Retrincos dun festival que remata

Dominio Público Praza Pública

Logo de once días de máxima actividade o IFFR agasállanos unha xornada de asueto na que decidín tomar a mañá libre. Onte superaba as 40 películas, unha barreira que hai uns días parecía inalcanzable, pero que co tirón final chegou un día antes de que as pantallas se apagasen. Na oficina do festival miro pola xanela a neve que onte caía con forza e que hoxe nos dá un respiro para gozar do fin de festa. Pola miña banda vou contarvos un par de cousiñas sobre os meus últimos visionados e outros retrincos desta semana.

O romanés Radu Muntean, gañador en Xixón hai dúas edicións con Tuesday After Christmas, e o seu compañeiro Alexandru Baciu (que desta volta é co-director, pero normalmente guionista), presentan o seu documental Visiting Room. Unha ollada sobre as relacións de parella entre presos de ambos os dous sexos que demostra que o amor infantil pode producirse nos lugares máis insospeitados. Este ensaio en forma de batería de totais recolle declaracións duns namorados que contan como, cando e por que decidiron estreitar lazos, revelando de forma divertida as artimañas que utilizan para enganar ao sistema e poderse ver con maior regularidade. Unha sala de visitas á que o espectador entra grazas á cámara desta parella de directores romaneses que deixaron de lado a ficción para explorar a realidade cun proxecto moi persoal auspiciado, nin máis nin menos, que pola cadea americana HBO. As emocionantes declaracións dos protagonistas interrómpense con planos de recurso que mostran como é o ambiente nos exteriores do cárcere. Non me quedei ao Q&A, pero intúo que isto se debe a que non permitiron que Muntean gravase mais alá das paredes da cela e dos lugares públicos das prisións que aparecen na súa película.

Pausa, café e cigarro; un mal hábito que repito con frecuencia (desta volta na casa mentres escribo). Onte pisei por primeira vez a sala 1 do Cinerama, reservada a grandes películas. Francophenia (or: Don't Kill Me, I Know Where the Baby Is) é a última creación do actor James Franco e do seu amigo Ian Olds. A peza percorre o último día de rodaxe da serie General Hospital, que nunca chegou a mostrarse ao publico nos Estados Unidos. Acompañamos a Franco (apelido o protagonista e tamén nome do seu personaxe no outro lado do espello) polos corredores da MOCA (The Museum of Contemporary Arts, Los Angeles) nunha viaxe psicotrópica que se sustenta sobre a voz dun eu interior perdido e confuso, a través de planos que se conxelan, que se saturan de cor ou se mergullan en efectos estraños, para tamén confundir ao espectador. O coqueteo de James Franco coas drogas é pasto do humor e as siluetas da porta do servizo de cabaleiros cobran vida para rebater ao señorito os seus delirios de grandeza, os seus argumentos filosóficos de andar por casa, e un primeiro ensaio aos mandos dunha cámara que non te deixa indiferente, pero que queda só niso.

Un punto e aparte merece a cinta Now, Forager: A Film About Love & Fungi. Os realizadores Jason Cortlund e Julia Halperin lévannos a percorrer os bosques da costa este dos Estados Unidos na procura de todo tipo de cogomelos (comestibles, gourmet, outros raros e amargos, os que che fan flipar, e os que te matan), para construír unha analoxía moi ben executada entre estas pequenas habitantes da natureza outonal e a vida mesma. Valéndose de numerosos planos detalle, coma se dunha guía para o afeccionado á micoloxía se tratase, constrúen un receitario sobre as relacións de parella, as expectativas frustradas, e ao mesmo tempo critican o Fast Food e a superficialidade chea de prexuízos da clase alta 'made in USA'. A construción da historia, pausada e reflexiva, está na liña de Paul Gordon, que xa abría un camiño en cinema sobre a Slow Food (en ton cómico) con The Happy Poet. De feito, nótase a influencia da Universidade de Texas nestes novos talentos que teñen o seu punto de apoio no festival South by Southwest.

Cambio de tema a modo de último apuntamento. Fóra dos premios do 41 IFFR quedaron dúas das miñas favoritas (non as ía acertar todas!). Ao ruso Vasily Sigarev pesoulle esta última noite a súa frase “quizais o poderei explicar despois” cando o presentador da gala lle preguntou sobre a escena de Living que o cineasta ruso escollera para a cerimonia (ese 'despois' nunca chegou). Tampouco quixeron recoñecer os xurados o valor de Voice of My Father. E é que os tres Tigres empezan a quedar curtos para a competición central de Róterdam. Agora lembro algún comentario sobre o insólito de me pór coma obxectivo ver todas as propostas da Tiger Competition. Descoñezo a calidade da selección en edicións anteriores, pero en 2012 creo que o listón estivo moi alto. Voume coa espiña cravada de perderme 38 témoins de Lucas Belvaux, Oslo, August 31st do danés Joachim Trier; de novo quedeime sen ver Abrir puertas y ventanas. Pero marcho contento, con grandes descubrimentos, a satisfacción de ver as salas cheas (sempre unha boa noticia) e a retina saturada de cinema “de autor” (seica hai outro?). Isto non é unha despedida, é un ata loguiño. E agora, co voso permiso, voume emborrachar.

Visiting Room Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.