"Se non te desafiuzan ou che cortan a luz e non morres de frío, sempre chega a primavera"

Imaxe do grupo © Rubén Domínguez

Era noite, e era inverno, no primeiro disco de Chicharrón, declaración de amor a un irmán/amigo que marchou. Mais vai sol no segundo, Postal. Hai luz, porque se atopou o camiño e con quen compartilo. Tamén hai un son eléctrico. Letras máis líricas. E moita forza. Alberto Vecino, Diego Gende, Mar Catarina, Rubén Domínguez e Xurxo Meis son Chicharrón. Alberto respondeu as preguntas de Praza.

Nada máis comezar a escoitar Postal percíbese a diferencia co primeiro disco. O son"electrízase". Pero non só por iso soa distinto. Tamén, supoño, pola incorporación de Mar e Xurxo... Que tipo de son procurabades para Postal? Algún motivo especial para o paso do acústico ao eléctrico?

Simplemente foi porque tanto as cancións como o concepto do disco pedíano. Falamos entre todos do significado de Postal e Rubén, que é unha das persoas máis intuitivas que coñezo, viuno tan claro que todos lle fixemos caso. Agora, pasados uns meses, sinto que acertamos porque a electricidade non só achega esa luminosidade e atmosfera onírica senón que crea un son máis coral.

"A electricidade non só achega esa luminosidade e atmosfera onírica senón que crea un son máis coral"

Dixerades do primeiro disco que estiverades perdidos e que atoparades o voso camiño, no que estades neste segundo disco, que ten un ton máis optimista, máis esperanzado... "Déixate levar/ por este río de paz". Di un dos temas. Que hai nese novo camiño no que estades, e que se reflicte nas letras? Pode ser paz?

Atopamos o noso camiño da mesma forma que alguén que está perdido nunha selva de súpeto sabe por onde ten que seguir e avanza sen dubidalo. Iso non significa que o camiño que eliximos sexa perfecto, pero é o noso e sabelo fai que teña sentido seguir e que mereza a pena. O anterior disco falaba de cando estabamos perdidos nesa selva e era de noite e era inverno, pero acababa cunha pequena esperanza e cunha incógnita: a de como sería o seguinte día. E este disco é a resposta: fai sol e aparece ao noso lado alguén marabilloso cuxo camiño coincide co noso e sentímonos en paz por primeira vez.

"Vai sol e aparece ao noso lado alguén marabilloso cuxo camiño coincide co noso e sentímonos en paz por primeira vez"

O primeiro era un disco de amor, fronte á perda, a ausencia dun amigo/irmán. Este volve ser, en grande medida, un disco de amor. "Coma se pra salvarme/ tan só precisara/ acuruxarme a carón da túa alma". Un disco de amor que tamén é acougo. Celebración do encontro. Por que?

Porque o amor é o máis importante. Creo sinceramente que se houbese máis amor o mundo sería mellor, máis libre e máis xusto e síntome moi afortunado porque na miña vida haino.

"Se houbese máis amor o mundo sería mellor, máis libre e máis xusto"

Non creo que teña nada de particular a escolla polo castelán ou polo galego, mais si se falou nalgunha crítica de que este disco era máis "lírico" e de que se cadra por iso lle pegaba máis o galego. A relación do galego co maior lirismo non deixa de ser un tópico. Mais, mudou o enfoque xeral do disco, o xeito de cantar, etc, en parte por ser letras máis líricas (que o son)?

Entre nós falamos galego, así que se queriamos facer algo propio era necesario compoñer na nosa lingua e enriba temos a sorte de que é preciosa, así que estamos moi contentos co resultado e non pensamos abandonar o galego nunca máis.

"Non pensamos abandonar o galego nunca máis"

Aínda que haxa máis luz neste disco, non todo é luz. É máis ben como se se atopa un acubillo mentres o caos continúa fóra. Está buscada esa alternancia entre o acougo e o desacougo? (Que tamén a había no primeiro disco).

Eu véxoo un pouco como un cambio de estación. O primeiro disco era inverno, e aínda que ás veces no inverno en Carballo fai sol, o normal é que o tempo sexa horrible. Pero se non te desafiuzan ou che cortan a luz e non morres de frío, sempre chega a primavera e niso estamos, aínda que ás veces tamén faga mal día.

Franc3s quedou atrás e este é outro proxecto. Dixeras que con Franc3s tiñades algo de saturación polo marketing, entrevistas... Por iso a opción primeira para Chicharrón pola autoprodución, para poder ir a outro ritmo?

Eu vexo Franc3s como unha especia de adolescencia onde o pasei moi ben e onde tamén fixen cousas que agora non faría, pero das que non me arrepinto para nada, porque senón non estaría aquí. Franc3s acabouse e o que si que estou a facer e vou seguir facendo dunha ou outra forma é música, porque o necesito para vivir.

"O que si que estou a facer e vou seguir facendo dunha ou outra forma é música, porque o necesito para vivir"
 

Por que o disco se chama Postal? E por que o grupo se chama Chicharrón?

Chicharrón era o grupo que tiñamos Alberto Gende e eu. Acórdome perfectamente cando me dixo o nome e a verdade é que non me gustaba moito. O certo é que non sei que lle pasou pola cabeza nin nunca o saberei, pero non me imaxino facer algo baixo outro nome tipo Alberto Project ou algo así. Postal significa, ademais do sentido literal do viaxeiro que se detén e describe o que ve a quen quere, que é o noso disco postalberto Gende, aínda que nalgunha canción tamén aparece.

Tedes bastantes concertos, estades tendo bastante proxección en medios, blogs... Din que facedes indie, pop... E se cadra o que facedes axuda a desbotar tópicos sobre a música en galego. (Para quen aínda os teña). Que sensación tedes sobre iso cando tocades fóra? Dígoo tamén porque ás veces percíbese certo paternalismo coa música en galego. "Ai, como estades moi ben, vou falar de vós igual, aínda que faledes nesa lingua rara".

Teño que recoñecer que para nós existiron menos problemas dos esperados ao presentar Postal fóra de Galicia. Chegáronnos valoracións e interpretacións moi boas desde fóra de Galicia, soamos en programas de Radio 3 e doutras comunidades e recibimos propostas para tocar moi chulas, o que demostra que hai público capaz de facer o esforzo e que ve natural que un grupo galego cante en galego, do mesmo xeito que un grupo alemán canta en alemán.

Por outra banda resúltame curiosa a situación en Galicia porque creo que estamos a vivir unha época dourada de grupos cantando en galego e isto non se está reflectindo con presenzas en festivais, discográficas etc. e dáme un pouco de pena que se estea desaproveitando o momento.

Por certo, que a idea do amor como salvación tamén é bastante pop (e tamén pode resultar un clixé, dependendo de como se entenda). De que ten ou pode salvarnos ese amor como encontro, como persoas coas que compartir o camiño?

A min salvoume de acabar como Aguirre na película de Herzog: nunha barca cara ao abismo rodeado de monos e disparos.

"O amor salvoume de acabar como Aguirre na película de Herzog: nunha barca cara ao abismo rodeado de monos e disparos"

"O que queda é co que comezas", di a vosa bio no facebook. Por que?

É unha frase do sociólogo Charles Wright que lin en época de cambios e que foi moi importante para min.
 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.