Remata o prazo para presentar propostas ao concurso de microproxectos culturais de Música en Branco

Actuación nun bus no programa itinerante 'Barriografías' CC-BY-SA Música en Branco

Este domingo 30 de xuño remata o prazo para enviar propostas ao concurso aberto de microproxectos de Música en branco: memoria da Agra do Orzán. Os interesados e as interesadas aínda dispoñen de catro días para se presentar á convocatoria para o financiamento de accións culturais vinculadas ao patrimonio sonoro e musical do barrio. As iniciativas deben procurar activar procesos de produción colaborativos e deben implicar a veciñanza no seu desenvolvemento. As escollidas celebraranse entre os meses de outubro e novembro, coincidindo co peche de Música en Branco, proxecto da Concellaría de Cultura da Coruña cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Urbana-C .

O proceso está aberto a todas as persoas físicas e xurídicas. Asociacións culturais, veciñais, sociais, ONG, empresas culturais, pensadores, xestores culturais ou comisarios, tanto do barrio da Agra do Orzán como do resto do territorio galego, poden concorrer e presentar propostas que, en todo caso, deben autoproducirse cunha dotación orzamentaria establecida entre 2.000 e 3.000 euros e cuxa temática debe xirar arredor da memoria sonora e musical da Agra do Orzán. 

Entre esas conclusións, destacan trazos como a ausencia de espazos públicos, a escasa relación entre asociacións e colectivos, a alta densidade poboacional, a multiculturalidade ou o avellentamento da veciñanza

Música en Branco conta cun marco de acción e unhas coordenadas de intervención definidas tras un longo proceso de investigación, desenvolvido nunha primeira etapa do proceso. Nesa fase inicial, o equipo realizou unha serie de pescudas ao redor da memoria sonora e musical da Agra do Orzán, a través de máis de 60 entrevistas e consultas de fontes documentais, tanto bibliográficas como gravadas. Algunhas das conclusións que se tiraron do proceso poden servir como guía inicial para a elaboración dos proxectos propostos no concurso aberto. Entre esas conclusións, destacan trazos como a ausencia de espazos públicos, a escasa relación entre asociacións e colectivos, a alta densidade poboacional, a multiculturalidade ou o avellentamento da veciñanza.

 

Contedor de feminismos

O Contedor de feminismos é un proxecto de arquivo móbil deseñado para o espazo público que xorde dunha idea de Uqui Permui. Ten como meta recuperar, documentar e mostrar as historias das mulleres, do feminismo e das loitas de liberación sexual

O Contedor de feminismos é un proxecto de arquivo móbil deseñado para o espazo público que xorde dunha idea de Uqui Permui. Ten como meta recuperar, documentar e mostrar as historias das mulleres, do feminismo e das loitas de liberación sexual. Foi creado para recoller o material, para amosalo e difundilo dunha maneira non xerárquica e con desexo de crear redes.

O contedor está pensado para poder adaptarse ao contexto e, neste caso, xirará ao redor da memoria sonora e musical das mulleres migrantes do barrio para adecuarse aos obxectivos do proxecto Música en Branco. Para participar neste proxecto, hai dúas posibilidades. A primeira delas xa foi, e consistiu nun proceso de investigación previo con algunhas das participantes. A segunda celebrarase o próximo mércores 3 de xullo a partir das 18.00 horas no espazo público diante do Ágora. Nese punto, o dispositivo será colocado e estará aberto a escoitar, como o público que acoda á cita, as historias das mulleres do barrio.

O dispositivo de exhibición foi deseñado por Carme Nogueira e producido para as xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos, organizadas por Anxela Caramés na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán da Coruña, en setembro de 2009. Agora, neste 2013, reinvéntase unha vez máis e adáptase a Música en Branco: memoria da Agra do Orzán.

 

Últimas actividades antes do verán

O sábado a partir das 11.00 horas, Xurxo Souto celebrará a súa oita Barriografía, a súa serie de programas radiofónicos itinerantes

Esta fin de semana celebraranse as últimas actividades de Música en Branco antes do verán. O sábado a partir das 11.00 horas, Xurxo Souto celebrará a súa oita Barriografía, a súa serie de programas radiofónicos itinerantes. Terá lugar en Katanga e será unha ollada ás identidades urbanas nunha praciña ao carón das vivendas sociais na rúa Mosteiro de Caaveiro.

O domingo, ás 11.15, a cuarta e última camiñada de Paseos polo Barrio sairá dende Meicende e chegará até o Estadio do Deportivo. A ruta pasará polo encoro de Meicende, a Estrada de Bens, a Terceira Rolda, Penamoa, o barrio dos Mariñeiros e a Cidade Xardín. Será unha camiñada longa, con parada para comer. O punto de encontro serán as escaleiras de entrada ao paseo do encoro, ao carón do centro de saúde. Nesta ocasión, o convidado será Juan López Bedoya, xeomorfólogo, do equipo redactor do Plan de Ordenación do Litoral. No outono, volverán as actividades de Música en Branco.

Actuación nun bus no programa itinerante 'Barriografías' CC-BY-SA Música en Branco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.