Rexos muros: unha web afonda na historia dos castelos e fortalezas do Reino de Galicia

Castelo de Moeche © Forega

A web incorpora un mapa interactivo a través do que se pode coñecer polo miúdo a historia, características e curiosidades de 16 castelos medievais e 15 fortalezas modernas

O proxecto FOREGA: Fortalezas do Reino de Galicia vén de poñer en marcha a súa web, realizada grazas a unha axuda concedida pola Deputación da Coruña, que busca dar a coñecer á cidadanía de maneira didáctica o patrimonio fortificado galego. 

A páxina do proxecto presentada pola empresa Trivium ECT ofrece información detallada sobre as fortificacións construídas na provincia coruñesa durante o período de duración do Reino de Galicia, é dicir desde o reino Suevo ata o momento da centralización administrativa realizado no contexto da división provincial de Javier de Burgos en 1833, "que é comunmente considerado polos especialistas o fin do Reino de Galicia como entidade política e administrativa", explican. 

Castelo dos Andrade (Pontedeume) © Forega

A web incorpora un mapa interactivo a través do que se pode coñecer polo miúdo a historia, características e curiosidades de 16 castelos medievais e 15 fortalezas modernas. Os textos explicativos foron realizados por especialistas, supervisados e asesorados polo medievalista Xosé Manuel Sanchez Sánchez da Universidade de Santiago de Compostela e da UNED e pola experta en arqueoloxía da arquitectura Rebeca Blanco Rotea, da Universidade do Minho (Braga)

A web "vén cubrir un baleiro existente na actualidade en Galicia, xa que non existe ningunha iniciativa de difusión similar que se achegue a un patrimonio tan abundante e singular como son as fortificacións medievais e modernas"

A páxina inclúe, ademais, para cada fortificación unha completa galería de imaxes de calidade con planos históricos, gravados e fotografías recentes realizadas por fotógrafos especialistas en patrimonio cultural. Son un total de 490 imaxes, que se complementan con ilustracións de castelos e fortalezas realizadas polo artista vimiancés Rubén Rial, que mostran de maneira interactiva as diferentes partes destas construcións explicadas.

Os seus responsables destacan que a web "vén cubrir un baleiro existente na actualidade en Galicia, xa que non existe ningunha iniciativa de difusión similar que se achegue a un patrimonio tan abundante e singular como son as fortificacións medievais e modernas". Ademais pode ser aproveitada a nivel turístico pois incorpora catro propostas de rutas para facer en vehículo que permiten aos usuarios e usuarias percorrer boa parte da xeografía da provincia a través das fortalezas.

Castelo do Príncipe (Cee) © Forega
Castelo de San Felipe (Ferrol) © Forega

O proxecto foi unha das iniciativas premiadas pola Deputación da Coruña pola súa divulgación da historia do Reino Medieval de Galicia, "ata hai pouco tempo relegada tanto dos plans de estudo universitarios como das investigacións académicas"

O proxecto foi unha das iniciativas premiadas polo “Fondo de Proxectos Culturais do Reino de Galicia 2021-2022” da Deputación da Coruña, xunto con outros 20 proxectos que teñen como centro do seu traballo a divulgación da historia do Reino Medieval de Galicia, "ata hai pouco tempo relegada tanto dos plans de estudo universitarios como das investigacións académicas".

 

Non só castelos medievais

Na web hai información, por suposto, sobre algúns dos castelos medievais máis icónicos de Galicia, como son o Castelo de Vimianzo, escenario privilexiado das loitas entre a Casa de Altamira e a mitra compostelá no século XV; o Castelo de Moeche, cun papel moi relevante no contexto das Guerras Irmandiñas; ou o Torreón dos Andrade (Pontedeume). E tamén outros menos coñecidos, como a Torre de Celas (Culleredo) ou a Torre de Nogueira (Coristanco).

Castelo de Vimianzo © Forega
Castelo da Lúa (Rianxo) © Forega

Entre a selección de fortificacións están tamén os castelos do Casón (Ortigueira) e Portomeiro (Val do Dubra), fortificacións altomedievais que son aínda moi pouco coñecidas en Galicia, pero que recentemente foron escavadas arqueoloxicamente aportando novos datos de gran relevancia sobre este período e ademais foron acondicionados para a súa visita..

Torres de Mens (Malpica) © Forega

Entre a selección están tamén os castelos do Casón (Ortigueira) e Portomeiro (Val do Dubra), fortificacións altomedievais pouco coñecidas

De igual xeito, a páxina ofrece informacións sobre un gran número de fortalezas da Idade Moderna, construídas maioritariamente ao longo da costa para garantir a defensa do territorio nun contexto de guerras sucesivas con Portugal, Francia e Inglaterra. Aí están, por exemplo, os castelos de San Felipe (Ferrol) e da Palma (Mugardos), que cruzaban os seus fogos e podían estender entre os dous unha cadea sobre a ría para impedir a entrada de frotas inimigas; ou os castelo de Santa Cruz (Oleiros) e San Antón (A Coruña), clave na defensa da ría da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.