Que facer coa cultura?

O público ateigou o Culturgal © Culturgal

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editores (AGE) e Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) veñen de facer público o manifesto A cultura galega, a nosa angueira, moi crítico coa xestión do Goberno galego en materia cultural. No texto, que comeza citando os versos de Xosé María Díaz Castro para denunciar os "pasos atrás" experimentados pola cultura galega nos últimos tempos, destácase que "hoxe, tantos anos despois daquelas iniciativas culturais que na década dos 70 do pasado século ergueron o facho para alumearen o camiño da recuperación cultural de Galiza, segue sendo a iniciativa popular asentada en asociacións, colectivos, estruturas profesionais e algunhas institucións conscientes, a que mantén viva a nosa cultura, moitas veces contra o vento e a marea institucional que, escusándose na crise, practican a destrución cultural de noso e, por tanto, da industria cultural, empobrecendo o noso país ao privalo dun dos medios de produción propios". 

O texto sinala o incremento do IVE cultural ao 21% "que non sofren outras actividades de ocio, de cualidades formativas e educadoras ben cuestionadas, como os espectáculos futbolísticos ou taurinos", a eliminación do Día de Rosalía do Calendario do Libro e da Lectura, a situación do sector das artes escénicas, os recortes no sistema de bibliotecas públicas, e "a redución da presenza da nosa lingua nas aulas, un elemento fulcral para o sostén da nosa cultura, mesmo por motivos económicos, se nestas escuras tebras en que vivimos haxa quen só entenda estes argumentos". Neste senso lembran que "a produción de libros, materiais didácticos e diferentes ofertas culturais en galego para acompañar a docencia se traduciría en incremento do PIB, isto é, emprego e riqueza, que se multiplicaría tamén fóra do ámbito docente e dentro do corpus social".

O manifesto conclúe que o ano 2013 "confirmou unha praxe política de desmantelamento dos sectores culturais, tamén xeradores de fortaleza económica como industria cultural, o que, desde actitudes desafiantes  e provocadoras, se concretou na asfixia económica que pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social". E péchase proclamando que "entendemos a cultura galega como tecido creador de cidadanía cohesionada con valores democráticos, depositaria e defensora da nosa identidade como pobo" e que "seguiremos creando na lingua que falamos porque a nosa angueira é que a nosa lingua e a nosa cultura sexan plenamente normais e estean presentes en todos os lugares e en todos os tempos".

Pensamentos sobre: que facer coa cultura?

De igual xeito, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural está a promover un proceso participativo de debate, materializado nunha xeira de encontros con axentes da cultura galega, arredor do documento Pensamentos sobre: que facer coa cultura?, presentado o pasado ano. O documento foi elaborado pola AGPXC coa intención "de contribuír ao debido proceso de reflexión sobre a cultura que entendemos é preciso nestes momentos" e busca ser compartido e debatido con máis colectivos e administracións públicas. A Asociación agrupa 61 xestores culturais privados, técnicos municipais e responsables de espazos culturais, tanto do eido público como do privado.

O documento foi elaborado pola AGPXC coa intención "de contribuír ao debido proceso de reflexión sobre a cultura que entendemos é preciso nestes momentos"

O primeiro encontro tivo lugar no centro Ágora da Coruña o pasado 6 de maio, e os responsables da AGPXC sinalan que "foi todo un éxito de participación, o que para nós indica que desde dentro do sector/mundo da cultura hai unha necesidade clara de xuntarse a falar para poñer en común estratexias que melloren o noso presente e enfoquen camiños futuros para a nosa cultura". O martes que vén terá lugar na Galería Sargadelos de Compostela un novo encontro.

O documento Pensamentos sobre: que facer coa cultura? alerta de que os recortes e o "desmantelamento" de redes e estruturas están poñendo en perigo "o dereito da cidadanía a acceder de xeito igualitario á diversidade cultural e ao coñecemento"

O documento Pensamentos sobre: que facer coa cultura? alertaba de que os recortes e o "desmantelamento" de redes e estruturas estaban poñendo en perigo "o dereito da cidadanía a acceder de xeito igualitario á diversidade cultural e ao coñecemento". O texto advirte tamén de que "as medidas curtopracistas que se están a tomar non solucionan os problemas estruturais da economía e da nosa sociedade". "Todo o contrario, están a acelerar a desaparición de estruturas, iniciativas e redes que si funcionan ou funcionaban e que será moi difícil volver a recuperar", sinalan.

O texto salienta así mesmo que os recortes se realizan "en áreas esenciais para unha sociedade que pretenda ser sostible, solidaria e con opcións de futuro", en referencia aos servizos sociais, á sanidade e "aos tres alicerces da sociedade do coñecemento: a educación, a ciencia e a cultura". E máis aló da diminución nos orzamentos, denúnciase a "improvisación" na xestión das administracións, a "falta de análise das súas repercusións, ausencia de estratexias alternativas e en demasiadas ocasións, un abandono de funcións".

Sinala, ademais, que aínda que as institucións públicas teñen a obriga constitucional de promover e tutelar o acceso igualitario á cultura e o coñecemento, "os axentes culturais debemos reflexionar tamén sobre os valores que hai detrás do noso traballo e o que lle achegamos á sociedade, co obxectivo de que a cultura recupere a súa función de motor social e económico".

Engaden que en tempos de reducións orzamentarias, "debe extremarse a transparencia orzamentaria e de contratacións, priorizando as convocatorias abertas e a esixencia de responsabilidade na xestión económica e social dos nosos recursos"

No informe reivindicase que as políticas públicas "deben realizarse cunha planificación estratéxica a longo prazo e orientadas ás necesidades da sociedade e o territorio que ocupan". Tamén lembra que "debe escoitarse e facer partícipes das políticas públicas a profesionais, asociacións sectoriais e á cidadanía" e que "deben reorientarse os usos dos recursos non monetarios das administracións e abrir á sociedade a xestión de espazos públicos infrautilizados". Finalmente, sublíñase que en tempos de reduccións orzamentarias, "debe extremarse a transparencia orzamentaria e de contratacións, priorizando as convocatorias abertas e a esixencia de responsabilidade na xestión económica e social dos nosos recursos".

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural organizou varias encontros de debate e reflexión nos últimos anos © AGPXC
O público ateigou o Culturgal © Culturgal
O Culturgal volveu ser un éxito © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.