Rui Pires, director de TeatrUBI: “Se tes que golpear, hai que golpear, non facer que golpeas”

Unha imaxe da obra © Jorge M. de la Calle

Só en 2010, o ano máis terríbel, morreron en Portugal 43 mulleres a man das súas parellas. A violencia doméstica é o termo empregado alí para denominar a aquí chamada violencia de xénero, e abrangue toda a violencia explícita ou velada practicada dentro da casa ou no ámbito familiar entre individuos unidos por parentesco natural ou civil. Esta ten moitas formas, mais sempre desastrosas consecuencias para as persoas que a sofren.

O director de teatro Rui Pires, responsábel da compañía de teatro universitario TeatrUBI, de Covilhâ (Portugal), leva moitos anos combinando a palabra, a expresión corporal, a danza e a música e triunfando coas súas montaxes na MITEU ourensá (Festival Internacional de Teatro Universitario de Ourense), que rematará mañá a súa XVII edición co seu acostumado éxito de crítica e público. Desta vez o creador luso quixo falar sobre este tipo de violencia, exemplificada na que se practica sobre moitas mulleres, para o que adaptou un texto da poetisa francoamericana Anaïs Nin, A Casa do Incesto, e compuxo para el un espectáculo entre realista e simbólico, unha danza fermosa e violenta mais sempre poética entre tres actores novos, Diana Portela, Gonçalo de Morais e Joana Oliveira, que tentan sentir nas súas carnes case coa mesma intensidade o que sinten as vítimas.

Rui Pires adaptou un texto da poetisa francoamericana Anaïs Nin, A Casa do Incesto, e compuxo para el un espectáculo entre realista e simbólico, unha danza fermosa e violenta

Esta tarde, ás 20.30 horas, no Auditorio Principal de Ourense. Máis información no blog de teatro de Praza Pública, O Galiñeiro.

Un estudo de 2012 sobre as percepcións da violencia doméstica de diferentes comunidades en Portugal revela que hai aínda moita xente no seu país, en efecto a maioría, que non pensa que aquela sexa un crime. Apenas o considera crime un 23,3% das mulleres, e un 12,1% dos homes portugueses. A cifra diminúe aínda máis no caso da comunidade ucraniana, mentres sobe no caso dos caboverdianos e brasileiros. A que se debe isto? Por que a sociedade aínda non reacciona con contundencia?

Non podemos olvidar a tradición latina e o peso da Igrexa Católica, que durante séculos reduciran a muller até non ter máis que reducir. Até hai unhas décadas, en Portugal, a muller aínda tiña o seu papel de esposa, dona de casa que coidaba dos fillos e non traballaba. Aínda hoxe en moitos lugares de Portugal é así. A muller tiña que obedecer o seu marido e ser submisa. Son séculos de historia que son difíciles de combater. Non podemos tamén esquecer que moitas mulleres son dependentes economicamente, ou que simplemente teñen medo, ou por elas ou polos seus fillos cando os hai. Podemos pensar que estamos no século XXI, pero a verdade é que a violencia doméstica está en tódalas clases sociais e dende os máis novos até os maiores, non elixe relixión ou partido político.

"Podemos pensar que estamos no século XXI, pero a verdade é que a violencia doméstica está en tódalas clases sociais e dende os máis novos até os maiores, non elixe relixión ou partido político"

Segundo os meus estudos para a obra, a muller case nunca se revolta contra a súa parella. A muller é golpeada, violada, e está moitos anos soportando estes malos tratos porque á parte de ter medo do seu marido, ten medo polo que os veciños e coñecidos poidan pensar, a sociedade, os seus pais.... son medos que están presentes no día a día destas mulleres. Polo que puiden analizar, a muller só loita contra o seu compañeiro se hai fillos no medio e se estes están en perigo. Por outra parte, a maioría das mulleres descoñece as institucións que apoian as vítimas de violencia doméstica. Na súa contra, teñen tamén o cambio radical que afrontan ó denunciar que son vítimas, pois a policía só pode facer algo se existen probas visíbeis, e como non as hai, moitas veces estas mulleres son vítimas ano tras ano e son asasinadas.

