Que soe a música no Liceo Mutante

Un dos concertos que acolleu o Liceo Mutante © David Tombilla

Cando nos últimos anos se viña falando da crise da música e da industria musical en Galicia ou das dificultades que as bandas atopaban para tocar en directo, decote se adoitaba engadir algunhas excepcións. E o Liceo Mutante de Pontevedra era case sempre a máis sobranceira. Un espazo gabado por artistas e público non só pola súa programación de calidade e polo trato que dispensaba a todos, senón tamén pola beleza do lugar e polo método de traballo escollido.

Optárase por recuperar un espazo abandonado pero, procurárase pasar por riba dos obstáculos que sufriran algunhas experiencias moi valiosas coma fora a da Casa das Atochas na Coruña. Os promotores do Liceo Mutante optaron por aterse á legalidade pagar un aluguer e deseñar unha programación cultural moi intensa e variada para facelo rendible social e economicamente, situando Pontevedra na vangarda galega en moitos eidos, tamén o musical.

O problema é que o local non contaba con licenza para a organización de concertos, a pesar de estar situado nas aforas de Pontevedra e de que dificilmente o ruído xerado podía molestar algún veciño. Dende a Asociación Cultural que o xestiona tentouse conseguir a necesaria licenza, pero dende o Concello obtiveron unha resposta negativa. Porén, animáronos a continuar desempeñando a súa función de divulgación cultural avisándoos, iso si, de que se recibian algunha denuncia por ruídos, a policía local veríase obrigada a actuar.

Dende a asociación denúnciase que o pasado sábado 24 de novembro "sen mediar denuncia, a policía local de Pontevedra personouse no local con ánimo sancionador atendendo á citada orde do mes de agosto sen que mediara denuncia algunha por ruidos ou similares, emitindo a correspondente denuncia". Dúas semanas máis tarde, este pasado sábado día 8 de decembro, volveu persoarse antes do comenzo do concerto programado para esa data "coa firme intención de parar o evento", volvendo a facer acto de presencia durante a realización do mesmo, "polo que nos vimos na obriga de suspendelo e de desaloxar a todo aquel que se atopaba no interior do local", afirman dende a asociación.

A Asociación Cultural recoñece que "a nosa situación non é a desexable, e que coa lei na man non temos razón" pero critica que "a policía está a actuar de xeito persecutorio e interrompendo unha actividade sen ánimo de lucro, de libre intercambio cultural, respectuoso coa veciñanza e coa cidadanía da vila de Pontevedra". Engaden que o Liceo Mutante seguirá loitando "polo que consideramos xusto, polo que cremos unha necesidade cultural demandada por un amplo sector da sociedade; por iso seguiremos adiante ata conseguir regularizar a nosa situación". Este xoves celebrarase unha asemblea que decidirá por votación dos socias e socios as medidas a adoptar.

Un dos concertos que acolleu o Liceo Mutante © David Tombilla
Celebración de San Xoán © Liceo Mutante

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.