O 16 de setembro de 1976, a ditadura cívico-militar arxentina, obedecendo un plan deseñado para infundir o terror, secuestra, tortura e fai desaparecer un grupo de rapazas e rapaces nun dos episodios máis tristemente coñecidos da historia recente do país americano. Ramón Nicolás recrea -ficcioándoos- estes feitos na súa novela Lapis na noite, (Xerais), que pode lerse coma unha reflexión sobre a i(lóxica) do terrorismo de Estado en calquera momento e lugar. Tamén hoxe. Mais o crítico e escritor celebra, tamén, con este libro, o triunfo da sociedade civil arxentina que, malia todo, conseguiu poñer os asasinos diante da xustiza.
A Noite dos lapis é un dos episodios da represión cometida pola ditadura arxentina. En 1976, varios estudantes de secundaria foron secuestrados e despois torturados e, a maioría deles, asasinados. Por que escolliches este feito para facer unha novela?
O argumento levaba dándome voltas desde había algúns anos e, indefectiblemente, está vinculado coa miña traxectoria docente. O trato cotián con adolescentes levoume a pensar o que podería ocorrer con aqueles que, comprometidos con problemas sociais e que viven o seu tempo con perspectiva crítica, se visen abocados á clandestinidade por mor dun cambio radical nun réxime ou nas propias estruturas políticas. Isto é, formuleime a sinxela, pero creo que non inocente pregunta nos días que vivimos, de “que pasaría se…?”.
"O trato cotián con adolescentes levoume a pensar o que podería ocorrer con aqueles que, comprometidos con problemas sociais, se visen abocados á clandestinidade por mor dun cambio radical nun réxime"
E o que podería pasar foi o que xa pasou, isto é, a denominada “noite dos lapis” do 16 de setembro de 1976 en que a ditadura cívico-militar arxentina, obedecendo un plan sistematicamente deseñado para infundir o terror, secuestran, torturan e fan desaparecer un grupo de rapazas e rapaces. O encaixe histórico, por unha banda, estaba aí. Non nego que, ao tempo, resultou determinante unha viaxe veloz que realicei a Buenos Aires no ano 2012 por mor do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro: acumulei vivencias en apenas tres días que, tamén en parte, están recollidas neste libro. Da novela dixo María Xosé Porteiro na súa presentación en Vigo que era unha viaxe “cuántica”, no espazo e mais no tempo, e verdadeiramente hai moito diso, no plano histórico e no da memoria particular e colectiva.
Cando lía o teu libro, pensaba en ‘Meu pai vaite matar’ de María Xosé Queizán, entre outros títulos que, a partir da ligazón entre Galiza e América, optan por contar historias acontecidas alá, en América, é dicir, pola historia dos nosos “outros”, que tamén é a nosa. No teu caso, escolles un tempo de ditadura en España e en Arxentina, pero optas por contar un caso de represión alá. Por algunha razón especial?
Na novela fago confluír experiencias duras aquén e alén mar aínda que o peso maior descanse nas vivencias na Arxentina. Hai multitude de conexións entre Galicia e Arxentina e no libro deixo moitas pistas sobre algunhas delas que só están, á mantenta, suxeridas e o que sempre tiña moi claro é que quería fuxir do saudosismo cando se fala da relación entre Galicia e Arxentina. Mais a razón de que a proposta se derive ao lado americano talvez descanse no que respondía na primeira pregunta, na admiración que sinto por un país como Arxentina que acubillou aos nosos exiliados e a milleiros de persoas emigrantes e tamén polo feito de que, con todos os problemas e atrancos que houbo, a xustiza tomou cartas no asunto tras a conclusión da ditadura: a sociedade civil gañou unha batalla e eu quería pór o acento neste feito.
"Na Arxentina, a sociedade civil gañou unha batalla e eu quería pór o acento neste feito"
Quería, por inmanencia, salientar que tras recorrentes reivindicacións se conseguiu xulgar aos responsables dunha represión brutal, dun verdadeiro xenocidio. Esta resposta aquí non a houbo e se cadra esta é unha das explicacións a tantos problemas e conflitos que había moitos anos debían de estar resoltos. Dalgún xeito aquela “transición intransixente” como a chamaba Lueiro Rey, aquela restauración borbónica ou como se lle queira chamar deita unha sombra mesta no presente.