Non podemos esquecer tampouco que unha muller, ó saír de casa, non ten para onde ir, por veces ten a casa dos seus pais, mais o seu compañeiro sabe onde está. Estas mulleres teñen o seu traballo e eles tamén saben onde están. A muller ten, moitas veces, que abandonar a súa cidade, o seu traballo, e comezar unha nova vida de cero. Imaxino que alguén que sexa vítima de violencia doméstica tamén pensa nisto, no que vai ser a súa vida.

"O que se ten que promover é que a violencia doméstica é un crime público, pois moitas veces asistimos e non denunciamos"

Por outra banda, o que se ten que promover é que a violencia doméstica é un crime público, pois moitas veces asistimos e non denunciamos; aínda hai moito do dito popular: "entre marido e muller non metas a coller". Para concluír,  gostaríame dicir que, por veces, cando falamos de violencia doméstica, só referímonos á violencia física, mais a violencia física comeza moitas veces pola violencia psicolóxica. Agresións verbais que de pronto pasan a agresións físicas. A verdade é que a violencia psicolóxica non se nota tanto como a física, pero pode igualmente levar á morte.

Parece que 2010 foi o ano máis sanguento, con 43 homicidios e 39 tentativas, según a UMAR (União de Mulheres Alternativa e Resposta). É neste contexto de auxe da violencia doméstica no que xorde Mata-dor?

Si, os números de 2010 son impresionantes e arrepiantes, e débennos facer pensar a todos. É unha barbarie que ten que ser extinguida. Cando comecei a pensar que iría a traballar este ano, suxeríanme varias cousas, sempre teño un montón de ideas que tranporto aos ensaios. Pero en outubro de 2010, cando comecei a traballar no espectáculo que viría a chamarse Mata-dor, sempre que miraba un xornal lía algo sobre a violencia doméstica. Por defecto de formación -teño a carreira de xornalista-, diariamente miro a maioría dos xornais, e nesa época parecía que a diario había noticias de casos de violencia doméstica. O tema non me saía da cabeza. Un deses artigos chamou a miña atención, a maneira como a periodista escribiu a noticia, e os datos de que falaba eran impresionantes. Ao rematar de ler a nova, pensei “é isto”, “o espectáculo vai ser sobre violencia doméstica”, e foi así que me puxen a pescudar aínda máis e saíu Mata-dor.

"O que me gusta no texto son as palabras que Anaïs Nin usa, as metáforas son dunha beleza arrepiante. O meu traballo foi ler varias veces o texto e cortalo, cortar moito texto e reescribilo adaptándoo á realidade da violencia doméstica"

Vostede xa gañou en edicións anteriores moitos premiso da MITEU, e presentara en 2009 unha obra chamada Marca'dor, tamén sobre unha muller.

O espectáculo do ano pasado chamábase Son[h]o-dor-mente, e gañou o Premio do Xurado aquí na MITEU. O título da obra podíase ler A Dor Mente. Un amigo di que estou facendo unha triloxía da dor, pero o ano pasado a obra trataba da loucura, do punto de vista dunha muller loca; a de hai tres anos, Marca'dor, da vida e obra dunha poetisa portuguesa, Florbela Espanca, que foi unha muller que sufriu moito e se suicidou por amor. Eu traballo sempre cos sentimentos.

Como se lle ocorreu unir o tema da violencia machista ao texto de Anaïs Nin? Son en principio temas moi diferentes.

O texto xa o coñecía de hai anos, e en verdade non ten nada que ver coa violencia doméstica. En portugués chámase A casa do incesto; só polo nome da obra xa se desprende do que vai. Mais o que me gusta no texto son as palabras que Anaïs Nin usa, as metáforas son dunha beleza arrepiante. O meu traballo foi ler varias veces o texto e cortalo, cortar moito texto e reescribilo adaptándoo á realidade da violencia doméstica. A verdade, do texto orixinal ten moi pouco, de case 100 páxinas quedo con 6. O texto de Anaïs Nin gustoume moito, malia que non teña nada que ver co tema da obra, pero elixín o que me gustaba, modifiquei algunhas palabras e construín un texto diferente.

