Rosalía ten frío

Estatua de Rosalía de Castro en Padrón CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

"Rosalía de Castro aterece. E madía leva non aterecer! Rosalía de Castro é unha muller que morreu hai máis dun século e a quen durante longas décadas meteron nunha mortalla de cravos, sombras e prantos. Na maior parte dos casos o que o día a día nos devolve dela son imaxes de pedra, bustos e monumentos. Mais debaixo da pedra fría nosoutras sabemos que latexa unha obra viva, rebelde e mesmo temeraria". Así comeza o chamamento público que a plataforma de crítica literaria A Sega realiza para celebrar o aniversario do nacemento da poeta, o vindeiro 24 de febreiro.

"O obxectivo é ben simple: cubrir todas as estatuas de Rosalía de Castro do noso país que sexamos capaces con obras tecidas polas nosas mans. Porque a pedra será fría pero moito máis grande é a nosa calor"

O colectivo anima a todas as mulleres que o desexen a que tezan calquera peza "dende unha bufanda a un chal" que poida "cubrir un busto ou estatua de Rosalía de Castro na súa vila ou lugar próximo". E propoñen nesa data, 24 de febreiro, saír "cubrir as estatuas en todos os lugares". Así mesmo, engaden, se as participantes queren organizar algún acto como unha lectura ou convidar a algunha escritora, cantante ou artista para acompañalas "A Sega pode botar unha man á hora de organizar estes actos". Sinalan tamén que as participantes lle poden solicitar permiso ao Concello correspondente, "se ben os Concellos non adoitan poñer problema ante este tipo de accións".

"Estamos certas de que Rosalia de Castro non pode ficar máis á intemperie" -destaca o chamamento- "Debémoslle polo menos a calor que nós aínda temos como vivas herdeiras do seu xenio. Ela ensinounos que todas sabemos cousas, que a nosa voz é importante". "O obxectivo é ben simple: cubrir todas as estatuas de Rosalía de Castro do noso país que sexamos capaces con obras tecidas polas nosas mans. Porque a pedra será fría pero moito máis grande é a nosa calor", conclúen.

Estatua de Rosalía de Castro en Padrón CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.