Risco e as vangardas artísticas de Europa

Castiñeiros en flor. 1881. Pierre-Auguste Renoir Dominio Público Praza Pública

A investigadora Iria-Friné Rivera Vázquez analiza a atracción de Risco polas vangardas, neste 30 de abril no que se celebra o 50 cabodano da morte do intelectual nacionalista.

"Seica se discute moito este manifesto… Hoxe viña A Nosa Terra entre riseira e amoscada por istas lerias novas", escribe Risco en La Zarpa sobre o impacto do Manifesto Mais Alá en xullo de 1922. "A todos nos ha chegar o tempo de pasarmos ao archivo, e non ha estar mal que os novos remexan nil para nos desempoiraren, inda que sexa a vasoirazos". Que Risco xustifique o “desempoiramento a vasoirazos” do Manifesto reflicte non só a súa defensa das novas xeracións fronte ás vellas, senón tamén o seu senso innovador. A través de publicacións e conferencias, Risco fala a miúdo dos novos movementos vangardistas que xorden en Europa. E procura difundilos, estudalos e aprender neles. A cuestión non é rexeitalos, senón aprehendelos para xerar novas producións na cultura galega. Entende esta creación artística como cultivo da identidade, a través da cal xorden obras dunha orixinalidade absoluta, ao mesmo tempo novas e atemporais.           

Que Risco xustifique o “desempoiramento a vasoirazos” do Manifesto reflicte non só a súa defensa das novas xeracións fronte ás vellas, senón tamén o seu senso innovador 

As Vangardas como movemento global significan para Risco a liberdade de concibir e interpretar, por exemplo, a realidade ou a tradición. Isto permite que os ámbitos artísticos adquiran un carácter orgánico, poidan rexenerarse e conectar coa sociedade contemporánea galega: temas, figuras e xéneros xa coñecidos poden ser ampliados ou reinterpretados segundo as visións e influencias dos novos artistas. Para Risco, a introdución de novos conceptos non significa a perda de identidade, senón o enriquecemento a través da conciliación entre tradición e innovación.   

As Vangardas como movemento global significan para Risco a liberdade de concibir e interpretar, por exemplo, a realidade ou a tradición

Risco tamén entende a Arte como unha expresión da personalidade e do progreso da cidadanía galega. Na conferencia de 1920 sobre Arte Nova na Coruña, exprésao con convicción: "pois este é o galeguismo interesante: o galeguismo construtivo, a diferencia do simplesmente conservador. Un galeguismo que quere integrar a Galicia con todos os seus valores de seu, co seu pensamento galego, coa súa arte galega, coa súa produción material galega, na civilización dos pobos mais adiantados. Tamén este galeguismo se sinte aló": 

                   "Loitar polo noso adianto
                   con entusiasmo e con fe"

É un dos seis mandamentos do Tío Marcos da Portela. Comenta que Coruña será a "Barcelona atlántica e ultramoderna", e fai observacións sutís e intelixentes sobre a evolución da pintura contemporánea europea. Por exemplo, falando das novas tendencias, salienta a importancia do Cubismo e do proceso da independencia da cor, especialmente dende Monet e Whistler ata a abstracción de Sonia Delauny. 

O interese pola pintura vangardista está moi presente na súa viaxe a Berlín en 1930. Alí ten ocasión de poder observar moitas obras orixinais, para deixar logo as súas impresións nos artigos publicados pola revista Nós

O interese pola pintura vangardista está moi presente na súa viaxe a Berlín en 1930. Alí ten ocasión de poder observar moitas obras orixinais, para deixar logo as súas impresións nos artigos publicados pola revista Nós, cuxa primeira serie se edita no libro de viaxe Mitteleuropa (Centroeuropa, 1934). Con respecto á pintura, un dos momentos claves é a visita ás coleccións de Arte da Nationalgalerie. Os apuntamentos son un documento ben elocuente sobre os seus gustos. A exposición xeral de pintura do século XIX non encaixa con el, xa que a súa sensibilidade se distancia da tradición clasicista, e lamenta sobre todo a influencia de Poussin. É distinta a consideración de certos pintores activos no século XIX, algún deles xermolos das Vangardas. Interésanlle, entre outros, Von Menzel, Constable, Segantini, Courbet e as obras influídas polos Prerrafaelitas británicos. A pintura de finais de século resúltalle máis atractiva; chama a súa atención Gauguin, Renoir e Lovis Corinth, que valorou como "un pintor valente e interesante". Desgústanlle, en cambio, as obras de Matisse e Cézanne presentes na colección do museo. Tamén repasa o que el denomina "Escola clásica alemá", citando pintores da Secesión de Berlín, como Max Liebermann. Tamén escribe sobre a impresión que lle causa un cadro do puntillista Paul Signac, que cualifica de "precioso".

