a Lugo a Tumba e Dálle e Os Cempés; a Eudemónicas e Kepa Junkera, Xabier Díaz e As adufeiras de Salitre; e a Carapaus e Ulträqäns. O 31 de xullo será a quenda de HabELAS HainNas e Sacha na Horta; e o 7 de agosto de Leña Verde e Proxecto Danza. Finalmente, nos Venres de Teatro houbo representacións do grupo Boneca Lareta con ‘Sede de Mal’, de Abrapalabra Creacións Escénicas, con ‘As do Peixe’; e de Microefectos Dramatúrxicos, con ‘Que vai ser dos nenos?’. Xa en agosto poderase ver a Teatro do Adro con ‘As mil vidas de Matías Houseman’; e a Voadora con ‘Waltz’.

En palabras do delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, a proposta “demostra o noso compromiso coa cultura feita na Galiza e en galego nas súas diferentes expresións. Somos conscientes da importancia de investir nela, aínda en tempos de crise, xa que a cultura ademais de dinamizar a sociedade, alentar os ánimos e enriquecer o espírito, impulsa a economía pola industria que se crea arredor dela”.

Ademais, ao longo desta fin de semana ten lugar en Ribadeo a Feira do Libro, que volve a celebrarse na vila Mariñá despois de dúas décadas. Conta con 11 expositores e está aberta ao público no Parque San Francisco. A feira súmase ás que se veñen celebrando na comarca da Mariña, en Viveiro e Foz; así como ás de Lugo e Monforte de Lemos, e á Feira do Libro Antigo e de Ocasión que se celebra na capital da provincia.

Presentación do programa Cultura Aberta, o mes pasado © Deputación de Lugo
Calendario de Cultura Aberta © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.