Rodrigo Ramos, un 'Subiote' para espallar cancións

O cantautor Rodrigo Ramos © María Ferradás

Rodrigo Ramos está a presentar nas últimas semanas os temas do seu terceiro disco. Hai uns días daba o primeiro single, "Polvo y escarcha" e agora chega "Subiote", adaptación do poema de Xosé Neira Vilas, un tema íntimo con carácter "pop Folk" que evoca "aires do rural", segundo destaca Ramos, nacido en Silleda, preto do Gres natal de Neira Vilas. 

"Subiote", que xa foi versionada hai anos por Suso Vaamonde, acompáñase dun fermoso vídeo de animación, realizado polo director nomeado aos Premios Goya, David Fidalgo Omil (''Homomaquia"). O tema foi gravado no estudio Planta Sónica e producido por Pancho Suárez. Os músicos que participan son Iago Fernández, Ale, Paula Rouco e Antón Torroncho.

"Eu son de Silleda e Neira Vilas é aquí unha persoa moi admirada e respectada. Foi bastante doado e natural convertelo nunha canción"

"Eu son de Silleda e Neira Vilas é aquí unha persoa moi admirada e respectada", destaca en conversa con Praza.gal, na que comenta que traballou sobre o poema con Iago Fernández, buscando darlle o mellor acompañamento sonoro, "bastante minimalista". 

"Foi bastante doado e natural convertelo nunha canción", destaca, facendo fincapé na importancia de reflectir nesta canción a "paisaxe galega" e a sensación de pasear polo campo. "Aquí reflíctense as conversas que eu tiña co meu avó. Non hai nada que me leve máis ao rural que facer un chifrote con madeira de ameneiro", di. "Así llo transmitín a David Fidalgo e así o plasmou no vídeo", engade.

Rodrigo Ramos iniciou no ano 2015 a súa carreira en solitario, despois de ter participado previamente en varias bandas. Dende entón publicou dous álbums, Mirabas Almas (2017) e Sol de Invierno (2019). O seu terceiro traballo aínda non foi publicado, en boa medida polas dificultades xeradas pola pandemia de coronavirus, que tamén impediron a súa presentación en directo. De momento, a intención de Ramos é seguir publicando de forma individual algunhas das cancións que o compoñen, á espera dun momento máis favorable.

"Publiquei o álbum en outubro de 2019 e o primeiro concerto tíveno o 7 de marzo deste ano, apenas uns días de que se estendese a pandemia. Parecía que todo ía encamiñado a que o disco e a xira funcionasen moi ben, pero o virus obrigou a parar todo"

"A ver cando temos a capacidade de publicalo e xirar con el, porque agora a situación é a que é. O meu obxectivo agora é publicar single a single", di. Ao igual que lle está a suceder á maior parte dos músicos e músicas, a pandemia de coronavirus supuxo un freo moi importante á actividade de Rodrigo Ramos, que xa non puido realizar unha xira do seu disco anterior, publicado hai un ano.

"Publiquei o álbum anterior en outubro de 2019, fun lanzando singles e o primeiro concerto tíveno o 7 de marzo deste ano, apenas uns días de que se estendese a pandemia. Toda a promoción que fixera tivo como resultado que se encheu por completo a Sala Sónar de Santiago nese concerto de presentación. Parecía que todo ía encamiñado a que o disco e a xira funcionasen moi ben, pero o virus obrigou a parar todo e fixo que todo aquel traballo de promoción non servise", comenta. "Fíxate que o segundo concerto estaba programado para o 14 de marzo en Madrid, onde se venderan case todas as entradas. E o Estado de Alarma declarouse o día 13", lamenta.

"É un pouco desacougante publicar cousas sen ter a seguridade de cando as vas poder presentar en directo", conclúe, augurando que "a normalidade nos concertos aínda vai tardar un par de anos en volver, cando menos a normalidade á que estabamos afeitos". 

"É un pouco desacougante publicar cousas sen ter a seguridade de cando as vas poder presentar en directo", di

Nestes últimos meses non realizou concertos online, aínda que tivo ofrecementos para facelo e de momento vai seguir sen recorrer a esta vía: "A música é outra cousa, nunca un concerto en streaming é o mesmo que un directo en persoa, é só un remendo. A calidade de audio non é moi boa e, ao final, postos a ver algo a través dunha pantalla eu prefiro ver un directo de Jimi Hendrix antes que un de Rodrigo Ramos", di. Con todo, si anticipa que nos vindeiros meses ten pensado gravar algunha actuación, con mellor calidade, para emitila a través da rede posteriormente: "Outra cousa é xuntar a toda a banda e gravar un directo nun estudio, con boa calidade. Iso si que o farei".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.