'Piedad', a memoria da aldea nun documental

Piedad, un filme documental de Otto Roca CC-BY-NC-ND Piedad

Piedad viviu a maior parte da súa vida co seu home en Leiroso, unha pequena aldea do Bierzo illada do mundo urbano. Malia o continuo despoboamento da zona, ambos os dous quedan na súa casa, ata que aos 76 anos o alzheimer crúzase coa muller. Falecido o marido, convértese na única habitante dun lugar que nunca quixo abandonar. A doenza leva o seu fillo a trasladala á cidade da Coruña, onde a súa vida cambia tan radicalmente como as lembranzas de etapas anteriores.

'Piedad', un filme sobre o alzheimer, o despoboamento rural ou a soidade, estréase este sábado no CGAI da Coruña

O seguimento emotivo, coidado e minucioso deste itinerario de dous anos de Piedad é o fío condutor da primeira longametraxe do fotoxornalista Otto Roca, que debuta cunha película centrada na nova vida desta muller e na que é difícil saber que é verdade ou lembranza e que é produto da súa enfermidade. Incluída dentra da sección oficial do prestixioso festival de cinema documental MiradasDoc, Piedad fai a súa estrea este sábado en Galicia, a partir das 18 horas no CGAI da Coruña.

O proxecto, comenta Otto Roca, comezou hai tres anos e medio e partiu, sen intención ningunha, "dunha experiencia persoal á marxe do fotoxornalismo". "A protagonista é a nai dun grande amigo meu e eu xa coñecía aquela aldea do Bierzo dalgunha visita anterior", lembra o director dun filme que tivo a súa orixe "nunha experiencia iniciática que ten que ver coa miña vida máis que coa miña experiencia como fotógrafo".

O proxecto xurdiu "da necesidade de documentar o éxodo do mundo rural"

O certo é que a xénese da idea estaba "na necesidade de documentar o éxodo do mundo rural". "Ao final nunca sabes por onde van saír as cousas", explica Otto, que lembra cando lle plantexou á familia de Piedad levala á súa aldea de volta, unha vez que xa estaba viúva e cando xa tiña diagnosticado un principio de alzheimer. "Sempre pedía regresar alí e pedía continuamente que a levasen", recorda.

E alá marchou Otto xunto a Piedad. "Sós, en outono de 2009 e durante dúas semanas", relata. Daquela experiencia, á marxe da propia convivencia, xurdiu un material que non foi máis que o avance do que viría despois: 12 Noites con Piedad, un proxecto de fotografía documental "sen planificación". "A vida foi pasando e eu estiven con ela; foise materializando pouco a pouco", aclara.

O director pasou dúas semanas con Piedad na soidade dunha aldea do Bierzo. De aí xurdiu todo.

O que podía quedar aí foi moito máis aló. "Houbo un momento clave". Cando Marcos Nine, que acabaría sendo o guionista, contactou con Otto Roca e comezou a interesarse por un proxecto no que albiscou a posibilidade dun filme documental. "Daquela deixou de ser de base fotodocumentalista e comezou o traballo na película".

Co apoio da pequena produtora Amén e unha bolsa de Agadic, das últimas concedidas, a idea foi saíndo adiante, aínda que Otto insiste en que "nunca" pensou que daquela viaxe a Leiroso acabase xurdindo o documental. "Realmente, os filmes xorden porque algo che move a facer algo e isto é o bonito; a vida sorprendeume e foime levando ata aquí", explica.

Logo da estrea en MiradasDoc, Piedad gozou de boa acollida e estréase agora en Galicia. "A nivel de público en xeral, a historia chega moito e son bastantes as persoas que nos preguntan pola experiencia", conta Roca, que sabe entrar no circuíto dos festivais "non é tan doado". "Teñen os seus criterios propios e ás veces comerciais", aclara o director, que asegura que a temática do filme levantou tamén moito interese entre movementos e colectivos sociais como os implicados coa dependencia e o coidado dos maiores, tema fundamental na película.

O alzheimer, o despoboamento rural, a soidade... Todos estes temas nun filme "feito con calma e con cariño". Como os novos proxectos que prepara Otto Roca, sabedor que nestes tempos de crise, a pausa e o coidado son fundamentais.

 

Cartaz oficial de Piedad CC-BY-NC-ND Piedad

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.