Resurrection Fest: Viveiro está feito de metal

O Resurrection Fest atraeu máis de 30 mil persoas o pasado ano © Rubén Navarro

O Resurrection Fest de Viveiro chega á súa novena edición, convertido xa nun referente en toda a Península do metal, o punk e o hardcore. O pasado ano máis de 33 mil persoas asistiron aos concertos e este verán, do 31 de xullo ao 2 de agosto, espérase que o número creza, para ver a bandas como Megadeth, NOFX, Down, Amon Amarth, Turbonegro ou Lagwagon. Tamén dos neoyorquinos Sick of it all, unha actuación que ligará o festival deste ano coa primeira edición, celebrada en 2006. Aquel verán o concerto de Sick of it all (Viveiro Summer Fest) tivo que ser supendido só dous días antes da súa celebración, por enfermidade dun dos seus membros. Os organizadores superaron ese obstáculo e trasladaron a actuación a novembro, acadando un éxito rotundo.

Dende entón, o festival non deixou de crecer. Iván Méndez, director do festival, tiña 20 anos cando organizou aquel primeiro concerto. Hoxe, con 28, pode mirar cun certo orgullo o traballo realizado durante a última década, e como o festival se foi asentando, cara fóra, no calendario internacional do heavymetal, e tamén cara dentro, na propia vila de Viveiro. Dos receos de moitos veciños ante a avalancha de melenudos, roupas escuras, piercings e decibelios, até a completa aceptación deste evento, todo un símbolo da vila mesmo fóra de Galicia. "A capital do Landro era o San Roque, O Naseiro e para nostálxicos da canción lixeira, a vila do Festival da Canción do Landro", destacaba Ramón Mariño na crónica que escribiu o pasado ano, na que constataba que "ao final eses xinetes da apocalipse que son as persoas amantes do hard e o punk, acaban ben integrados nun intenso día a día de só tres xornadas". 

Unha comunión da que tamén participan os grupos participantes. Phil Anselmo, cantante de Pantera e actual líder de Down, é un asiduo do festival e mesmo chegou a quedar algúns días máis en Viveiro, despois do festival, gozando da paisaxe e da gastronomía local.

Quedan aínda dous meses e medio para o festival, pero as redes sociais xa ferven de impaciencia. Iván Méndez destaca que para a organización "a premisa básica é escoitar o público, porque é o que fai posible que se faga o festival. Para nós é fundamental que se involucren, que se sintan partícipes. Dende facer enquisas, estar en contacto con eles a través das redes sociais..., e todo iso telo en conta á hora de tomar decisións". É por iso que están en marcha varias votacións a través da web do festival, por exemplo para escoller o nome de dous dos escenarios, ou o concurso de bandas organizado por Estrella Galicia.

"Para nós a clave do festival é crear unha lealdade entre os nosos asistentes, é dicir, que ao día seguinte de que rematen os concertos xa estean pensando en vir o ano seguinte"

Cales son as vosas expectativas para este ano?

A nivel de asistencia esperamos superar a asistencia do ano pasado, que foron 33 mil persoas. Todos os indicadores dinnos que vai ser así: levamos vendidas máis entradas ca nunca a estas alturas e o cartel é máis potente do que foi nunca. Ese era o obxectivo que tiñamos cando o ano pasado comezamos a planificar a edición 2014, e creo que imos na dirección correcta, todo o que estamos facendo está tendo máis repercusión ca nunca. Para nós a clave do festival é crear unha lealdade entre os nosos asistentes, é dicir, que ao día seguinte de que rematen os concertos xa estean pensando en vir o ano seguinte.

Que destacarías do cartel, entre os 70 grupos xa confirmados?

É difícil, poderíamos estar falando moito tempo de cada un dos grupos, pero podo destacar un grupo de cada un dos xéneros principais do Resurrection: Metal, Punk e Hardcore. Comezaría con Megadeth, que é unha das bandas de trash-metal máis importantes da historia, xunto a Metallica e Slayer; despois temos outras bandas, como Amon Amarth, Carcass ou Testament, que tamén son nomes moi importantes, sobre todo Amon Amarth, que é unha banda que está crecendo moito nos últimos anos e que cada vez ten máis seguidores. Destacaría tamén NOFX, que é unha das bandas de punk máis importantes da historia, e que venderon máis de dez millóns de discos. Tamén destacaría Down, que aínda que están repetindo a súa presenza no festival dende 2010, é unha das bandas máis importantes do mundo; é un grupo formado polo cantante de Pantera, por Phil Anselmo. Ademais, falaría de Turbonegro, de Lagwagon e tamén de Sick of it all, unha das bandas máis importantes do hardcore mundial, que estivo na primeira edición do festival, en 2006, e que este ano repite, e estou seguro que é un dos que a xente ten máis ganas de ver.

Como foi ese inicio tan difícil, que deu lugar a todo o demais?

Nese primeiro festival, que aínda non se chamaba Resurrection Fest, en agosto de 2006, estaba todo preparado para que actuase Sick of it all. Dous días antes do concerto, tivemos que cancelar todo por enfermidade dun dos seus membros. Pero era algo que queríamos facer, seguimos traballando e conseguimos que o festival se fixese en novembro, e con moito éxito. En 2007 o festival xa pasou a ser de dous días, e despois o festival foi crecendo ano a ano, paso a paso, pero facendo as cousas ben e sempre coa máxima de organizar o festival que a nós nos gustaría vivir como público.

"Todos os habitantes saben que o festival é moi importante a nivel económico para a comarca, e tamén porque dá a coñecer Viveiro non só en toda España, senón en boa parte de Europa"

Como é a relación dos veciños de Viveiro co Festival? A súa visión foi cambiando cos anos?

Si, si que cambiou. En 2006, na primeira edición, isto era algo completamente novo para os habitantes de Viveiro, non estaban afeitos a que chegase aquí unha marea de milleiros de mozos e mozas, si que os botaba un pouco para atrás. Agora, co paso dos anos, o festival está moi aceptado en Viveiro, todos os habitantes saben que o festival é moi importante a nivel económico para a comarca, e tamén porque dá a coñecer Viveiro non só en toda España, senón en boa parte de Europa.

E os asistentes levan unha boa impresión de Viveiro?

A maior parte dos grandes festivais de música celébranse en grandes cidade, ou nas aforas de urbes, en polígonos industriais, poucos fanse en vilas de costa, como Viveiro. Creo que para a xente que vén é un plus poder ver todos os grupos que lle gustan nun sitio bonito, rodeado de natureza.

"Se tivese que escoller un concerto para o décimo aniversario, sen dúbida sería a reunión de Pantera"

E o ano que vén, décimo aniversario. Ides facer algo especial?

O ano que vén facemos dez anos e queremos facer algo especial. Somos conscientes do que significa facer dez anos, e das dificultades que hai que superar para chegar ata aquí, sobre todo tal e como están as cousas. O ano que vén queremos facer o festival máis grande dos que fixemos ata agora e co mellor cartel. Queremos seguir crecendo e crear unha experiencia que non esquezan as persoas que veñan aquí.

Postos a imaxinar, que grupos che gustaría que estivesen no cartel?

Penso nunha aposta que é á vez posible e imposible, algo do que se está falando moito nos últimos anos: se tivese que escoller un só nome, sen dúbida sería a reunión de Pantera.

Imaxe da edición 2014 do festival © Resurrection Fest
Durante tres días Viveiro convértese na capital do heavy na Península © Rubén Navarro
O festival crece cada ano e chega á súa novena edición © Fran Effles
Megadeth e NOFX encabezan o cartaz deste ano © Resurrection Fest

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.