Seis películas para a xornada de reflexión

'El diputado' Dominio Público Praza Pública

Unha das grandes preocupacións da cidadanía na xornada de reflexión é saber que van facer os principais candidatos, ou polo menos, iso é o que se desprende ao ver a cobertura informativa dos grandes medios. Este ano algúns deles manifestaron a súa intención de acudir ao cinema para ver o último episodio de Star Wars, pero alén de galaxias onde os bos son moi bos e os malos malísimos, hai outra serie de películas cheas de matices e ideas que son máis apropiadas para un día tan reflexivo coma este.

Alén de 'Ocho apellidos catalanes' hai outros filmes cheos de matices e ideas máis apropiados para un día tan reflexivo coma este

Cómpre lembrar que antes de ocupar a centralidade do taboleiro recomendando a outros candidatos en debates películas tan discutibles como 'Ocho apellidos catalanes', Pablo Iglesias entraba nos seus mitins ao ritmo da banda sonora de 'Z' (1969) de Costa-Gavras, filme político -este si- fundamental e recomendable. Outro filme clásico moi citado polo líder de Podemos era 'Il gattopard'o (1963) de Luchino Viscontti, con aquela lampedusiana cita: “se queremos que todo siga como está, é necesario que todo cambie”, que tanto lembra agora ao “cambio sensato” que propón o partido autodenominado Ciudadanos.

E para seguir decodificando a realidade a golpe de película propoñemos seis obras que dialogan en maior ou menor medida coa sociedade e política que nos tocou vivir e quen sabe se cambiar.

'El diputado' (1978) Eloy de la Iglesia

José Sacristán dá vida a un político de esquerdas que en 1977 sae elixido deputado e aspira á Secretaría Xeral do seu partido, unha ficticia terceira vía entre o PSOE e o PCE. Pero a súa carreira vese ameazada pola extrema dereita que desvela a súa condición oculta de homosexual.

Eloy de la Iglesia co seu recoñecible feísmo estético e a súa paixón polo sórdido, realiza un retrato da Transición que se volve fundamental para saber de onde vimos, sobre todo agora que as relecturas daquel momento histórico arroxan conclusións tan dispares.

'Four Lions' (2010) Christopher Morris

Dous irmáns ingleses de orixe árabe, Omar e Waj, adéstranse nun campo muxahidín de Paquistán, ao seu regreso forman xunto a outros dous amigos unha célula terrorista que pretende atentar en Gran Bretaña. Ah! e é unha comedia!

Un par de anos antes de que os terroristas islámicos atentasen contra Charlie Hebdo para convencernos moi exitosamente de que non se pode facer humor con segundo que cousas. O director británico, Christopher Morris, atreveuse a debutar cunha negrísima comedia sobre terrorismo que non parece que vaia a pasar de moda. En clave española, tamén é moi recomendable 'Negociador' (2014) de Borja Cobeaga, que se aproxima tamén en clave humorística ás negociacións entre ETA e o Goberno de España.

'Os fenómenos' (2014) Alfonso Zarauza

A historia dunha muller (Lola Dueñas) que tras ser abandonada pola súa parella (Luís Tosar) volve desde Almería ata o seu Ferrol natal en busca dunha oportunidade para ela e o seu bebé. Despois dunha dura procura atopa traballo como peón de obra e comeza un duro camiño para abrirse paso nun mundo que a marxina e unha sociedade que se esfarela.

O filme do director compostelán é unha nidia radiografía da crise e do modelo do ladrillo. Máis aló da magnífica interpretación de Lola Dueñas, a cuadrilla de “fenómenos” (Miguel De Lira, Morris, Xosé Touriñán, Xúlio Abonjo) achegan un divertidísimo reverso cómico.

'Murieron por encima de sus posibilidades' (2014) Isaki Lacuesta

Cando xa o perderon todo por culpa da crise económica, cinco cidadáns con ánimo de vinganza urden un plan para secuestrar os representantes dos poderes fácticos do país, coa intención de extorsionalos e que todo volva ser como antes.

Si, é estraño imaxinar a un director de culto como Isaki Lacuesta facer unha comedia protagonizada por Albert Pla, pero aquí está. Esta sátira sobre a crise é tan disparatada e desequilibrada como parece, pero cumpre o soño de moitos ao ver a banqueiros e políticos ante a tesitura de recortar (aos seus colegas) ou ser recortados.

'B de Bárcenas' (2015) David Ilundain

O extesoureiro do Partido Popular, Luis Bárcenas, abandonou a estratexia de negar os feitos e decidiu explicar os chamados “papeis de Bárcenas” ante a Audiencia Nacional nunha histórica declaración o 13 de xullo de 2013.

Coa sinxeleza formal de quen se sabe posuidor dun guión potentísimo, a película utiliza a declaración literal do tesoureiro e non necesita nada máis para camiñar desde a comedia ao terror e viceversa. Testemuño fílmico do que é un dos episodios máis esperpénticos da nosa democracia, principalmente pola ausencia de consecuencias políticas.

'Frankenstein 04155' (2015) Aitor Rei

O 24 de xullo de 2013 descarrilou o Alvia 04155 deixando 81 falecidos e máis de 140 feridos no que é o accidente ferroviario máis grave da democracia. O clima de impunidade e a inxustiza que rodea a traxedia fai que dous anos despois se siga buscando a verdade.

Hoxe é un día perfecto para achegarse a calquera das salas que teñen o documental en carteleira, mañá son as eleccións e ábrese unha lexislatura que debe que pechar as contas que ten pendentes tanto coas vítimas como coa sociedade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.