O certame de declaracións de amor en galego organizado polos departamentos de Política Lingüística e Xuventude entrega os seus premios ás mellores composicións, que se divulgan tamén musicadas
A Xunta fixo entrega este luns dos premios aos gañadores do certame Lingua de Namorar, concurso de declaracións de amor en galego na rede organizado polos departamentos de Política Lingüística e Xuventude. Con este certame o Goberno galego procura “dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e en internet”.
As composicións gañadoras foron ademais musicadas e interpretadas por Xermán Bugallo, gañador do certame Xuventude Crea 2019 na especialidade de música.
Na primeira categoría de idade, de 14 a 19 anos, foron galardoados os seguintes traballos:
‘Retórica’ (1º premio, co que Nee Barros, de Marín, acumula xa catro distincións consecutivas neste concurso desde 2017):
Sei que ditongamos ás veces e outras somos hiato irrexuntábel, e que aínda que imposíbel, a nosa rima é libre, asonante e consonante ao mesmo tempo; de arte maior e menor, sen importar se somos lira ou soneto, pareado ou sirventés. As antíteses véndannos os ollos, pero creme que confío a cegas no noso poema.
‘Primavera’ (2º premio, para Ana Loureiro, de Caldas de Reis):
Hai margaridas
crecendo no meu peito,
xogas con elas cando me ispo
e escápaselles que te quero.
Non somos espellismos;
só un oasis no deserto.
Esfollando margaridas
volvo a agosto e ao mar,
á calor e á roupa no chan,
a dous corpos nun abismo.
Traes co vento a primavera
e fas mudar as estacións.
‘Ao altar’ (3º premio, para María Femenías, de Foz):
Compañeiro de clase, fixéchesme estudante eterna. Estudarte a ti leva, cando menos, unha vida.
.
Na segunda categoría (de 20 a 35 anos), foron premiados os seguintes:
‘Ataraxia’ (1º premio, para Leticia Cid, de San Cibrao das Viñas):
Era unha tarde de brétemas
e sentíase un verán revoltoso
A aura do mar ouveaba,
cubrindo o morno silencio
que os posuíra.
As raiolas do sol alumeaban
as súas facianas
e os pés, bañados pola area,
xacían impredicíbeis
nun baile de incerteza.
Rozáronse. Co suspiro
agarimaron o vento.
Nos seus ollares,
a lingua secreta dos que saen
que se queren.
‘Un vinilo dos Dire Straits’ (2º premio, para Denís Vicente, da Guarda):
Gústame cando bailamos
e fechamos os ollos
e as mans devalan unha sobre a outra
O arrecendo da música
quenta os corpos
que tornan
nus
para nós.
Só para nós.
Xa non hai apenas aires entre os
nosos corpos, que agora
Coma un vinilo dos Dire Straits
nun reprodutor dos anos 90.
E as mans devalan unha sobre a outra.
‘Fuxitivas’ (3º premio, para Silvia Pérez, tamén da Guarda):
Quedeime durmida
apoiada a ti,
sen darme conta, estaba xa
subida a un vagón.
Era distinto aos anteriores
tiña as portas abertas
de par en par.
Facía tempo que non me tremían as pernas
o bicar a alguén.
Eramos dúas fuxitivas,
das historias, de amor romántico.
Xa non sigo nese vagón,
ando na procura dun
que me faga sentir
igual de valente.