"Nas miñas obras o texto é o elemento secundario ou mesmo o último que se agrega"

Mais a súa obra non é só texto, ou precisamente o texto é o de menos. Traballa co corpo dos actores, é unha fermosa e violenta danza. Como concibiu o traballo actoral e a posta en escena?

Gosto da súa expresión "é una fermosa e violenta danza".  Nin eu o describiría mellor. É verdade, nas miñas obras o texto é o elemento secundario ou mesmo o último que se agrega. Sempre teño dificultades en elixir un texto, nunca elixo un texto dramático, e aos textos das miñas obras os metamorfoseo, gústame que teñan un cuño persoal e que estean de acordo co que para min é o máis importante da obra, a parte visual. Sempre dou primacía ao visual. Sempre que comezo unha nova obra, é a partir dunha idea, que me pode xurdir dunha foto, dun libro, dunha peli, dunha música, ou neste caso, dunha noticia dun xornal. Gústame a dicotomía amor-odio, gústame xogar cos opostos, cos sentimentos que no teatro e en xeral en tódalas artes están sempre moi presentes.

O traballo cos intérpretes comeza sempre a partir de improvisacións, improvisacións que teñen como punto de partida palabras soltas, frases, fotografías, músicas, películas. Traballo cos intérpretes en grupo, parella ou individualmente, depende tamén do número de xente que teño para traballar. A verdade é que a parte física e visual son para min o máis importante. O proceso creativo é demorado e duro, din que son moi rigoroso, pero temos que ter rigor en todo o que facemos. Nunca podemos olvidar que estamos a traballar para o público, que o fin último do noso traballo é a xente que paga para mirar o noso traballo.

"Teño amigos que me din que as miñas obras non son de teatro, pero si de danza; outros din que é performance ou teatro contemporáneo; a min non me gusta rotular as cousas"

Eu nunca amoso un traballo ao público se a min non me gusta. Nós, que traballamos no teatro, non podemos permitir que o espectador que vai por primeira vez ao teatro a vernos saia defraudado, nin que a súa primeira ida ó teatro sexa a última. Teño amigos que me din que as miñas obras non son de teatro, pero si de danza; outros din que é performance ou teatro contemporáneo; a min non me gusta rotular as cousas, sempre refírome ás miñas obras como espectáculos, porque ao final hoxe en día as artes están tan mesturadas...

Parece que hai dúas mulleres na obra que en realidade son a mesma. Pero cada unha representa algo distinto.

Hai quen di que son dúas mulleres, e hai quen di que as dúas son unha; a min non me gusta dar a miña opinión sobre as miñas obras ó dicir que isto é así, que isto é iso. Gústame que cada espectador teña a súa lectura do espectáculo, que o mire e o interprete como seu de acordo coa súa historia persoal, coa súa vida, co que o rodea. Gústame que os meus espectáculos poidan ter varias interpretacións, tantas como o número de espectadores que asisten. Pero na miña concepción as dúas mulleres son unha e representan todas as mulleres do mundo vítimas de violencia doméstica.

Que obxectivo persegue con esta obra, se é que o ten?

Antes de nada, quería deixar claro que Mata-dor é un espectáculo sobre a violencia doméstica de homes con mulleres, a opción foi tratar este tema desde o punto de vista das mulleres que son vítimas dos seus compañeiros. Mais tamén existe violencia doméstica ao revés, de mulleres que maltratan os seus compañeiros, e violencia doméstica entre parellas do mesmo sexo.

Teño un amigo director que di que non é mensaxeiro, por iso non pretende transmitir ningunha mensaxe cos seus espectáculos, que se é para pasar unha mensaxe, envía un e-mail, non fagas una obra de teatro... A verdade é que non sei contestar a súa pregunta. O obxectivo primeiro é sempre facer una obra de teatro que lle guste á xente, sabendo que non lle vai gustar a todo o mundo de antemán. Queres intentar transmitir sensacións, sentimentos, bos e maos, pois os dous fan parte do ser humano.

