"Rianxeiras vivas fronte a rianxeiros mortos", un ano de Sega

Dominio Público http://www.asega-critica.net/

Hai un ano nacía A Sega, unha plataforma de crítica literaria feminista que buscaba crear un espazo de referencia para a crítica "ata o momento monopolizada por voces masculinas e en moitos casos patriarcais" e visibilizar as obras escritas por autoras e realizar novas lecturas de todo o acervo literario en lingua galega. No seu manifesto fundacional destacaban que "A Sega nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición, pola falla de análise crítica dos textos das autoras" e que "o tempo é chegado de okupar con enerxía o espazo público para que as lecturas críticas adopten voces ás que non se lles deu ata o momento nin visibilidade nin autoridade".

"Sábese moi pouco de quen non son homes ilustres e sábese sobre todo dende parámetros que non só ignoran senón que estigmatizan a escrita e a lectura coñecedora do 50% da humanidade"

Doce meses máis tarde as promotoras desta plataforma difunden un comunicado, Rianxeiras vivas fronte a rianxeiros mortos, que comeza sinalando que "seguramente en Rianxo tamén se fixo e pode que se siga facendo a sega. Porén, resulta difícil sabelo porque semella que o único que queda desta vila mariñeira son os nomes dos rianxeiros mortos. Homes ilustres. Mais mortos". E engaden que "coa nosa literatura por veces semella pasar o mesmo que acontece en Rianxo. Sábese moi pouco de quen non son homes ilustres e sábese sobre todo dende parámetros que non só ignoran senón que estigmatizan a escrita e a lectura coñecedora do 50% da humanidade".

"Se cadra o máis interesante acontece mentres segamos. Nos debates que mantemos no interior da nosa crecente estrutura horizontal e aberta"

Destacan que "nas nosas mans que segan e que pescan o coñecemento reformúlase como un espazo ético e de aprendizaxe. Por iso se cadra o máis interesante acontece mentres segamos. Nos debates que mantemos no interior da nosa crecente estrutura horizontal e aberta, na que segadoras de diversas latitudes e parámetros aprendemos e medramos, damos saída ás nosas curiosidades e visións converxentes ou diverxentes dos textos". E engaden que "o noso non é o traballo solitario da crítica que busca marcar un canon dende o poder hexemónico, nin sequera o traballo meritorio de moitas bitácoras que buscan a divulgación. Na Sega experimentamos, argumentamos, colaboramos e cantamos mentres imos botando gabela a gabela as nosas visións sobre libros e outros formatos da cultura".

"Seguramente, como lles pasa ás mulleres que segan e pescan, o noso traballo non sexa recoñecido, seguramente non levaremos premio ningún nin cobraremos xornal de ningún medio de comunicación polo noso pensamento"

No texto conclúen que "seguramente, como lles pasa ás mulleres que segan e pescan, o noso traballo non sexa recoñecido, seguramente non levaremos premio ningún nin cobraremos xornal de ningún medio de comunicación polo noso pensamento". E engaden que "mesmo hai quen hai pouco falaba destes espazos da crítica en internet coma nichos, fronte a, puidemos entender, a crítica como deus manda. Nosoutras cremos nos nichos só para quen está morta, o noso espazo na rede, ben ao contrario, está vivo e vizoso". 

O texto péchase, despois de adiantar que "hai sega alén de internet" e que "este ano prometemos accións vizosas", que "seguramente nin nosoutras nin moitas das autoras das que falaron entrarán no panteón de rianxeiros ilustres mais nós seguiremos traballando polas vivas, rianxeiras ou non".

A Sega © http://www.asega-critica.net/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.