Piden que o galego teña sección propia na Modern Language Association

Congreso da MLA © MLA

Case trescentas sinaturas de profesores universitarios, alumnos e tamén reitores e decanos de centros de todo o planeta apoian unha proposta dirixida á Modern Language Association en demanda de que os estudos sobre lingua e literatura galegas conten cunha sección propia permanente e un grupo de debate de seu no seo desta entidade. A proposta ten a súa orixe na lista de correo González-Millán Galician Studies, un foro creado en 2004 para debater asuntos relacionados con Galicia e os Estudos Galegos cunha perspectiva ampla e global.

Destácase que a creación desta sección propia permanente e dun grupo de debate "achegará a atención sobre os estudos galegos" en todo o espazo académico anglosaxón e tamén "elevará o perfil" da lingua, literatura e cultura galegas, conectadas cos estudos noutros campos

Entre os asinantes destaca a presenza do propio presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que encabeza a lista. Atopamos tamén profesores catedráticos e xefes de departamento das tres universidades galegas e de numerosos centros dos Estados Unidos pero tamén de universidades en Portugal, Alemaña, Italia, Arxentina, Francia, Reino Unido, Taiwan, Brasil, Canadá ou Rusia. Destácase que a creación desta sección propia permanente e dun grupo de debate "achegará a atención sobre os estudos galegos" en todo o espazo académico anglosaxón e tamén "elevará o perfil" da lingua, literatura e cultura galegas, conectadas cos estudos noutros campos.

A Modern Language Association é a máis importante asociación norteamericana para investigadores en lingua e literatura con máis de 30 mil membros en máis de 100 países. Os promotores desta demanda, inspirada e que reivindica o traballo pioneiro de dinamización da cultura galega nas universidades estranxeiras realizado por Xoán González-Millán nos Estados Unidos até a súa morte en accidente de tráfico en 2002, lembran tamén a actividade doutros investigadores e intelectuais. No texto destácase o labor de Ramón Martínez López, Ernesto Guerra da Cal, Xosé Rubia Barcia e Emilio González López, e tamén o traballo da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG).

A demanda está inspirada e reivindica o traballo pioneiro de dinamización da cultura galega nas universidades estranxeiras realizado por Xoán González-Millán

Saliéntase igualmente a creación de centros de estudos galegos nas universidades de Birmingham, Oxford-Queen’s College, Cork, Stirling, Bangor, California-Santa Barbara e La Trobe, en Australia. E tamén que o galego se estude en Liverpool, Exeter, Southampton Warwick (Reino Unido), e en Wisconsin-Milwaukee, ou a súa presenza cada vez máis frecuente en congresos de primeiro nivel nos EStados Unidos.

 

Congreso da MLA © MLA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.