"Aquela 'transición intransixente' como a chamaba Lueiro Rey, aquela restauración borbónica ou como se lle queira chamar deita unha sombra mesta no presente"
Por outro lado, cómpre non esquecer: o cultivo da memoria, do que pasou, é algo modélico en Arxentina e remito tan só á existencia de dous símbolos como son o Parque da Memoria bonaernse ou o Espacio Memoria y Derechos Humanos (Ex-Esma), por exemplo, mentres aquí seguimos a falar do que acontecerá cos restos do ditador ou da usurpación do Pazo de Meirás sen cuestionarse a legalidade da Fundación Francisco Franco, sostida con cartos públicos, ou por citar outro exemplo esa pretensión de converter a illa de San Simón nun espazo lúdico cando, particularmente, non imaxino mellor lugar para erixir un verdadeiro espazo da memoria da represión que se deu en Galicia desde xullo de 1936.
A historia está contada a través de Lucía, unha profesora galega que, aproveitando unha viaxe a Arxentina, tenta atopar información sobre o seu tío, do que non sabe case nada. Acaba sendo unha historia dentro doutra historia. Por que e como pensaches esta estrutura?
Alén do peso histórico, que o ten indubidablemente, interesábame afondar nunha historia na que se procurasen as claves dunha identidade que a Lucía, neste caso, lle foron negadas, porque a familia interiorizou o medo ata tal punto que nela se instala a convicción de que é mellor calar. Non creo que este fío que a conduce á descuberta da propia identidade, da sorte que correu un familiar próximo e que foi agochada, sexa algo estraño na realidade hoxe en día. Literariamente hai exemplos recentes da man de Suso de Toro ou dunha novela que, en parte, afonda nisto como é Fálame do silencio, de Pablo L. Orosa, mesmo nalgún relato dun libro que aínda coñecín hai poucas datas e que dialoga con asuntos que me ocuparon na novela como é Lo que el viento no se llevó, de Luz Darriba e Anahí Almasia: un libro de relatos epifánico, para min.
Hal algo de documentación -sobre o movemento estudantil, por exemplo-, e supoño que moito, -case todo-, de ficción. Como preparaches a parte da documentación? Chegaches a falar, ou polo menos a ler algo escrito por algún dos superviventes da ‘Noite dos lápices’? Tiveches a oportunidade de falar alá do tema? (Pregunto por saber cal podería ser a relación que alá puideras ter percibido da sociedade arxentina con este feito en concreto e, en xeral, coa memoria da represión na ditadura).
Revisei a conciencia durante bastante tempo material documental, bibliográfico e audiovisual, sobre todo moitas entrevistas a familiares de persoas desaparecidas e horas de gravacións sobre o Xuízo ás Xuntas Militares, alén de moitas películas sobre a represión na ditadura militar arxentina e máis concretamente sobre este capítulo concreto da “noite dos lapis”. Neste sentido hai documentos verdadeiramente estarrecedores daquelas vivencias, sobre todo os que proceden dos que sobreviviron e das familias das persoas desaparecidas.
No que di ao capítulo coñecido como a “noite dos lapis”, ao existiren afortunadamente algúns superviventes, incluso con declaracións encontradas entre eles sobre algúns extremos das claves da loita estudantil que xerou logo a onda represiva, era de regra que na ficción disfrazase as súas verdadeiras identidades porque o libro non quere ser unha crónica, aínda que é inevitable cando un personaxe fai memoria da súa vida, cando conta o que viviu e como o viviu.
"O libro non quere ser unha crónica, aínda que é inevitable cando un personaxe fai memoria da súa vida, cando conta o que viviu e como o viviu"
O libro ten tamén bastante de reflexión sobre a (i)lóxica da represión ao estudantado no contexto da ditadura. A educación como “campo de probas” do que viría despois, e despois como espazo no que “restaurar a orde” e promover a obediencia, o amor á Patria, a Deus, á Familia e á Autoridade. En que medida e de que xeito foi así?
Ao pouco que puiden coñecer así foi: un verdadeiro campo de probas para exhibir músculo e para que o aparato represivo evidenciase, publicamente, o seu poder. Poño só un exemplo. Existe un opúsculo de autoría anónima -cítase na novela- titulado Subversión en el ámbito educativo, publicado no ano 1977 en Buenos Aires e subtitulado significativamente “conozcamos a nuestro enemigo”: desde o seu propio título explicita como a instauración do “proceso” respondía a un plan milimetricamente deseñado no cal o ámbito educativo era un obxectivo primordial.
