Por todo o país, #EusonRosalía

Cartaz do acto convocado esta tarde na Coruña © AELG

Este 24 de febreiro, aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, repodúcense dunha beira a outra de Galicia (e mesmo alén do Padornelo) as accións de homenaxe á poeta, que neste ano mesmo chegaron á porta de Google, a través dun celebrado doodle. Entidades culturais, concellos e centros de ensino organizan este martes ducias de actividades, entre as que destacan as realizadas pola propia Casa-Museo e Fundación Rosalía de Castro e pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que xa o pasado domingo realizou o seu acto central no Panteón de Galegos Ilustres, cunha lectura colectiva de poemas.

A propia AELG ten convocados este martes un bo número de actos, que se poden consultar polo miúdo na súa web, algúns deles en colaboración cos Concellos que aprobaron nos seus plenos celebrar a data do nacemento de Rosalía de Castro coa lectura da súa obra. Lugo (Praza de Abastos, ás 12 horas), A Coruña (Centro Ágora, ás 19 horas), Vigo (IES San Tomé de Freixeiro, ás 19 horas), A Rúa (Biblioteca municipal, ás 19.30 horas), Bueu (Sala de exposicións: Amalia Domínguez Búa, ás 20 horas), Ferrol (Galería Sargadelos, ás 20 horas) acollerán a lectura de poemas e do manifesto feito público pola AELG. Tamén en Madrid, ás 19 horas, o Grupo Bilbao convoca unha lectura de poemas de Rosalía diante da que fora a súa residencia madrileña, na rúa Ballesta, 13.

Desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron Allariz, Ames, Burela, Betanzos, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, A Estrada, Fisterra, Foz, A Guarda, Lalín, Lobeira, Melide, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rois, O Rosal, A Rúa de Valdeorras, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade, sumándose tamén as Deputacións da Coruña e Lugo.

A Fundación Rosalía de Castro celebra o Día de Rosalía cun programa especial do Diario Cultural no que se presentará a edición en libro-disco de De Cantares Hoxe

A Fundación Rosalía de Castro celebra o Día de Rosalía cun programa especial do Diario Cultural no que se presentará a edición en libro-disco de De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que reúne os poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía publicou en Cantares Gallegos. O acto de presentación terá lugar ás 19 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón e intervirán Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e Rosa Martínez, directora da Radio Galega. Lerán os seus poemas Manuel Forcadela, Antía Otero, Arturo Casas, Carmen Blanco, Luis Glez Tosar, Olalla Cociña e Xose María Álvarez Cáccamo. A crítica literaria Ana Salgado fará unha lectura crítica do libro-CD e María Xesus Nogueira realizará unha achegamento ás antoloxías sonoras na poesía galega.

Tamén destacan os vídeos elaborados para este día polas alumnos e alumnas de centros de ensino e que se poden ver na canle de youtube da AELG. De Escairón ou Negreira, a Ares, A Coruña, Abegondo ou Lugo, pasando por Ames, Padrón, Vedra ou Carril. Son ao redor de 36, aos que hai que unir outros 35 realizados por persoeiros da cultura galega e outras persoas que atenderon os chamamento realizado pola asociación baixo o hashtag #EuSonRosalía: Marilar Aleixandre, Margarita Ledo, Mónica Caamaño, Xabier Díaz, Isaac Xubín, Xurxo Souto, María Solar, Francisco Castro, Andaravía Teatro ou a Libraría de Mulleres Lilith. Todos os vídeos, que levan un tempo circulando polas redes sociais, comezan coa frase “Eu son Rosalía porque/cando/para…”.

A celebración do Día de Rosalía inclúe moitos outros actos, en ducias de localidades de todo o país, organizados polos concellos ou por entidades culturais

Porén, a celebración do Día de Rosalía inclúe moitos outros actos, en ducias de localidades de todo o país, organizados polos concellos ou por entidades culturais. Ou por plataformas coma A Sega, de crítica literaria, que xa hai unhas semanas animaba a vestir con bufandas e outras prendas as estatuas e bustos de Rosalía existentes no país. Este martes Rosalía estará máis presente ca nunca en Ourense, coas actividades organizadas no Liceo polo Grupo Rosalauria; ademais, o Concello apoia a celebración coa inserción dunha faixa dedicada á poeta en dous autobuses urbanos, e coa distribución de poemas nos restantes autobuses da cidade. En Burela, o Colectivo Cultural Buril organiza un Maratón de Lectura, dende as 10 da mañá ata as 8 da tarde, unha iniciativa que xa o pasado tivo un gran seguimento. E mesmo en Braga, en Portugal, a Semana Cultural - Convergência Galiza/Portugal fai oco na súa programación ao Día de Rosalía. Arteixo, Salvaterra, Silleda, Boiro, Teo, Muxía, Carballo, Sober, A Estrada ou Laracha organizan tamén actos públicos este martes.

De igual xeito, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) anima a celebrar o Día de Rosalía a través da plataforma Agasallo.eu, de propostas de regalos en galego. A CTNL sinala, por exemplo, os produtos de Rei Zentolo, os da docería Fina Rei, discos coma os de Aid, aCadaCanto ou Uxía ou outros títulos coma Rosalía pequeniña, A miña primeira Rosalía ou Na lingua que eu falo.

Cartaz do acto convocado esta tarde na Coruña © AELG
O pasado ano a AELG promoveu a realización de graffitis dedicados a Rosalía © AELG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.