Quen traba no idioma?

Imaxe da campaña © Asociación Trabalingua

"Vaia trabada á lingua!", "Esa trabada é das que doen...", "Toma trabada ó dicionario!"... Repetimos estas frases con frecuencia cando, día a día, atopamos algunha incorrección lingüística grave, máis graves aínda cando aparecen nalgún documento oficial ou na sinaléctica viaria. A Asociación Trabalingua lanzou hai unhas semanas un proxecto para animar a todas as persoas que así o desexen a envíarlles imaxes daqueles erros linguïsticos que queiran denunciar, seguindo o ronsel aberto o pasado ano coa iniciativa "Ti informas, Trabalingua denuncia".

FotoTrabadas é un concurso organizado por esta asociación da Universidade de Vigo no que os usuarios e usuarias só teñen que tirarlle unha fotografía aos erros que detecten e compartíndoa en Facebook, Twitter ou Instagram coa etiqueta #fototrabada para poder gañar un marco de fotos electrónico e mais un lote de libros. O prazo está aberto até o día 2 de febreiro, e polo momento recibíronse xa unha vintena de imaxes, case todas enviadas por mulleres, destacan dende a organización. O gañador ou gañadora será a autora da imaxe qe reciba máis gústames na páxina de Facebook da asociación.

A Asociación sinala que "pese ás nosas anteriores accións de denuncia, que afortunadamente deron bos froitos nalgúns casos, o certo é que a situación do galego na administración segue sen ser a desexable". E están convencidas de que "a mellor ferramenta para denunciar esta situación é a visual, de aí os autocolantes que usamos na campaña pasada". Porén, engaden que "son tantos os casos en que se percibe a falta do galego ou un mal uso da nosa lingua que non conseguimos chegar a todos" e de aí a aposta polas novas tecnoloxías e as redes sociais.

Sinais de tráfico, cartaces de eventos ou de información, letreiros... Son algunhas das denuncias que polo de agora optan aos premios. Quen se anima?

Imaxe da campaña © Asociación Trabalingua
Algunha das imaxes de denuncia, neste caso correspondente a Nigrán © Asociación Trabalingua
Outra denuncia, desta volta en Ponteareas © Asociación Trabalingua

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.