Quen descubriu realmente os fragmentos do 'Livro da Montaria' en Lugo?

Capa do 'Livro da Montaria' © simecqcultura.blogspot.com

Hai unhas semanas as arquiveiras María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela, daban a coñecer que viñan de descubrir no Arquivo Histórico Provincial de Lugo un fragmento do desaparecido Livro da Montaria do rei portugués João I, unha das obras máis importantes editadas en Portugal no século XV. A través do blog de Anabad Galicia explicaban que, grazas ás indicacións realizadas por "un investigador" en abril do pasado ano, atoparan que os pergamiños usados para a encadernación duns protocolos notariais do distrito de Monforte de Lemos correspondían a "un códice que trata de caza, escrito en galego ou en portugués e en escritura gótica". "Nun primeiro momento" -sinalaban- "tentamos identificar a obra e, cotexando co texto da copia publicada, descubrimos que se trata do Livro da montaria de João I de Portugal".

Hai menos dunha semana o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, anunciaba, acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; a directora do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, Dolores Pereira; e o profesor e académico Ramón Lorenzo, que o Arquivo Histórico Provincial de Lugo ía proceder a restaurar estes fragmentos, un conxunto de dez pregos enteiros, dez medios pregos e catro fragmentos, maioritariamente dos libros primeiro e terceiro e, en menor cantidade, do libro segundo.

Díaz Pazos comenta que "primeiro con sorpresa e logo con franca indignación" leu a nova da descuberta do 27 de febreiro, seis días despois de solicitar a dixitalización

Porén, o investigador Andrés Díaz Pazos afirma que a descuberta destes pregos foi realizada por el e denuncia que un intento de apropiación do seu traballo e méritos. Andrés Díaz sinala que en 2011, no marco do proxecto de catalogación dos órganos de Galicia, visitou o Arquivo Provincial de Lugo e descubriu con sorpresa "que unhas gardas en pergamiño de varios protocolos de Monforte contiñan uns textos en letra gótica, aparentemente escritos en galego-portugués". Afirma que "de feito semelláronme ser bifolios consecutivos dun tratado de montería, con grande interese potencial" e apunta que "anotei este feito nos meus rexistros informáticos de investigación e o fixen constar ao persoal do arquivo".

O investigador explica que o pasado 21 de febreiro solicitou "por escrito, e previo pago das taxas correspondentes", a dixitalización de "todas as portadas e contraportadas dos protocolos notariais citados". No momento de solicitar esa dixitalización, di, "ninguén me fai constar nada sobre que se esté a levar a cabo investigación algunha". Díaz Pazos comenta que "primeiro con sorpresa e logo con franca indignación" leu a nova do 27 de febreiro, seis días despois de solicitar a dixitalización, de que dúas traballadoras do arquivo, María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela, afirmaban ter “descuberto” o tratado de montería.

Díaz Pazos responde tamén ao apunte realizado polas investigadoras, que sinalan que partiron das indicacións realizadas por "un investigador" sobre un erro na catalogación do documento: "Non é certo que eu fixese a simple observación de que había un erro no índice, senón que, como teño dito, xa en 2011 fun plenamente consciente, por algúns dos termos do texto dos pergamiños, de que podía tratarse dun tratado de montería. Este feito foi anotado nos meus documentos informáticos de investigación". "O citarme como un investigador" -engade- "paréceme tamén grave, pois ese investigador ten nomes e apelidos comprobables a través dos rexistros documentais do propio arquivo, do cal son plenamente conscientes no AHPL".

Para Andrés Díaz "é evidente que esas traballadoras publican ese descubrimento ao decatarse das intencións do seu verdadeiro descubridor de analizalo, nunha manobra, como mínimo, pouco elegante"

Para Andrés Díaz "é evidente que esas traballadoras publican ese descubrimento ao decatarse das intencións do seu verdadeiro descubridor de analizalo, toda vez que solicita a dixitalización de todos os bifolios presentes en protocolos de anos consecutivos, co cal deciden adiantarse sen citar ao autor do achado, nunha manobra, como mínimo, pouco elegante". "Paradoxalmente" -conclúe- "agora se me ten negado a dixitalización dos documentos pois están en estudo e restauración, cando o día 21 de febreiro, no momento de solicitar a dixitalización, aínda formaban parte da encadernación dos protocolos".

 

Unha única copia conservada en Lisboa

O Livro da Montaria foi redactado na corte de João I de Portugal, ao parecer, por iniciativa directa do rei. Adoita datarse entre 1415 e 1433

O Livro da Montaria foi redactado na corte de João I de Portugal, ao parecer, por iniciativa directa do rei. Adoita datarse entre 1415 e 1433, porque, no texto, D. João intitúlase señor de Ceuta, e esta cidade foi tomada o 21 de agosto de 1415; finalmente, en 1433 prodúcese o pasamento do rei. Está estruturada en tres libros, sumando un total de 70 capítulos. Este libro críase perdido ata o momento actual, agás un único fragmento que estudou o profesor Ramón Lorenzo, e que se atopaba en posesión dun particular. Nos últimos, días, segundo destaca a Consellaría de Cultura, mostraron o seu interese por este achado representantes da Biblioteca Nacional de Portugal e investigadores da Universidade de Berkeley, nos Estados Unidos.

A finais do século XVIII ou principios do XIX, elabórase unha segunda copia a partir da primeira, na que se declara que xa non se conserva o manuscrito medieval de Monforte. Esta segunda copia custódiase actualmente na Biblioteca Nacional de Lisboa

A obra formou parte da biblioteca de D. João e do seu fillo D. Duarte. A partir dese momento, desaparecen as referencias ao manuscrito ata que, en 1626, o bacharel Manuel Serrão de Paz copia un exemplar que se atopa no Colexio da Compañía de Xesús de Monforte de Lemos. Pero non se conserva, aparentemente, nin o manuscrito de Monforte nin a copia do século XVII. A finais do século XVIII ou principios do XIX, elabórase unha segunda copia a partir da primeira, na que se declara que xa non se conserva o manuscrito medieval de Monforte. Esta segunda copia custódiase actualmente na Biblioteca Nacional de Lisboa e está publicada.

As dúas investigadoras que reclaman ter descuberto os fragmentos afirman que "na época en que foron utilizados os pregos do libro para encadernar protocolos notariais, probablemente no século XVIII, xa debía de atoparse o manuscrito estragado, desmembrado ou descosido como para que non resultara recoñecible e se lle dera este uso".

Capa do 'Livro da Montaria' © simecqcultura.blogspot.com
Fragmento do 'Livro da Montaria' © Anabad-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.