Radio Cos: "Cando en Polonia a xente canta pola rúa as nosas cancións entendemos que o galego é máis universal do que parece"

Dominio Público Praza Pública

"Ás culturas minorizadas pásalles coma outras moitas cousas da vida: están, son verdades manifestamente palpábeis, arrodéannos. Pero non se sabe por que misterio... viven na invisibilidade". Iso dicían Radio Cos no seu primeiro disco. Uns poucos anos e moitos escenarios percorridos despois, publican o segundo, 'Pasatempo', que responde á mesma filosofía. Unha cultura, a galega, que, como o parque do Pasatempo, resiste malia o desleixo.

Escollestes o parque do Pasatempo de Betanzos como metáfora “da cultura e da música galega: un parque que está abatido polo paso do tempo e o desleixo, pero que se mantén en pé despois de moito tempo e con pezas moi fermosas”. En que sentido dicides que a música galega foi abatida “polo desleixo”. Porque é así se ollamos ao lado institucional, pero a sociedade sempre mantivo viva a música tradicional...

Desde que a sociedade parou de facer ruadas espontáneamente, por diversos motivos, até que se comezou unha recolla exhaustiva de música e baile nos anos oitenta (co conseguinte revivimento das festas de baile populares) houbo unha grande transición de escuridade. Obviar isto é enganármonos a nós propios. Igual de mentira é non asumir que o auto-ódio do pobo galego trouxo moito desleixo nas nosas tradicións. Nese aspecto avanzouse moito. Un exemplo claro, e que quizáis os máis novos non viviron, é a reticencia e vergoña que tiña a xente maior - e non tanto- para participar en actos públicos mostrando a súa arte musical que eles mesmos cualificaban como de “pouco valor”. Mesmo que sexan incontábeis as excepcións que podemos facer, tanto individual coma administrativamente, de xente que pelexou por rescatar este tesouro, as institucións que nos representan nunca centraron a atención no patrimonio inmaterial. E a pesar de todo isto, chegou a nós este tesouro.

"As institucións que nos representan nunca centraron a atención no patrimonio inmaterial"

Queriades “xuntar ese concepto coa idea de levantar unha música que está situada na invisibilidade e, á vez, traer músicas doutros lugares e xuntalas coa nosa, ao igual que fixeron os irmáns García ao reflectir no seu parque as viaxes que fixeran”. Que outras culturas están presentes neste disco e de que maneira?

Nesta viaxe temos unha muiñeira de Baluchistán, temos un alalá búlgaro e temos unha rumba sudafricana entre outras, pero atopalas non é tan doado: as músicas de raíz son músicas irmás precisamente por iso, polo seu xeito de entenderse e cadrar.

"As músicas de raíz son músicas irmás precisamente por iso, polo seu xeito de entenderse e cadrar"

A idea da “invisibilidade” das culturas minorizadas xa a salientaba o voso primeiro disco. “Están, son verdades manifestamente palpábeis, arrodéannos. Pero non se sabe por que misterio… viven na invisibilidade”. De que maneira as recollas etnográficas que vós (e outras persoas) fixestes puideron contribuír a aminorar esa invisibilidade?

A resposta está na divulgación, sexa a través do ensino, dun espectáculo escenográfico ou deste disco que temos nas mans.

As melodías empregadas no primeiro disco pertencían a arquivos de gravacións de campo propios, traballo que Xurxo e Quique levaban facendo entón por toda Galiza desde había máis de tres décadas. Como xorde Radio Cos a partir desas recollas? Como vos xuntades os cinco?

Radio Cos nace da visión que nos aportou o traballo de campo a cada un de nós os dous. Despois de facer este traballo por separado vimos que tiñamos un xeito de entender a nosa tradición que era moi similar. De aí partiu este proxecto ao que se sumaron Pedro Lamas, Xan Pampín e Nikolay Velikov precisamente por este motivo, ter unha sintonía musical aportando cada un a súa visión. Todas as melodías que usamos neste segundo disco son recollas nosas, e podemos atopar desde os sons máis arcaicos até cancións versionadas de coros galegos que o entorno rural abrazou adaptándoas ao seu ouvido musical.

