Satisfacción en Lugo polo regreso da colección de Álvaro Gil ao Museo Provincial

Torques de Burela CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)

O pasado 24 de outubro a valiosa colección que Álvaro Gil lle cedera décadas atrás ao Museo Provincial de Lugo foi trasladada por orde dos seus herdeiros. A familia levaba tempo reclamando a propiedade dunhas doazóns realizadas entre 1955 e 1980 e que consideraban cesións temporais; criticaban tamén que as pezas, polo seu valor, non contasen cun seguro específico ante posibles roubos. A xustiza deulles a razón e a pesar dos intentos das institucións de chegar a un acordo con eles (chegara a ofrecer 2.3 millóns polas corenta pezas de ourivería, máis 600 mil euros máis polas costas legais), o herdeiros de Álvaro Gil acabaron por levar estes tesouros.

De inmediato asociacións e investigadores fixeron unha chamada pública de atención sobre a necesidade de que estes obxectos, entre os que se atopa o Torque de Burela, o máis grande dos atopados en Galicia, se expuxese nun museo público. "Con independencia de razóns legais e éticas, isto débenos facer reflexionar e, sobre todo, debe facer pensar en como deben ser recuperados para Galicia estas valiosas testemuñas da nosa Historia”, destacaba Manuel Gago. De igual xeito, o colectivo Lugo Monumental difundiu un comunicado no que lles pedía aos descendentes de Álvaro Gil que "reconsideraden a súa decisión e que poñan os intereses da cidade e o respecto á vontade do mecenas por riba de cuestións económicas". Así mesmo, a Asociación Cultura do País iniciou unha campaña para instar as institucións a que iniciasen "o proceso expropiatorio do Torques de Burela e o resto da colección de Álvaro Gil".

A familia aceptou finalmente a oferta que xa hai tempo lle realizara o ente provincial, que mercará a colección por 2.346.200 euros máis os 600 mil polas costas xudiciais

A historia, oito meses despois, ten un final feliz. A Deputación de Lugo anunciou este xoves que a familia aceptou finalmente a oferta que xa hai tempo lle realizara o ente provincial, que mercará a colección por 2.346.200 euros máis os 600 mil polas costas xudiciais. O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que con esta decisión as pezas cedidas por Álvaro Gil pasarán a ser "para sempre patrimonio de todos os lucenses”. Gómez Besteiro adiantou que a colección estará de novo exposta no Museo Provincial entre finais de agosto e principios de setembro.

O organismo provincial efectuará o pago en cinco anualidades (de 2014 a 2018). Ademais os herdeiros renuncian, dende o momento da sinatura do contrato de compra-venda, a reclamar danos e perdas a través de calquera acción, administrativa ou civil, ademais de desistir da que xa teñen iniciada en maio deste ano ante a Deputación e que ascende a 2,7 millóns de euros.

Gómez Besteiro adiantou que a colección estará de novo exposta no Museo Provincial entre finais de agosto e principios de setembro

MariñaPatrimonio vén de publicar un comunicado no que "recoñece e valora moi positivamente os resultados das negociacións" e no que lembran que "estas pezas constitúen un símbolo moi salientable da nosa cultura e teñen unha especial relevancia para a comarca da Mariña, de onde procede unha boa parte desta colección". En decembro as asociacións Cultura do País, ADEGA, Buril e MariñaPatrimonio organizaron un roteiro pola Mariña para reivindicar a volta da colección de Álvaro Gil e tamén a defensa de varios xacementos arqueolóxicos da comarca. Aproveitando a "felicitación" á Deputación, a entidade sinala que espera nalgún momento "felicitar tamén" a Consellería de Cultura "cando, por exemplo, inclúan no Inventario a mina de ouro da Espiñeira e cando consoliden e protexan Estabañón, a Roda de Barreiros ou o Hipocausto de Burela".

Torques de Burela CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.