"Roland Figueiredo, axente segredo", entre os pioneiros do audiovisual galego

Un dos momentos do filme © Clube da Lingua

Este 2014 é un ano especial para o cinema galego. Aos recoñecementos aos que nos últimos anos nos viñeron afacendo novos autores como Xurxo Chirro, Eloy Enciso, Óliver Laxe ou Lois Patiño, uniuse nos últimos meses o éxito comercial de A Esmorga ou a pegada de filmes coma Os Fenómenos. E, ademais, coincidindo coa conmemoración do 25 aniversario da triple estrea de Urxa, Sempre Xonxa e Continental. Falase dese novembro de 1989 como momento fundacional do audiovisual contemporáneo en Galicia, que nos anos seguintes foi de vagas construíndo estruturas e formando profesionais, por exemplo a través da actividade da Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Todo iso non naceu da nada, evidentemente. Ao longo dos anos oitenta (e tamén nos setenta) houbo un traballo pioneiro de moitos autores e colectivos, case sempre cunha gran carencia de medios pero, dende logo, cunha vontade e creatividade desbordadas. Retorno a Tagen Ata (Eloy Lozano, 1974), Fendetestas (Antonio F. Simón, 1975), O herdeiro (Miguel Gato, 1976), O pai de Migueliño (Miguel Castelo, 1977), O monte é noso (Llorenç Soler, 1978), Tacón (Xavier Villaverde, 1982), Mamasunción (Chano Piñeiro, 1984) e Río de sombras (Daniel Domínguez, 1986), ou Malapata (Carlos A. López Piñeiro, 1980) son algúns exemplos que, ademais, poderán verse no CGAI ao longo do mes de xaneiro, completando a mostra Cinegalicia25 organizada por AGADIC.

Pero hai máis alfaias pioneiras do audiovisual galego, algunhas pouco ou nada coñecidas. É o caso de Roland Figueiredo, axente segredo, unha película rodada en 1988 en Vila de Cruces, en galego, por un grupo de activistas culturais. O filme vén de ser recuperado polo Clube da Língua / Equipo de Normalización da Lingua do IES Marco do Camballón e proxectarase este venres no Auditorio de Vila de Cruces, a partir das dez da mañá.

Segundo o Clube da Lingua, “a redescoberta deste filme, producido en 1988, e que fora premiado no Festival de Cine Afeccionado de Vilagarcía, ten moita trascendencia para nós pola importancia que ten descubrir que no noso concello houbo un movemento audiovisual en galego, con moita participación daquela xeración de xente nova e moita creatividade”. A película é unha longametraxe de ficción de 50 minutos, un filme cómico de aventuras, que parte dunha descuberta de importancia arqueolóxica e continúa cunha delirante trama detectivesca arredor da identidade da propia Galicia, con sátira social incluída.

No filme participaron Rafa Martínez, Xavier Vila, Luis Martínez, Tito Pampín, Gonzalo Rouco, Xosé Martínez, Manuel Padrón, Marisol Gómez, Santi Vázquez, Rosa Outeiral, Chapi, Pepe Senra, Lupe Pampín, Fuentes, Carlos garcía, Moncho, Mosteiro, Rodrigo Facal ou Paco Penas... A primeira parte do filme foi gravada nunha das covas do Monte das Covas e a partir de aí o filme recolle imaxes de Merza, Fontao ou a Vila de Cruces dos anos 80.

A película foi cedida ao IES Marco do Camballón por Rafael Martínez e Tito Pampín, integrantes de Produccións Cotonudo, xunto a varias obras audiovisuais de importancia histórica, entre as que se atopan unha retransmisión do programa teleafeccionado TV Cruces de 1988, un filme de terror, unha comedia, un de ficción científica ou imaxes documentais de Vila de Cruces dos anos 70. “Descubrir que Vila de Cruces estivo na vangarda da creación audiovisual nos anos 80, nos tempos da movida e a transgresión, dos Resentidos e da primeira TVG, e facéndoo no noso idioma, énchenos de orgullo”, explican desde o Clube da Lingua.

O Equipo de Normalización da Lingua do IES Marco do Camballón salienta así mesmo que esta redescoberta "é resultado da metodoloxía de participación social impulsada desde o Proxecto Palabras de Pedra, do Clube da Lingua, que se activou hai tres cursos e que toma como base do proceso de normalización lingüística a posta en valor do patrimonio material e inmaterial e a participación cidadá".

Un dos momentos do filme © Clube da Lingua
Un momento do filme © Clube da Lingua
Un momento do filme © Clube da Lingua
Un momento do filme © Clube da Lingua
Un momento do filme © Clube da Lingua
Un momento do filme © Clube da Lingua

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.