Ronsel de Futuro: unha viaxe á rede de museos da provincia de Lugo

Cartel de 'Ronsel de Futuro' ©

A serie fai un percorrido polos catro museos da Rede: Museo do Mar, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Pazo de Tor e Museo Provincial de Lugo, a través dos artistas, colectivos e asociacións vencelladas á propia Rede

Ronsel de futuro é unha webserie documental realizada a partir do 15º aniversario da Rede Museística Provincial, dependente da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A serie fai un percorrido polos catro museos da Rede: Museo do Mar, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Pazo de Tor e Museo Provincial de Lugo, a través dos artistas, colectivos e asociacións vencelladas á propia Rede. 

Logo de presentar o proxecto nos Cines Númax de Compostela e mais en Bos Aires, da man da Universidade Nacional Tres de Febrero, agora a serie chega por fin á provincia de Lugo, onde nas vindeiras semanas se realizarán presentacións e varias comarcas.

O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos Museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a nosa historia e patrimonio

O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos Museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a nosa historia e patrimonio. A Rede Museística espállase por todo o mundo como modelo de xestión. Os seus proxectos así como o traballo vencellado á comunidade son referente en congresos e foros museolóxicos.

A produtora O Señor López, da man de Brian Rodríguez e Rubén Pérez, levan a cabo este proxecto no que participan a propia xerente da institución Encarna Lago, artistas como Mónica Alonso e representantes da sociedade como Pilar Yáñez ou Mónica Álvarez, contando coa colaboración do Club Sénior do Museo do Mar, o Grupo de Teatro Antas  de Ulla, Espazo Lupa así como o Colexio Público de Antas. 

A webserie viaxou a diferentes localizacións da provincia de Lugo como O Cebreiro, Foz ou Samos así como os propios museos

A webserie viaxou a diferentes localizacións da provincia de Lugo como O Cebreiro, Foz ou Samos así como os propios museos.

A historia de ficción ten o seguinte fío argumental: Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio. Para poder saír de Bonxe acepta un titor, Alexandre, que cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio.

Calendario de presentacións

As presentacións terán lugar en Santaballa, Parada de Courel, Barreiros, Lugo, Meira e Monforte

  • Xoves 14. Santaballa (Liga Santaballesa, 20 horas)
  • Sábado 16. Parada de Courel (Fundación Uxío Novoneyra, 13 horas)
  • Domingo 17. Barreiros (Centro Manuel Díaz Sampedro, 19 horas)
  • Luns 18. Lugo (Vello Cárcere, 20.30 horas)
  • Xoves 21. Meira (Centro Sociocultural, 20.30 horas)
  • Mércores 27. Monforte de Lemos (Casa da Cultura, 20 horas)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.