"Queremos contar historias divertidas usando a lingua de signos coma se fose un idioma máis"

Gravación dun dos capítulos © Mírame cuando te Hablo

Mírame cuando te hablo preséntase como "a primeira serie para todos os públicos". E, ademais, de verdade, pois trátase da primeira produción de ficción realizada integramente en lingua de signos. A primeira tempada da webserie, realizada na Estrada, acadou un rotundo éxito de público (26 mil reproducións o primeiro capítulo, máis de 150 mil o conxunto de entregas) e un gran recoñecemento en festivais de todo o mundo. Este xoves 18 de febreiro ás 21 horas estrea a súa segunda tempada, que xa foi presentada hai uns días en Compostela nunha proxección pública no Auditorio Abanca. Cada xoves poderá verse un novo capítulo a través de youtube, ata completar os oito que compoñen as novas historias desta serie, unha sitcom de humor centrada nas vivencias cotiás duns compañeiros de piso.

O éxito da primeira tempada da produción chegou cunha certa sorpresa para o seu equipo. Como destaca Veru Rodríguez, o seu director, si esperaban que tivese boa acollida, sobre todo pola carencia deste tipo de contidos, moi demandados polas persoas xordas, pero as expectativas foron amplamente superadas, con espectadores e espectadoras de todo o planeta (aínda que o 80% se concentran en España) e premios no Toronto International Film Festival (Canadá) e no Festival de Lengua de Signos de Andújar (Jaén), ademais de participar noutros importantes certames en Hong Kong, Birmingham, Madrid, Donostia, Miami e Roma.

Veru Rodríguez, presidente ademais de Idendeaf, unha asociación para a produción e formación audiovisual en lingua de signos, destaca a importancia de que, grazas a series coma esta, as persoas xordas e as persoas oíntes poden sentar a ver xuntas unha produción, e desfrutala en igualdade de condicións. "O subtitulado é moi importante, por suposto, pero as persoas xordas teñen dereito a poder gozar destes traballos, de seguir a acción sen ter que ler. É absurdo que non haxa máis contidos en lingua de signos, cando é unha lingua recoñecida no Estado español dende o 2007", di. Ademais dos subtítulos, o público oínte dispón dunha voz en off que traduce os diálogos xestuais. "Chégannos moitas mensaxes de persoas xordas que nos felicitan, e tamén de familias con integrantes oíntes e non oíntes, que nos din que por fin poden ver unha serie xuntos, sen barreiras, e iso é moi emocionante", confesa.

O obxectivo a curto prazo é tamén incrementar os ingresos que xera a serie, a través da publicidade e, sobre todo, da posibilidade de que algunha televisión compre os capítulos para emitilos. "Houbo xa contactos con varias cadeas, que amosaron os seu interese, polo que somos optimistas", di. Deste xeito, poderíamos mellorar a calidade técnica, as condicións de produción, para facer unha serie máis ambiciosa. De feito, na actualidade están gravando cunha única cámara, o que limita as posibilidades narrativas.

Unha das grandes diferenzas entre a primeira e a segunda tempada é a incorporación de máis persoas xordas no equipo técnico, destaca Veru Rodríguez. Xa nos primeiros capítulos participaron ao redor de 40 persoas xordas como actores e actrices, como unha forma de darlles unha oportunidade a persoas que doutro xeito teñen moi difícil participar en producións audiovisuais. "O noso obxectivo era que, cando menos, o 80% do equipo estivese formado por persoas xordas, pero tivemos problemas para atopar xente que tivese experiencia na parte técnica", explica. Isto foi solventado nesta nova tempada, de xeito que tanto entre os e as guionistas coma entre os e as camarógrafas hai persoas xordas.

"O que queremos é que sexan eles e elas quen creen os seus contidos, non que sexamos nós, os oíntes, quen o fagamos, porque ata hoxe sempre foi así", explica Rodríguez, cuxos pais son xordos, polo que utilizou a lingua de signos dende pequeno. Rodríguez destaca neste senso que a súa afección polo audiovisual lle vén dende pequeno "cando o meu pai gravaba e montaba as súas cintas en súper 8" e, posteriormente, "facendo dobraxes e montaxes cos amigos". "Consciente da grande ausencia de contidos dirixidos ás persoas xordas" lanzouse "á aventura" de crear a asociación "onde investigamos, innovamos e desenvolvemos un novo audiovisual".

"O subtitulado é moi importante, por suposto, pero as persoas xordas teñen dereito a poder gozar destes traballos en igualdade, de seguir a acción sen ter que ler"

A serie, ademais destas singularidades que evidentemente lle confiren un gran valor, é unha sitcom máis e así quere ser xulgada. "Nos capítulos non tratamos as cuestións relacionadas coa xordeira, as tramas son moi convencionais. Con todo, de cando en cando si que incluímos algunha pincelada de cultura xorda, para que as persoas oíntes nos poidamos achegar ao seu mundo: por exemplo hai detalles, coma o timbre, que funciona cunha luz. Pero nunca tratando a xordeira como problema ou tentando dramatizalo en exceso", di. "Simplemente queremos contar historias divertidas usando a lingua de signos coma se fose un idioma máis. A normalización comeza por aí: porque se valore a serie como unha serie máis", conclúe.

 

Presentación da segunda tempada, esta semana en Compostela © Mírame cuando te Hablo
Gravación dun dos capítulos © Mírame cuando te Hablo
Cartaz da segunda tempada © Mírame cuando te Hablo
Parte do equipo da serie © Mírame cuando te Hablo
Veru Rodríguez, director da serie © Mírame cuando te Hablo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.