Xustamente aí, tamén nos sindicatos, na resistencia das esquerdas, nas voces públicas disonantes, repousaba un dos obxectivos a combater por todos os medios e con todos os medios. Reler, á luz de hoxe, os contidos desa publicación, extraordinariamente minuciosa e documentada por certo, axuda a entender o que ocorreu mais, ao tempo, desacouga e intimida pois algúns dos “principios” que aí se defenden podemos atopalos en propostas que hoxe en día circulan pública e impunemente.
A través do relato do que acontece no ámbito educativo, o libro describe a represión como un fenómeno cotián, vivido, no corpo, na carne, e non só polas torturas. O clima xa non de medo, senón de pánico creado. A anulación das persoas como seres pensantes para acadar a submisión social… Podería ser o relato do terrorismo de Estado, supoño, en España ou en calquera das outras ditaduras de América na época. Era un pouco a túa intención, que o lector pensase nos distintos contextos nos que aconteceu algo similar?
Cando a novela vai adquirindo forma decátome que resultaría inevitable, na súa recepción, facer un exercicio de comparación coas prácticas de terrorismo de estado que se deseñan e con outras, anteriores e posteriores, en calquera tempo e espazo. Con todo, como dicías, a represión é un fenómeno que vai alén das torturas físicas e psicolóxicas inflixidas que, dalgún xeito, aquí tan só se deseñan ou máis ben suxiren. É toda a atmosfera que, desde os primeiros días da toma de poder, a que vai engulindo un país e as persoas que viven nel até convertelos nunha masa transparente e silenciosa, aínda que non o conseguiron.
"Decátome que resultaría inevitable, na súa recepción, facer un exercicio de comparación coas prácticas de terrorismo de estado que se deseñan e con outras, anteriores e posteriores, en calquera tempo e espazo"
Ao mesmo tempo, non deixa de ser, tamén, reflexión sobre como a “autoridade” trata de dobregar unha sociedade, cercenando dereitos e liberdades públicas, nun tempo de crise do sistema: desemprego, déficit… É bastante doado estabelecer paralelismos -salvando as moitas distancias- coas políticas represivas impostas polo goberno do PP nos últimos anos: leis para frear os movementos sociais e, en xeral, a protesta. Foi, tamén, parte da túa intención, que pensemos nas lóxicas de represión do presente, integradas nas “democracias”? Mesmo ao principio do libro sae a utilización do fútbol para tapar a barbarie…
Reitero a resposta da anterior pregunta, isto é, supoño que é absolutamente inevitable para algunhas lectoras e lectores realizar esa lectura e están no seu pleno dereito a facelo, como se interpretan o que se relata doutro xeito. Con todo, esta é unha novela que quere ser activamente política, talvez nun grao máis incisivo que O espello do mundo, que tamén o era ao querer recuperar o papel preponderante da muller na Idade Media a través da memoria do cenobio feminino de San Pedro de Ramirás, aínda que eu creo que o pouso histórico daquela, máis afastado e distante, puido ocultar esa intención...
De feito enténdese mellor, xa que o citabas, como o mundial de fútbol de 1978 foi unha ferramenta, a nivel político, para ocultar as miserias e o desatino dunha ditadura moi cruel e, en efecto, a pouca distancia de onde se xogaba ao fútbol, na Escola Mecánica da Armada, un dos centros clandestinos, as persoas privadas de liberdade e torturaban escoitaban a barafunda do estadio. Dun ou doutro xeito teño para min que vivimos nunha época no que as semellanzas con certas políticas represivas e de control da cidadanía supoño que provocan certo desacougo en calquera persoa. Se a novela serve para formularse preguntas daríame por moi contento.
"Teño para min que vivimos nunha época no que as semellanzas con certas políticas represivas e de control da cidadanía supoño que provocan certo desacougo en calquera persoa"
O irmán do pai de Lucía foxe de España porque estaba en perigo debido á súa actividade política. Mais despois non é quen de ver que o perigo era o mesmo en Arxentina, o cal lle causará un sentimento de culpa que arrastrará toda a vida. Podes falarnos deste personaxe respecto a ese aspecto?