Xa noutras salas, unha mención especial merécelle Max Pechstein, co que comeza a vista dos pintores expresionistas. Pechstein é un caso especial, porque Risco coñecera a súa pintura mediante unha lámina que lle fixo pensar, por empregar as súas verbas, que era "un feísta". Un parecer que cambia cando ten diante as súas obras. Tamén valora ben as obras de varios pintores, entre eles Schmidt Rottluff e Oscar Kokoschka, "outro dos coñecidos meus". Cando entra nas salas adicadas exclusivamente a un pintor, non lle gustan as obras de Ludwig Kirchner, "dun cubismo desfeito e dunha tolice de cor que non vén a conto para nada; o seu Die Meister der Brücke é o cadro mais feo que aquí hai". 

Xa rematando a súa visita, Risco pode examinar unha sala reservada a Emil Nolde. Os seus bodegóns e paisaxes atráeno moito, se ben sobre Políptico non ten unha opinión tan favorábel. Fóra da peza que representa a Resurrección, o resto da obra enfádao profundamente. Pasando a outros pintores, Risco contempla os "sonados cabalos azuis e os tres corzos de Franz Marc", así como cadros de Kandinsky e de Van Gogh, as obras de Picasso -do cal apreza sobre todo un retrato-, e de artistas coma Juan Gris, Bracque, e "unha preciosa cabeza en latón" de Rudolf Belling. Dos poucos escultores que cita, admira a Belling e igualmente, menciona a Rodin. A última obra da que fala é a pintura Blumenfresser, “o devorador de flores”, de Paul Klee.     

 

Visión distinta da arquitectura

É distinta a súa valoración da arquitectura vangardista. Risco considera que as edificacións deben dialogar, non agredir as persoas; pode aprezar os valores plásticos das novas propostas, mais non aqueles edificios cunha notable falta de calidade ou significación

É distinta a súa valoración da arquitectura vangardista. Risco considera que as edificacións deben dialogar, non agredir as persoas; pode aprezar os valores plásticos das novas propostas, mais non aqueles edificios cunha notable falta de calidade ou significación. Risco analiza as edificacións de Berlín, dende as primeiras, anteriores a 1914, ata as de recente construción en 1930, e observa que o trazo máis destacábel das casas construídas cos principios novos, é o uso abusivo do cemento, ostensiblemente visíbel nas fachadas. Para un home que ten moi presente a necesidade de coidar a estética pública, isto sácao de si: "Casas de cemento ou untadas de cemento enmourecido, dunha fealdade, no conxunto, na disposición e nos detalles, que pon verdadeiro medo. É un xogo de balcóns macizos, de entrantes e saíntes, de adornos e de cousas, dun efecto espantoso. Gusto ruín e mazacote que custa traballo crelo se un non o vise".       

Outra das cuestións nas que se fixa, é nos motivos de inspiración dos arquitectos. Risco anota: "din algúns que co senso de velocidade -casas que semellan vagóns do tren, carros eléctricos, autobuses- representan quizais o desexo de se embarcar dicindo adeus o pasado". Ao respecto, pregúntase se é coherente a significación que ten unha casa (un asentamento) coa que ten un medio de transporte (a do movemento continuo): "unha casa que se asemelle a un vagón do tren -algunhas hai na Alemaña- os que viven nela teñen por forza que volverse tolos axiña, e daquela, para onde embarcaron non foi para o futuro, senón para o manicomio, se é que o manicomio non é o futuro desta humanidade, xa que o manicomio é onde adoita levar a megalomanía".  

Pese a que non é un entusiasta de todos os conceptos técnicos das correntes predominantes -a Bauhaus, xunto co Racionalismo de Le Corbusier-, si aproba que as novas casas sexan axeitadas ao benestar das persoas

Risco tamén estuda que as liñas predominantes do deseño arquitectónico son horizontais, procedendo a analizar a composición dos edificios. Coida que moitos edificios son fermosos, sobre todo as vivendas, precisamente "cando conservan a estrutura e senso da casa, principalmente. O que acontece é que a súa beleza reside na súa sinxeleza -especialmente, por contraste cos edificios de estilo penúltimo- e no seu acomodamento á función que han de vencer". Pese a que non é un entusiasta de todos os conceptos técnicos das correntes predominantes -a Bauhaus, xunto co Racionalismo de Le Corbusier-, si aproba que as novas casas sexan axeitadas ao benestar das persoas: "Estas casas son, fóra da súa beleza, fealdade ou indiferenza, claras, sas, cómodas e folgadas. Nelas vívese ben".

Citas como estas converteron a Risco nun referente no coñecemento das Vangardas artísticas europeas. Foron precisamente o seu interese, o seu apoio ás mesmas e aos artistas galegos que nelas se inspiraban, o que o sinalou como un pioneiro intelectual da Arte Galega.

Asistentes ao banquete en homenaxe a Ramón Otero Pedrayo. 10-12-1929 © Real Academia Galega
Casas de Argenteuil. 1873. Claude Monet Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.