En moi pouco tempo, Radio Cos foi seleccionado pola revista Folk Roots, na lista World Charts Music e no WOMEX 16. Ademais, xirastes por moitos festivais europeos. Que sensacións tedes, nese sentido, con respecto á acollida que está a ter o voso traballo?

Estamos vivindo unha experiencia moi boa no que respecta á conexión co público, tanto en Galiza coma no estranxeiro. E entendemos isto como unha vitoria común, como un chanzo que sobe a música galega. Cando en Polonia a xente nos canta pola rúa as nosas cancións entendemos que o galego é máis universal do que nos parece. Logo están os recoñecementos das institucións e da prensa especializada, que tamén agradecemos pero ante os que nos mantemos máis prudentes.

"Estamos vivindo unha experiencia moi boa no que respecta á conexión co público, tanto en Galiza coma no estranxeiro"

No primeiro disco, temas como a emigración convivían con letras nas que estaba moi presente o baile e a festa. Neste segundo disco, o baile (e a festa) volven ser protagonistas. Mesmo ao interpretar parte das pezas é como se fose nunha festa “en directo”: parades e voltades, subides e baixades a intensidade, as voces e os instrumentos vanse alternando e dando paso uns a outros… É un pouco a idea, reproducir na gravación ese contexto, o contexto no que se desenvolveu a música tradicional?

Radio Cos aposta por integrar o contexto que rodeaba a unha foliada antigamente no contexto que ten a sociedade do século XXI. O contrario sería unha condena a morte.

"Radio Cos aposta por integrar o contexto que rodeaba a unha foliada antigamente no contexto que ten a sociedade do século XXI"

Entre os 10 temas do disco poderían salientarse, por exemplo, o voso ‘Adios rios, adios fontes’ (que foi tantas veces interpretado e que nos leva, se cadra, a outras latitudes), e a ‘Panxola da madama’. Podedes falar destes dous temas, de como os concibistes?

Rosalía de Castro baseouse na acervo literario do pobo para crear este poema e nós devolvémosllo envolto nunha melodía tradicional. É o noso xeito de lle render unha homenaxe a quen soubo ver o valor da nosa poesía popular e levala até alén-mar. A Panxola da Madama é unha xoia doutro patrimonio que temos aquí, o romanceiro pan-hispánico. Esta canción, tan antiga como viaxeira, atopámola en Aragón e Cataluña como canto de maio, no outro lado do Mediterráneo como canto de voda, e aquí, como uso paradoxal, é un canto de nadal non relixioso.

Hai algo (ou moito), de amor (e desamor), nas letras, algo de picardía e de humor,..., e un pano de fondo que fai, quizais, pensar na música como espazo de liberdade e non só de lecer. É parte da idea que queredes transmitir? Como escolledes letras e melodías de entre todas as recollas que tedes?

Non hai liberdade máis grande que a que se evoca implicitamente, e esa é a nosa guía na hora de escoller as nosas letras: o poder para aludir, invocar, suxerir e espertar sentementos das cousas que non se din.

"Non hai liberdade máis grande que a que se evoca implicitamente"

Ás veces tense debatido se a música tradicional non precisaría tamén letras actuais, se as escollas que se fan tenden a excluír as letras máis políticas e a subliñar as letras en castelán ou con partes en castelán… Que pensades diso?

O poder que ten a nosa poesía popular reside en que a mesma cántiga pode ter multitude de sentidos. Non vemos con malos ollos a creación de novas letras, pero nós preferimos mostrar as que xa hai para que cada quen lles dea un sentido propio adaptado a súa realidade, comprácenos deixar un espazo para a liberdade de interpretación. A respeito de que se exclúan letras políticas ou se subliñen as que son en castelán temos que dicir que nós isto non o vemos, como tampouco chegou a nós ese suposto debate no que, por outro lado, estariamos moi dispostos a participar.

"O poder que ten a nosa poesía popular reside en que a mesma cántiga pode ter multitude de sentido"

Contades con varias colaboracións especiais neste disco. Queredes salientar algunha?

Preferimos salientalas todas, as marabillosas voces de Belén Mato, María Criado e Sonia Reborido e as pandeireteiras de PAN.SEN.FRON.

Algunha outra cousa que queirades comentar?

Mellor é que comente o público despois de vernos no Teatro Rosalía da Coruña o 15 de xaneiro ou no Auditorio Municipal de Vigo o 3 de febreiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.