Talvez sexa o personaxe con máis arestas, quen ten que vivir instalado os máis dos seus anos nun estado de “outredade” ou de esgazamento, en parte é tamén o máis contraditorio. Nel conflúen dous exilios: por unha parte o que carrexa ter que marchar de Galicia porque a súa pertenza a unha célula clandestina antifranquista determina a súa sorte e, por outra parte, esoutro “exilio interior” que lle provoca un eterno sentimento de culpa que nunca superará ao non ser quen de ver que todo aquilo que el viviu, contra o que loitou, podía volver repetirse cunha violencia inusitada, impensable probablemente para el. As súas vivencias, e a crónica que redacta, quería ser unha sorte de axuste de contas consigo mesmo mais tamén un testemuño para que se entendese a súa vida e, ao cabo, que por veces aínda coñecendo a historia en carne propia esta pode volver repetirse.
Xunto a moitos datos reais sobre a estrutura da represión: responsables, lugares, organismos… achegas bastante información sobre outro dato real: a música e o ambiente cultural da época entre o estudantado. Por que a música é tan importante na novela?
Quixen que a música fose fundamental na novela porque funciona como un elemento que, por un lado, outorga verosimilitude ao relato e, por outra, realiza un contrapeso, como tamén o poden facer algúns fragmentos narrativos, coa dureza da historia que se conta. Sería inconcibible que as mozas e os mozos do ano 1976 non escoitasen música e, de feito, varias cancións do grupo de rock Sui Géneris funcionan como un elemento de cohesión, case identitario, dalgúns dos protagonistas da novela e probablemente fose así.
"Varias cancións do grupo de rock Sui Géneris funcionan como un elemento de cohesión, case identitario, dalgúns dos protagonistas da novela"
Unha parte da novela céntrase no sufrimento dos familiares dos desaparecidos e no desprezo co cal son tratados por parte do Estado. Saen aí as Nais da Praza de Maio. Supoño que o libro quere ser, tamén, homenaxe ás familias (e sobre todo ás mulleres) que se negaron a resignarse a non saber. É así?
Por suposto. Gran parte da novela posúe un punto de vista que xira arredor da situación de desamparo na que quedan os familiares das persoas desaparecidas que, tras petaren en moitas portas sen que haxa unha resposta solidaria, só recibirán comprensión e axuda no acubillo que representan as Nais e as Avoas da Praza de Maio. Fágoo conscientemente a través dun personaxe real, como outros moitos que hai, que é a galega Carmen Cornes, unha loitadora exemplar que, de seu, merecería unha novela enteira.
"Gran parte da novela posúe un punto de vista que xira arredor da situación de desamparo na que quedan os familiares das persoas desaparecida"
Ao final menciónanse os xuízos ás Xuntas Militares e fálase da necesidade de reparar, non de “reconciliar”. É inevitable aquí, tamén, pensar en España e no tema de memoria histórica, que quedou moi atrás de países coma, precisamente, Arxentina, ou mesmo Chile. Cal é a reflexión que sobre isto, quizais, quixeches trasladar a través dos personaxes?
En efecto, non se fala de reconciliar, nin de esquecer, nin de perdoar, senón de reparar. Na Arxentina a lei de obediencia debida deixou sen castigo a moitas persoas e Menem indultou a moitos militares pero a xustiza -aínda hoxe- segue a ter causas abertas da época da ditadura. Aquí só atopamos dificultades para perseverar sinxelamente no sempre preciso cultivo da memoria, cunha lei que non se cumpre e, como dixen, con espazos públicos que deberían dedicarse a combater a desmemoria. Dígase o que se diga hai feridas abertas que non poden cicatrizar ata que se faga xustiza como é, por só citar un exemplo, a exhumación dos restos de tantas persoas abatidas desde os primeiros días da guerra civil.
"Dígase o que se diga hai feridas abertas que non poden cicatrizar ata que se faga xustiza"
Canto a estilo, é moi directo, cunha prosa fluída, non é un libro demasiado longo… Eu pensaba, ao lelo, que podería ser unha lectura para os adolescentes, que ao cabo son en boa medida protagonistas. Pensaches niso ou gustaríache que así fose?
A inspiración veume da mocidade que coñecín e coñezo. Sería marabilloso, non o dubido, que a novela, especialmente ás persoas máis novas, lles dixese algo.