"Ponse a natureza como escusa para non mudar as cousas. Pero os humanos fabricamos a sociedade"

Estíbaliz Espinosa © Sandra García Rey

Tomar distancia. Reenfocar a mirada para observar os humanos desde fóra de si mesmos. É o camiño que a escritora Estíbaliz Espinosa emprendeu no seu primeiro poemario individual, Pan (libro de ler e desler) (2000). Desde entón, adoptou múltiples ópticas. Do neanderthal ao cyborg. O autómata. O robot. O monstro. A besta. Seres desde os que repensarnos. En Zoom. Textos biónicos (2009) explorou ademais a relación entre creador e criatura. Autora e obra. E dese mesmo abraio polo texto, pola páxina, arranca o seu novo libro: Papel a punto de, publicado en castelán por El Gaviero Ediciones e dispoñible en galego no blogue da autora.

“Somos o que escribimos. Cando nos poñemos a escribir pretendemos que as nosas palabras creen mundos. E creámonos a nós mesmos”

A escrita como materia, como “cousa física que nos fabrica”, explica ela. Porque “somos o que escribimos. Cando nos poñemos a escribir pretendemos que as nosas palabras creen mundos. E creámonos a nós mesmos”, pensa. Recreámosnos, en medio dunha loita perpetua por deixarnos por escrito. Por rexistrarnos, perpetuarnos. Xa Zoom reflexionaba sobre a ambición humana de emular a vida. Sobre a ilusión do alquimista. A ciencia ou a arte como simulacro dunha eternidade que é só quimera.

Porque -advirte Papel a punto de-, a posteridade é igual a cero, a nada. Pura intemperie. “Non sabemos o que vai transcender de nós. Non sabemos se o que deixamos será interesante para quen veña no futuro. Pero seguimos empeñados en deixar o noso legado verbal”, asegura. Ou, como sostiña en número e (2004), nin elevados a n poderíamos traspasar o tempo. Rozar a infinitude.

Espinosa indaga en todas estas cuestións na primeira parte do libro, materia escura. Nela son recoñecibles algunha das imaxes favoritas da autora, como o ovo: o óvulo da orixe da vida. Xunto ao seu abraio pola ciencia -Carl Sagan, por exemplo-. Pero, ao lado da mirada cósmica, -un astronauta contempla a terra desde lonxe en orama (2002)-, Papel a punto de acolle outras perspectivas.

Somos artificiais, como o cyborg e o clon, duplicacións do humano. É máis, a linguaxe, o discurso, tamén son fabricación social. Do mesmo modo que a arte é, para ela, mímese, copia

Demóstrano os poemas agrupados baixo o título materia gris, ou os encabezados con fluído rosa. Os primeiros indagan no artificial: como as cidades, estruturas mecánicas de ferro e cemento. “Moitas veces ponse a natureza como escusa para non cambiar as cousas. En realidade, os humanos fabricamos a sociedade”, apunta. Somos artificiais, como o cyborg e o clon, duplicacións do humano. É máis, a linguaxe, o discurso, tamén son fabricación social. Do mesmo modo que a arte é, para ela, mímese, copia. Creación colectiva. Hipertexto, no seo do cal xorde de cando en vez algunha mutación.

Materia gris percorre Nova York e evoca ao indio que tivo que vender a súa illa por uns poucos dólares. Imaxina Ciudad Juárez e as súas mulleres asasinadas. “Decateime de que levaba tempo cun discurso moi filosófico e de que descoidara o presente. Por iso este libro é como unha pancada que me dou a min mesma”, asegura. De Ciudad Juárez conecta ademais co pensamento feminista da autora.

“Neste libro pregunto a grandes escritoras da historia como é posible escribir e ao mesmo tempo criar un fillo soa. Elas responden que iso xa o fixeron moitas. Son contraria ao vitimismo. As mulleres de Ciudad Juárez si son vítimas do patriarcado. Iso é a violencia de xénero: verdugos e vítimas. Pero polo demais, creo que os avances da posición social da muller teñen que vir da súa loita. Do mesmo xeito, interésame a forza das mulleres. A épica feminina, que non é a masculina, nin son os tópicos dos sentimentos, o intimismo...”, sinala. E desde esta épica -a “forza sobrenatural” da nai, por exemplo-, trata as relacións humanas en fluído rosa.

A especie autodenominada sapiens sapiens está conformada por individuos que só representan “un entre seis millóns”. Persoas que deben aprender a empatizar cos seus semellantes

Papel a punto de reúne textos escritos en diferentes épocas, algúns anteriormente publicados no blogue da autora, que tentou, sen éxito, que este libro fose publicado antes en galego que en castelán. A prosa convive nel coa poesía, -con algúns poemas de forma clásica, aínda que sen rima nin métrica-, ou con listas ao modo de Sei Shonagon, continuando a mesma concepción híbrida do xénero que os seus libros anteriores. O estilo, contundente en poemas longos, desenvolve unha retranca máis sutil que Zoom. Aínda que advirte do mesmo: a especie autodenominada sapiens sapiens está conformada por individuos que só representan “un entre seis millóns”. Persoas que deben aprender a empatizar cos seus semellantes. E co Outro. Porque cómpre transcendernos a nós mesmos. Traspasar os nosos propios límites. Abrirnos.

Estíbaliz Espinosa Dominio Público Praza Pública
Estíbaliz Espinosa © Sandra García Rey

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.