Retos e potencias da xestión cultural galega

Unha das sesións do curso © CEU Xestión Cultural - USC

O Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural da USC inicia este venres, coincidindo co Culturgal, a publicación en Praza do volume colectivo A xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual. Son un total de 13 textos, realizados por profesionais en activo, bos e boas coñecedoras dos seus respectivos ámbitos de traballo, nos que son referentes. Buscan abrir un espazo no que divulgar e compartir coñecementos sobre a xestión cultural en Galicia e no que debater sobre os retos e as potencialidades da cultura galega. Completarase, en vindeiras datas, coa publicación en papel do conxunto de todas estas achegas na editorial Andavira.

Os 13 textos buscan abrir un espazo no que divulgar e compartir coñecementos sobre a xestión cultural en Galicia e no que debater sobre os retos e as potencialidades da cultura galega

De Malraux á cultura cidadá, unha viaxe no tempo que nos leva de novo ao inicio, de Alberto García (técnico de cultura no Concello de Boiro e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural - AGPXC) abrirá a serie, que seguirá este sábado con Galicia, destino musical. Programar música en Galicia: desafíos e tendencias, de Marián Fernández (socia de O Cable Inglés e organizadora dos Premios Martín Códax da Música). Durante os vindeiros tres meses todos os sábados publicarase unha nova entrega. 

Completarase, en vindeiras datas, coa publicación en papel do conxunto de todas estas achegas na editorial Andavira

O Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural é unha proposta formativa da USC impulsada polos profesores Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez, xunto aos xestores culturais Marcos Lorenzo e Sergio Lago, que naceu no ano 2014 tamén como resposta a outra necesidade: a dunha formación práctica e profesional en xestión cultural que estivera, ademais, centrada nas características específicas de Galicia.

Textos e autores/as

Ademais dos textos de Alberto García e Marián Fernández, entre os autores e autoras están o economista e consultor cultural Marcos Lorenzo, que fala sobre as políticas culturais en Galicia; o tamén politólogo e emprendedor cultural Uxío Novo, que describe as diferentes canles de acceso a financiamento para proxectos culturais; o xornalista Manuel Gago, director do portal culturagalega.gal, quen apunta á necesidade de dotármonos de relatos atractivos para activar o triángulo patrimonio - turismo - desenvolvemento. Ou Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, que defende a reformulación dos museos desde a diversidade, a igualdade e maiores cotas de participación social; e a xornalista e experta en comunicación cultural Sonia Díaz, que aborda a necesidade dunha reflexión sobre os públicos dos proxectos culturais desde a súa propia experiencia profesional.

O CEU en Xestión Cultural e Praza Pública presentarán a iniciativa este venres no Culturgal (19.30 horas. Espazo Libro)

A Xestión Cultural en Galicia tamén ofrece unha análise dos diferentes sectores. Coma as artes escénicas en Galicia, con Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro; ou do mundo editorial trala crise, con Henrique Alvarellos, xornalista e vicepresidente da Asociación Galega de Editoras. Non faltan tampouco nesta análise as artes plásticas, coa xestora cultural e comisaria de arte Paula Cabaleiro; e o audiovisual, da man da xornalista cultural e produtora de contidos Andrea Villa. Sen esquecer a cultura dixital, coa súa realidade presente e os seus retos, descritos pola xornalista especializada en contidos dixitais María Yáñez. Completa a lista de achegas o xestor e consultor cultural Sergio Lago, que traza unha panorámica sobre o contexto laboral e profesional da xestión cultural en Galicia.

O Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural da USC e Praza Pública presentarán a iniciativa este venres no Culturgal (19.30. Espazo Libro), nun acto no que intervirán Marcos Lorenzo e Sergio Lago, coordinadores do curso, ademais dalgún dos autores e autoras do libro e de David Lombao, director de Praza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.