Salvaterra do Miño recupera nun documental a memoria de tres veciños que loitaron "polas causas xustas"

A curta documental busca recoller a importancia que tivo a exposición A Nosa Memoria © Lazoiro

No ano 2016 as Covas de Dona Urraca de Salvaterra do Miño acolleron a exposición 'A Nosa Memoria', que a través de fotografías e paneis amosaron a historia da vila na Guerra Civil e durante a represión franquista. A mostra, que tivo un grande éxito de público, con máis de mil asistentes, serviu para dar a coñecer tres figuras da historia da vila, que sufriran a represión e cuxa memoria fora silenciada: Manuel Mariño Méndez (alcalde entre 1931 e 1934, exiliado en 1936), José Domínguez González (tenente de alcalde, fusilado e 1937) e Manuel Puente González (o mecenas que posibilitou a publicación do Sempre en Galiza).

A exposición e o documental deron a coñecer as figuras de Manuel Mariño Méndez, José Domínguez González e Manuel Puente González

Agora, unha curta documental recupera os contidos daquela exposición nun filme de 17 minutos que volve afondar nas vidas destas tres persoas e que foi producida por Diaño Filmes para Asociación Lazoiro. O documental foi estreado o pasado 18 de maio no café-concerto Vagalume en Salvaterra de Miño e pode verse libremente na rede, a través de Youtube ou Facebook.

O documental péchase coas palabras que pouco antes de ser fusilado no Monte do Castro de Vigo lle escribiu José Domínguez González á súa dona Angelina: "Pereceremos inexorablemente dez compañeiros valentes e abnegados que saben ofrendar a vida por unha causa nobre, xusta e humana que as xeracións que virán haberán de respectar e recordar con profundo respecto. Así o cremos e así o esperamos os que levados do afán de xustiza e liberación dos pobos entregamos o mellor e ofrendamos as nosas vidas en holocausto dun mundo mellor. Nada hai tan belo nin tan sublime cando se morre coa conciencia do deber cumprido".

Manuel Mariño Méndez. Creou no ano 1913 a Sociedade Agraria de Fiolledo, Oleiros e de Salvaterra coa axuda dos emigrados na Arxentina. Foi Concelleiro e o primeiro Alcalde constitucional na II República de 1931 e 1934. Tras o golpe de Estado do 1936 dirixiu accións para preservar a legalidade, pero aos poucos días tivo que agocharse na parroquia de Leirado e posteriormente fuxiu a Portugal. Detido en Monçao durante uns meses, rematou nun penal de Lisboa e coa axuda do embaixador español logrou fuxir á zona republicana. Regresou a Galicia en 1947 con 65 anos de idade aproveitando un indulto de Franco para aqueles que non tiñan delitos de sangue. Viviu silenciosamente na parroquia que o viu nacer ate o seu falecemento o día 15 de febreiro de 1967 aos 85 anos de idade. 

O documental péchase coas palabras que pouco antes de ser fusilado no Monte do Castro de Vigo lle escribiu José Domínguez González á súa dona Angelina

José Domínguez González. Con 16 anos emigrou a Arxentina, onde traballou de panadeiro e foi sindicalista deste gremio. Foi membro da Sociedade Nazonalista Pondal de Bos Aires e escribiu artigos para Acción Gallega ou A Fouze de Bos Aires. Xa de volta en Galicia, tras o golpe do 18 de xullo de 1936 formou parte do Comité da Defensa da República e participou na requisa de armas, municións e ferramentas seguindo as ordes oficiais que emitía o Goberno. Foi detido, ingresou na prisión de Tui 11 de agosto e foi trasladado a Vigo para ser finalmente fusilado no monte do Castro o 24 de febreiro de 1937. 

Manuel Puente González. En 1906 emigrou a Bos Aires e aprendeu o oficio da xoiería, fundando no 1919 a empresa Manuel Punta y Cia, unha das maiores cadeas de xoiería e pratería da Arxentina. Tivo diversos cargos, entre os que cabe destacar o de tesoureiro na Cámara Sindical de Comercio de Bos Aires, presidente da Cámara de Comerciantes Republicanos Españoles e fundador e primeiro presidente da Sociedade Unión Progresista de Salvatierra de Miño. 

Puente deixou a súa pegada na historia como o gran mecenas galego da emigración

En 1940, cando Castelao chega a Bos Aires en calidade de exiliado, Puente púxose á súa disposición. Funda xunto a Castelao e outros o Consello de Galiza, sendo Puente presidente da Comisión de Facenda. Financiou diferentes obras de Castelao, entre as que esta o Sempre en Galiza, Albumes de Guerra e as Cruces de Pedra. Sufragou tamén os gastos de Historia de Galicia de Otero Pedrayo e contribuíu a recadación de fondos para financiar a editorial Galaxia fundada no 1950. Finou en Bos Aires no ano 1970, deixando a súa pegada na historia como o gran mecenas galego da emigración. 

Manuel Puente (con lentes), nun acto con Castelao Dominio Público Asociación Lazoiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.