Públicos e comunicación cultural

A TVG conserva un oasis cultural, o Zigzag Diario, auténtico referente para o sector © CRTVG

Ocorre que, como culminación dos últimos trinta anos de cultura galega, hai profesionais, mais non acaba de aparecer o público. E, se non hai medios, tamén é difícil que haxa público. Da mesma maneira que, se non hai público, é complicado que haxa medios culturais”. Camilo Franco

Os públicos non temos que crealos, están aí. O que temos é que atopalos, coñecelos, achegalos a nós e á nosa proposta. E aquí é onde ten o seu papel protagonista a comunicación cultural

O principal reto ao que se enfronta a cultura galega é o da creación de públicos. Disque. Isto, que a priori pode parecer unha afirmación circunstancial, á forza de ser repetido converteuse en axioma estrutural. Os representantes políticos falan nos seus discursos –e nas bases das axudas públicas- de “esforzo colectivo na creación de públicos” e de fomento do consumo cultural. Por veces, este parece ser o único argumento compartido por todas as partes na definición dunha política cultural para o país.

As persoas están, existen. E teñen, temos, unha relación íntima coa cultura. Consumímola e creámola. Ás veces, sen decatármonos. Neste non decatármonos do feito cultural, prodúcense algúns desaxustes. Porén, nego a maior: os públicos non temos que crealos, están aí. O que temos é que atopalos, coñecelos, achegalos a nós e á nosa proposta. E aquí é onde ten o seu papel protagonista a comunicación cultural. 

Dediquei os últimos dez anos a construír unha ponte entre a creación cultural e a sociedade galega, man a man con moitas e moi diversas empresas e colectivos. Escritoras, editoras, guionistas, dramaturgas, clowns, actrices e produtoras, docentes, máis ilustradores ca ilustradoras, máis músicos ca músicas e moitos máis directores ca directoras, managers, xerentes, programadores, algunha programadora, distribuidoras, axitadores de conciencias, enlazadores de mundos e fervedores de ideas, a lume lento ou a todo gas. Todas as persoas coas que traballei ao longo destes anos teñen en común o talento, a determinación e o compromiso. Unha aposta persoal e profesional pola creación propia. A aceptación dun alto risco. 

Hai un certo descoñecemento dos públicos aos que se dirixen. Aos que se poderían dirixir

Pero tamén teñen en común, a maioría deles, un certo descoñecemento dos públicos aos que se dirixen. Aos que se poderían dirixir. Con frecuencia, enfocan ben un deles. Ben o institucional, ben o empresarial, ben o consumidor final. Ou un dos consumidores finais, aquel que tiñan na cabeza cando definían a súa proposta. Ás veces, bastantes veces, este público final é moi similar ao propio creador ou creadora. Custa máis abrir o foco e descubrir que hai unha enorme variedade de perfís do outro lado da -poñéndonos, por un momento, un chisco convencionais- pantalla, do altofalante, da páxina ou do telón. 

Non sei se esta característica é específica do sector cultural galego. Intúo que non, que sempre se ve con maior claridade e perspectiva dende as marxes do proceso creativo. En todo caso, este é un dos maiores retos aos que se enfrontan os proxectos e entidades culturais en Galicia: descubrir os seus públicos, todos eles. Velos e intentar coñecelos na maior profundidade posible. Achegarse a eles e aos seus hábitos, ás súas necesidades, aos seus códigos, ás canles compartidas.

A finais do século pasado e aínda a comezos do actual, todos os públicos da cultura tiñan alomenos unha canle común: os medios de comunicación convencionais. A radio, a prensa e a televisión, en cadanseu momento e lugar, adicaban un espazo á información cultural. Podía ser pequeneiro, pero era. A dificultade, que non era menor, estaba en conquistar a ollada dos profesionais especializados. E, en fin, en que estes cumprisen a súa parte do trato e conquistasen o interese do público.

Porén, é ben sabido que os medios convencionais teñen vivido nas últimas décadas unha profunda crise debido –principalmente, pero non só- á súa incapacidade para adaptar o seu modelo de negocio ás novas tecnoloxías da información, co seu cambio de soportes e de narrativas, coas súas potencialidades e cos seus riscos. As primeiras vítimas desta crise foron as e os xornalistas. Especialmente, os especializados en cultura. Unha temática considerada xa de vello menor á hora de achegar recursos aos medios e, polo tanto, inmerecedora do esforzo que require abordala con profesionalidade. 

