Por que ler Oink!?

'Mouchos, Catuxa, sapos e bruxas' de Miguel Porto en Oink! © Oink!

Eduardo Maroño analiza en Qadriños, o blog de Praza dedicado á banda deseñada, a situación da revista Oink! e a súa aposta polo cómic.

Praza recollía a nova hai uns días: nun comunicado feito público na súa web, Agalip anuncia que carece de liquidez para asumir o custe de impresión e posterior distribución do quinto número da revista Oink!. A empresa presenta esta situación coma resultado de varios factores, nomeadamente a caída das vendas tras as boas cifras acadadas polos primeiros números e a demora no pagamento dos anunciantes, ao tempo que anticipa que emprenderá unha campaña de crowdfunding para obter un financiamento que asegure a viabilidade da publicación. O lanzamento de Oink! o verán pasado foi acollido con entusiasmo en medios dixitais e redes sociais, ao non existir no mercado ningunha revista en galego dirixida a cativos. Mais a lingua, que foi percibida coma o auténtico valor engadido da publicación, non é o seu único elemento diferencial. Tamén o é o tratamento que nas súas páxinas recibe a banda deseñada.

A diferenza entre a banda deseñada desta publicación e as restantes non é cuantitativa senón cualitativa. E enorme.

As tradicionais revistas de historietas, os tebeos editados en grampa co cómic coma contido esencial ou único, desapareceron do mercado xeneralista durante os anos 90 debido ao auxe doutras alternativas de ocio para cativos, nomeadamente as tecnolóxicas. O máis semellante que a día de hoxe podemos atopar en quioscos e librarías de prensa son certo tipo de revistas para cativos, tamén en grampa, vinculadas polo xeral a algún canal, programa ou personaxe de televisión, puro merchandising no que o cómic deixou de ser a substancia fundamental para ocupar un pequeno espazo canda outro tipo de contidos. É con estas revistas coas que compite Oink!, e faino adoptando uns contidos moi semellantes. Nas súas páxinas, a banda deseñada comparte espazo con reportaxes, pasatempos, entrevistas, axenda… Agora ben, a diferenza entre a banda deseñada desta publicación e as restantes non é cuantitativa senón cualitativa. E enorme.

Posto que se trata de presentar unha marca televisiva baixo un novo formato, o que atopamos na maioría de revistas infantís actuais son cómics ferreamente estandarizados, elaborados baixo unha premisa estritamente comercial, que non pretenden ofrecer ao lector unha experiencia de seu senón unha nova faceta dunha experiencia maior. Un cómic de “Dora la Exploradora” non estará nunca ao servizo dun relato, senón do personaxe ou, para ser máis exactos, da marca. Como é obvio, a capacidade dun cómic elaborado nestas condicións para ir máis aló do anecdótico é moi limitada.

Seguir lendo o artigo en Qadriños

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.