Propoñen darlle o nome de Juan Compañel á biblioteca municipal de Vigo

Capa da primeira edición de Cantares Gallegos © http://omarmuriodaonda.blogaliza.org

O Colectivo Cultural A Nave das Ideas vén de entregar no rexistro do Concello de Vigo unha proposta para darlle o nome de Juan Compañel á biblioteca municipal da cidade. Quérese deste xeito recoñecer a tarefa de Juan Compañel como editor e impresor de Cantares gallegos, a obra de Rosalía da que celebramos os 150 anos da súa publicación.

Ademais destacan que con este recoñecemento tamén se destaca a "rica tradición editorial" de Vigo que dende a asociación coidan necesario reivindicar. Juan Compañel foi unha "persoa capital na configuración do Rexurdimento galego dende a prensa de tendencia galeguista e progresista".

En 1856 trasladouse a Vigo, onde publicou La Oliva con Alejandro Chao, José Ramón Fernánedz e Manuel Murguía. En abril de 1857 o goberno suspendeu a publicación, que tomou o nome de El Miño volvendo á súa primeira denominación en 1868. Na súa imprenta publicouse o 17 de maio de 1863 Cantares gallegos de Rosalía de Castro. En 1873 marchou a Cuba, foi secretario do concello de La Catalina e fundou e dirixiu La Lealtad (1882) de Cienfuegos, Diario de Cárdenas (1883) e La Unión de Colón. Volveu a Vigo en 1891 para recuperarse do seu feble estado de saúde, e regresou a Cuba dous anos máis tarde, onde morreu en 1897.

Capa da primeira edición de Cantares Gallegos © http://omarmuriodaonda.blogaliza.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.