Degaxaron as seccións de cultura e desapareceron as poucas cabeceiras de prensa impresa que facían bandeira da información cultural: o Galicia Hoxe, o Xornal de Galicia, A Nosa Terra ou a delegación galega de El País

Dicían os profesionais dun xornal galego a comezos do século XXI que a cultura era o espazo que quedaba entre os deportes e as esquelas. E, se hai unha morte repentina, unha esquela non lle vai comer oco ao deporte!

Degaxaron as seccións de cultura e desapareceron as poucas cabeceiras de prensa impresa que facían bandeira da información cultural: o Galicia Hoxe, o Xornal de Galicia, A Nosa Terra ou a delegación galega de El País. A cultura galega viuse relegada a caixóns de xastre, como a axenda local ou a información de lecer ou sociedade, e –no mellor dos casos- ao oco que lle corresponde nos suplementos semanais especializados, como o Fugas de La Voz de Galicia, o Faro da Cultura do Faro de Vigo, o Nordesía do Diario de Ferrol, do Ideal Gallego e do Diario de Arousa ou o Táboa Redonda do Grupo El Progreso. E é que, dentro destes suplementos, os proxectos culturais galegos teñen grandes dificultades para conquistarlles algo de terreo ás propostas foráneas.

Nos medios, o espazo é escaso e a competencia, feroz. A cultura mainstream, en castelán e en inglés, ocupa tamén ese último balón de osíxeno. Como tamén ocupa o das principais emisoras de radio e o da inmensa maioría das canles de televisión. Os medios audiovisuais autóctonos foron, tamén, degaxando ata quedar reducidos ás canles públicas galegas (Radio Galega e Televisión de Galicia), a unha Radio Voz a cada momento máis recluída nos cuarteis locais, como tamén se recluíron as principais emisoras privadas estatais (SER, COPE, Onda Cero), a unhas cantas emisoras públicas municipais e a Localia Vigo, Telemiño e, ata hai ben pouco, Televinte (cuxo funeral dixital -A mellor despedida,o voso agarimo: #20anos contigo-, pódese seguir nas redes), que manteñen aceso con grandes limitacións o lume das televisións locais. TVE conserva en Galicia unha desconexión diaria e as canles estatais privadas manteñen as delegacións, pero non os espazos propios que tiveran outrora. O público está, pero moito máis fragmentado e infiel. Aos medios convencionais cústalles, tamén, manter a súa parte do trato.

A TVG conserva un oasis cultural, o Zigzag Diario, auténtico referente para o sector, como tamén o foi durante décadas, na Radio Galega, o Diario Cultural

Conquistar espazo nos medios convencionais sigue sendo, porén, un obxectivo prioritario. Por moi pequenas que sexan as súas audiencias, para un proxecto cultural son moi golosas. Imprescindibles. A TVG conserva un oasis cultural, o Zigzag Diario, auténtico referente para o sector, como tamén o foi durante décadas, na Radio Galega, o Diario Cultural. Con respecto a este último, a dirección do ente público asegurara no momento da súa supresión (maio do 2018) que non se trataba tanto dunha morte como dunha transformación e que, á volta do verán, o Diario volvería cunha maior presenza na grella. A marca, efectivamente, espandiuse no cuantitativo e ocupou diversos espazos dentro e fóra dos principais magazines da canle, pero as voces críticas recordan que esta mutación é similar á que levamos anos presenciando nos medios impresos e que, en fin, non resultou moi favorecedora para a calidade da información cultural no país.

Fóra destes dous espazos de trato preferente, e doutros especializados como a cinematográfica Sala 5, o musical Estudio 3 ou o literario Chamando á terra, desaparecido no verán coa reestruturación dos contidos culturais baixo o paraugas do Diario Cultural, a cultura galega pode –e debe- pelexar o seu oco no resto de programas da grella. Os informativos, os magazines e os programas de variedades do prime time son especialmente atractivos, pola súa capacidade para achegar a nosa proposta ás grandes audiencias. Neste sentido, cómpre lamentar a desaparición das delegacións locais da Radio Galega, acubillo tradicional para proxectos culturais galegos pequenos –e non só- que atopaban nas desconexións informativas unha canle de conexión interesante co seu público xeográfico. Quedan, porén, as delegacións locais das emisoras públicas e privadas do Estado e de Radio Voz, que poden ser excelentes transmisoras locais das nosas propostas. Se o noso proxecto achega unha dimensión pintoresca ou unha imaxe chamativa, tamén poderemos conquistar o interese dos informativos dos grandes medios do Estado. Pero, con isto, en fin, non podemos contar.