"Quedo satisfeito se ao final da obra a xente queda a pensar no que acaba de mirar; non só no final, senón que, días despois, por casualidade, nas súas casas, no traballo, nun bar tomando unha copa, vendo televisión, por uns momentos fiquen en silencio e se dan conta de que están a pensar na obra"

A vida é unha sucesión de maos e bos momentos. Quedo satisfeito se ao final da obra a xente queda a pensar no que acaba de mirar; non só no final, senón que, días despois, por casualidade, nas súas casas, no traballo, nun bar tomando unha copa, vendo televisión, por uns momentos fiquen en silencio e se dan conta de que están a pensar na obra. Xa que o teatro é unha arte tan efémera, se polo tempo que sexa, poida prolonga-la satisfacción ou o malestar que poida provocar a obra no público... xa é unha vitoria.

 

Posta en escena

Hai un traballo actoral moi grande. Fai algún tipo de selección?

Non hai selección. Os alumnos inscríbense en outubro no teatro. Teño moitos, vinte, trinta, pero como traballo catro días pola semana catro horas diarias, son moi rigoroso, moi físico, hai moito adestramento, a xente marcha. Eu traballo cos que quedan. Gústame este tipo de selección porque non boto a ninguén, vaise porque quere e o que queda ten que cumprir os horarios, e gústame máis porque sei que os que quedan, que son poucos, quedan porque queren, e están a gusto.

"Viaxamos moito, somos a compañía que viaxa máis, cruzamos un montón de veces o Atlántico, América Latina, África, Asia, viaxamos por España moitas veces, a semana pasada estivemos en Santiago e Lugo, en maio estaremos na Coruña"

Viaxamos moito, somos a compañía que viaxa máis, cruzamos un montón de veces o Atlántico, América Latina, África, Asia, viaxamos por España moitas veces, a semana pasada estivemos en Santiago e Lugo, en maio estaremos na Coruña, tamén, hai invitacións para Granada... En Santiago estivemos dúas veces porque tamén fomos ó Festival de Danza. Como é unha mestura... Dende hai uns anos estamos participando en festivais de teatro e de danza. Digamos que é unha selección natural.

Léolle unhas cantas frases de Anaïs Nin que van moi ben coa obra: “O erotismo é unha das bases do coñecemento de un mesmo, tan indispensábel como a poesía”; “A carne contra a carne produce un perfume, pero o roce das palabras non enxendra senón sufrimento e división”; “É a culpa, o medo, a impotencia o que fai crueles aos homes”; “A única anormalidade é a incapacidade de amar”; “Só o latido ao unísono do sexo e do corazón pode crear a éxtase”.

Ela xoga moito coas palabras, sempre no que escribe fai unha dicotomía, quere dicir algo pero non quere dicilo, xoga cos opostos, que é tamén no que me gusta no teatro, xogar cos opostos: xogar co amor, co sufrimento, porque todos buscamos na vida o amor, ser felices, pero chegar até aí é un percorrido doloroso, e gústame moito traballar con temas cercanos a todo o mundo, que se identifiquen, e gústame transmitilo non só mediante a palabra, tamén mediante o físico, porque sempre digo ós meus actores: se alguén vai golpear a alguén ten que golpealo, non pode facer que o golpea, porque se fas que o golpeas, o público sinte que só estás a facer que o golpeas, mais non o estás a golpear de verdade.

"Hai que vivir as cousas en toda a súa crueza"

Para golpear, hai que golpear con verdade. Intento nesta obra, que é un tema moi duro, que se aproximen o máis posible a alguén que pasou por isto. Persoalmente ninguén que non o teña pasado podemos opinar e dicir como se sinte unha muller, se non estamos na súa posición non sabemos o que sinte, como acciona... Polo menos hai que estar na súa posición física.

E non ten medo de que as mentes benpensantes non o acepten e digan que é moita violencia ao vivo, demasiado real?

Non, hai que vivir as cousas en toda a súa crueza.

Unha imaxe da obra © Jorge M. de la Calle
Rui Pires © Jorge M. de la Calle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.