Quen escribe a historia?

© Teatro do Atlántico

Helena, a lurpia. A puta. A traidora. A infiel. É quen nos fala, 25 séculos despois, para someterse ao noso xuízo. Por primeira vez, é a súa a voz que escoitamos. A voz que nos interpela. Porque, quen escribe a historia? Quen non nos contou que fora violada, dobregada e sometida? Quen nos fixo crer que Troia ardeu por ela, cando só foi culpable de amar e negarse a seguir sendo utilizada como mercadoría? Así é 'Helena: xuízo a unha lurpia', de Teatro de Atlántico. María Barcala interpreta, nesta obra, unha Helena forte, desafiante. Un torrente de emocións que transitan ante nós nun escenario branco no que só podemos escoitala. Empatizar. Porque é, en realidade, unha muller do século XXI denunciando o abuso de poder. A violencia de xénero. A destrución e o asasinato. O sinsentido.

A obra é Teatro do Atlántico en esencia… Teatro de texto, de actor…

Pode verse así, si. A nosa esencia é o traballo de actor. Xulio non é un director ao que lle gusten as grandes montaxes, o que quere é comunicar unha historia a través do actor, e esta é unha obra moi da nosa esencia neste sentido. De feito, cando empezamos a traballar tiñamos moitos máis elementos, que fomos eliminando ata chegar á escenografía en branco. Antonio F. Simón, que fixo un traballo moi bo, decorara toda a escenografía, mais ao final decidimos, -con el de acordo, claro-, quedar co esencial.

Como preparaches ese personaxe tan complexo? Cantas Helenas hai na túa Helena?

Traballamos cun texto xa pechado, o de Miguel del Arco, cunha estrutura definida e unha idea clara do que quería contar. Para min, o texto é a materia fundamental de traballo. Pero claro, ao interpretar unha Helena de Troia tamén tiña que ir ás fontes. Volvín ler a Ilíada, que foi un pracer, na edición de Agustín García Calvo. Lucía Regueiro, que é a axudante de dirección, fíxome un libro con información sobre os personaxes que aparecen…

Agora ben, todo isto é para irte mergullando na personaxe. Teríame encantado ir a Grecia, pero iso era imposible… Mais o que che dicía: todo iso é traballo previo que despois hai que esquecer, dalgunha maneira, para traballar coa túa propia personaxe. Traballei moito co texto, funo debullando nos ensaios… E foi realmente un traballo moi difícil atopar o ton, o código, porque a personaxe pasa en escena por moitas vivencias. Sempre dicimos que o que fai Helena é un alegato da súa vida. Na Ilíada non ten voz propia, só é usada como escusa para facer a guerra. Aquí, na nosa obra, e no texto de Miguel del Arco, é ela quen fala. Non é un xuízo: é un alegato.

"Foi realmente un traballo moi difícil atopar o ton, o código"

Dicías que fora difícil atopar o ton. Ela é desafiante, -desafía os deuses, a familia… o poder, en fin-, forte, subversiva, reivindicativa… E pasa por moi distintos estados emocionais na escena.

É unha Helena con 25 séculos, unha Helena deteriorada, cansa, farta de vivir. Por iso di que quere non ser, que quere o esquecemento. Xa non pode máis, nin con ambrosía nin con nada. Despois, desde o meu punto de vista, eu entendo que o que ela fai é un alegato no que descarga a culpa que sente. Porque aínda que unha persoa estea convencida da súa inocencia, a culpa é sempre unha lousa brutal. E eu creo que o que fai, ao final, é perdoarse a si mesma, e así liberarse. Claro que esa é a miña interpretación, porque o texto pode entenderse de distintas maneiras. Era moi importante saber de onde partía e a onde chegaba, e eu creo que é aí onde chega.

"Eu creo que o que fai, ao final, é perdoarse a si mesma, e así liberarse"

Ela di que o único que fixo foi amar, igual ca Hécuba, que decide non matar a Paris e deixarllo a uns pastores malia a profecía de que ía traer a desgraza a Troia.

Si, claro. E o que ela manifesta, ademais, é que toda a súa vida foi tratada como unha mercadoría. Quen escribe a historia?, pregunta, porque non é iso o que se contou dela. E non só iso. É usada como escusa para facer a guerra. Así, estanos a falar do poder, do abuso de poder, de como actúan os humanos en tempos de guerra… Ela padecera toda esa dor da guerra, e ao tempo que se expresa, que nos conta a súa historia, vainos descubrindo o que acontecera na guerra…

Nesa parte é fácil pensar, ao ver a obra, na guerra de Siria, na actitude imperial de Estados Unidos (e de Europa), vingándose cunha guerra totalmente destrutiva… Resulta moi actual.

É que é iso. É a mesma lóxica do poder. Na nosa dramaturxia fixemos fincapé niso, na guerra. Xulio traballou esa parte coa Ilíada de Baricco. Queriamos que iso estivese moi presente. Por iso resulta actual: o relato da guerra, da violencia de xénero… Tamén por iso quixemos levar a escena o texto de Miguel del Arco. E tamén é verdade que a nosa compañía adoita escoller textos que resulten actuais. É unha Helena de Troia que fala do seu mundo e do mundo de hoxe. Podiamos non facelo así, pero iso é o que queriamos: unha muller forte, á que as bágoas tamén lle caen de dor, de rabia e de impotencia, pero que é un auténtico volcán ao falar da fachenda e da ansia de poder dos que arrasan Troia poñéndoa como escusa.

"Na nosa dramaturxia fixemos fincapé niso, na guerra"

Está moi presente iso, o tema da honra, e da masculinidade mal entendida asociada a ela. Menelao ataca Troia poñendo como escusa recuperala a ela, que marchara con Paris. Pero en realidade, dinos ela, a súa motivación era só a cobiza. E a vinganza.

Iso está no texto tamén. Miguel del Arco é un grande coñecedor do mundo grego dese tempo, e o texto de feito ten algo de lección de mitoloxía. Nós eliminamos algúns personaxes, en realidade, na nosa dramaturxia. Xulio decidiu pulir o texto para conseguir o obxectivo de establecer unha relación co espectador no aquí e no agora, a través da voz de Helena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.