 “Profesionais non só do xornalismo senón de diversos ámbitos da cultura ou da educación asumiron boa parte dese traballo ao que os medios renunciaron”, di Montse Dopico

A sociedade foi neste, coma en moitos outros contextos, por diante das empresas de comunicación”, asegura a xornalista Montse Dopico en A cultura en Internet: facer da necesidade virtude. “Profesionais non só do xornalismo senón de diversos ámbitos da cultura ou da educación asumiron boa parte dese traballo ao que os medios renunciaron”, engade. “E Internet supuxo, nese sentido, a oportunidade para crear e difundir un tipo de información cuxa produción se torna cada vez menos dependente das estruturas da vella prensa”. 

Dopico é un referente na comunicación cultural contemporánea en Galicia. Neste informe, que asina dentro do volume A comunicación en Galicia 2015 do Consello da Cultura Galega, destaca a potencia que acadaron no país as webs culturais a comezos do presente século. En efecto, son múltiples as iniciativas dixitais xurdidas para cubrir o oco que os medios convencionais foron deixando, especialmente, na información cultural. Webs especializadas por xénero -teatro, literatura, música e audiovisual, principalmente- ou por localidade. Axendas que, puntualmente, intentan con maior ou con menor éxito dar o salto ao papel. 

Trátase dun esforzo inxente que, con demasiada frecuencia, pasa factura aos seus impulsores. E é que ningún destes proxectos conseguiu, polo momento, ser rendible. O que os leva, máis tarde ou máis cedo, cara á desaparición. Dopico cita no seu informe un cálculo do director de culturagalega.gal, Manuel Gago, que cifra en entre 16.000 e 20.000 os lectores e lectoras da información cultural en Galicia. E precisa que terían que chegar aos 50.000 para “poder falar de viabilidade en canto a ingresos por publicidade”. Eu engadiría que o sector tería que ser, tamén, consciente dos beneficios que suporía para todas e todos nós contar con medios especializados que nos achegasen directamente a un público obxectivo, interesado e informado, consciente e activo.

O salto da viabilidade económica parecen telo dado propostas dixitais de información xeral como Praza, Sermos e Galicia Confidencial (que mesmo está participando no lanzamento de novas plataformas que buscan o público local) ou iniciativas de corte máis local como Que Pasa na Costa, Pontevedraviva, Coruñahoy ou Vouaxenda, por mencionar só algúns nomes. Estes últimos ofrecen unha excelente canle de comunicación con públicos xeograficamente ben definidos, pero carecen da capacidade para elaborar información cultural propia. Os primeiros fan un visible esforzo por cubrir esa necesidade, dentro das súas posibilidades. Son aliados imprescindibles.

A canle principal de comunicación para os proxectos culturais do país son as webs e as redes sociais propias

Finalmente, neste contexto, a canle principal de comunicación para os proxectos culturais do país son as webs e as redes sociais propias. As do proxecto e ás das persoas que o levan a cabo. E isto, que ten unha vantaxe evidente -a comunicación non mediada, que elimina a necesidade de conquistar ao profesional especializado- presenta, tamén, enorme desafíos. O máis evidente é o de chegar ao público. A todos os nosos públicos. As responsables de comunicación dos proxectos culturais galegos sentímonos como Sísifo, subindo unha e outra vez a mesma montaña, creando unha e outra vez canles que conecten o público coa cultura. Pero hai outro desafío que, con frecuencia, pasa desapercibido. Ata o punto de que hai axentes culturais galegos que mesmo o confunden cunha vantaxe. 

Na comunicación non mediada nós somos as únicas responsables das mensaxes que lles chegan aos nosos públicos. Isto ten unha parte boa, claro: eliminamos o risco de informacións erróneas ou críticas negativas. Pero tamén eliminamos a posibilidade de que alguén mellore as nosas mensaxes e isto supón unha enorme responsabilidade. Só de nós depende captar o interese da audiencia. Se empregamos textos, fotografías e vídeos de pouca calidade, o público recibirá textos, fotografías e vídeos de pouca calidade. É o penúltimo grande esforzo que esixen os proxectos culturais galegos: todas, todos, somos xornalistas especializados. E, se non o somos, é mellor que vaiamos pensando en contratar alguén. Velaí a miña principal recomendación para o futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.