Porlier volverá alzarse contra o Rei en Pastoriza

Igrexa da Pastoriza (Arteixo) CC-BY-SA Praza Pública

O 19 de setembro de 1815 Juan Díaz Porlier iniciou na Pastoriza (Arteixo) un pronunciamento en defensa da Constitución de 1812 e contra o absolutismo de Fernando VII. Esa noite entrou na Coruña, onde lanzou tres proclamas dirixidas ao pobo, ao exército e á oficialidade e detivo o Capitán Xeneral (Felipe de Saint Marq), poñéndose á fronte da Xunta Revolucionaria. Co apoio das gornicións de Ferrol e Vigo e comandando os batallóns sublevados, o Mariscal dirixiuse a Santiago de Compostela para convencer ás autoridades e tropas alí acuarteladas para que se unisen ao movemento. Porén, á entrada de Ordes foi traizoado por un grupo de sarxentos. Detido, foi xulgado na Coruña e finalmente aforcado no actual Campo da Leña o 23 de outubro de 1815, lugar onde hoxe existe unha estatua dedicada a el. Tiña 27 anos.

Este sábado será presentado no Pazo de Villariza (Pastoriza-Arteixo) o Proxecto Porlier, un espectáculo teatral e musical baseado no levantamento contra o rei absolutista. A representación terá lugar o 29 de setembro en Pastoriza, un espazo esencial para Porlier, pois en boa medida foi aquí onde organizou o alzamento en defensa da Constitución. Porlier fora detido meses antes, tras ser descubertas as conversas que estaba a levar a cabo con outros liberais para buscar un cambio de rumbo no Estado, no que Fernando VII reimpuxera o absolutismo tralo seu regreso. Encarcerado no Castelo de San Antón, Porlier saíu en prisión atenuada para tomar baños medicinais en Arteixo e pasou a residir na casa de Andrés Rojo del Cañizal, en Pastoriza. Na noite do 19 de setembro cóntase que convenceu á tropa que o custodiada cun acendido discurso sobre a liberdade, dirixíndose posteriormente á Coruña para iniciar o pronunciamento.

Neste Proxecto Porlier están implicados colectivos e asociacións tanto de Pastoriza como de Arteixo. A idea e coordinación débese ao historiador local Xabier Maceiras; o texto teatral foi escrito polos autores locais Henrique Rabuñal e Miguel Sande; a montaxe é obra do grupo teatral Melandrainas, de Arteixo, con dirección de Queta Soto e Marga Fernández; e o cartaz é obra do artista César Díaz. En total participan máis de medio cento de persoas entre actores (Roque Ruiz, Antía del Río, Ana Castiñeira, Andrés Conde, Javier Regueira ou José María Ruiz), figurantes –os propios veciños e veciñas- e músicos, con Víctor Iglesias á fronte desta parte.

A representación terá lugar o 29 de setembro na praza da Igrexa de Pastoriza

Intervén de maneira especial na produción, organización e loxística a asociación cultural e veciñal O Grilo de Pastoriza; tamén colaboran o Concello de Arteixo e a Deputación Provincial da Coruña. E emprestan apoio igualmente no proxecto os membros da A. C. Abril de Lume e Ferro de Carral. Esta representación histórica pretende ter continuidade en sucesivas edicións en Pastoriza e terá lugar o 29 de setembro, como preámbulo ás festas e romarías de San Miguel en Pastoriza que se celebran todos os domingos de outubro. A representación terá lugar na praza da igrexa de Pastoriza grazas á colaboración do párroco de Pastoriza.

 

"Nada te aflixa o xénero de morte que me dan"

Encarcerado no Castelo de San Antón, Porlier saíra en prisión atenuada para tomar baños medicinais en Arteixo e pasou a residir na casa de Andrés Rojo del Cañizal, en Pastoriza

Nacido en Cartaxena de Indias en 1788, foille concedido o título de Mariscal pola súa actuación na Guerra da Independencia. Nos seus derradeiros días, escribiu unha carta á sua muller, dona Josefa Queipo de Llano, onde dicía: "Nada te aflixa o xénero de morte que me dan, porque ela non deshonra senón aos malos, aos bos cóbreos de honor e gloria". A viúva foi encerrada nunha cela dun pequeno Colexio de Orfas na cidade de Betanzos baixo a custodia de Vicente Feliciano Faraldo, pai de Antolín Faraldo. En 1820, tralo triunfo do alzamento de Riego, os restos de Porlier foron inhumados con honra na capela de San Roque (que daquela existía a poucos metros do Campo da Leña). En 1823, coa volta do absolutismo foi de novo exhumado e enterrado no cemiterio de Santo Amaro da Coruña, mais non se sabe onde.

 

Juan Díaz Porlier, nun gravado publicado en 1880 en 'La Ilustración Gallega y Asturiana' Dominio Público Praza Pública
Estatua de Porlier na Coruña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.