Sés ten novo disco, Readmirando a condición, que non é remasterización do seu primeiro traballo, ‘Admirando a condición’, senón nova versión completa, con novos arranxos e con todas as cancións gravadas de novo. Explica ela que conseguiu, así, por fin, levalo á sonoridade que quería, deixando de estar “achicada” e sen forza. Pasaron seis anos e Sés segue admirando a condición e protestando ante a mentira ou a inxustiza. Con -cada vez máis- confianza no seu propio traballo e coas cousas claras.
Por que volver gravar un disco enteiro?
Para poder xestionalo eu e poder, por exemplo, sacar copias, porque antes non podía facelo ao non ser Admirando a condición propiedade miña. E para que tivese a sonoridade que eu quería.
Hai algunhas diferencias no musical, aínda que tampouco moitas.
Non sabería dicirche porque para min Admirando a condición non é unha referencia. Esquecino, xa non o escoitaba. Sei que para a xente pode ser difícil de entender, pero así é. O que si podo dicir é que o disco novo, Readmirando a condición, é o que máis traballo me deu dos que fixen. Nos instrumentos, este se cadra é máis simple -non máis simplista- e máis contundente.
“Readmirando a condición é o disco que máis traballo me deu dos que fixen”
Neste disco están Tempestades de sal ou Non son fada, dous temas que o teu público quere moito… Contáronme que as nenas cantan Non son fada nos concertos…
Si, e sempre digo que só por como quedou Non son fada neste novo disco xa pagou a pena gravalo enteiro. Agora soa como eu quería, como eu o imaxinaba. Había moita xente que pedía estes temas nos concertos, ou que quería telos pero non podía porque o disco xa non se atopaba. Son dous temas aos que, si, teño moito cariño, e nos que non me gustaba como soaba eu, con ese achicamento, sen forza, sen actitude… Agora están como quería que estivesen.
“Que as nenas canten Non son fada para min é o orgullo máis grande”
Que as nenas canten Non son fada para min é o orgullo máis grande. Pensar que puiden axudar dalgunha maneira a que unha nena se plantee temas como a igualdade, ou a xustiza en xeral: de xénero, de raza, de idioma, do que sexa, é o máis que podo pedir. Que abran as súas mentes a todo iso dáme, ademais, esperanza en que sexan adultas que cuestionen, que critiquen, que loiten polos seus dereitos. Ese é o pago máis valioso que podo ter polo meu traballo.
Dis no propio disco que, sendo muller, tes que demostrar que vales moito máis, e que cualidades que nun home se valoran, como a firmeza, a vehemencia, a seguridade e o liderado, son vistas nunha muller como arrogancia, prepotencia, narcisismo e egolatría.
Iso pásame a min e a todas as mulleres, no sector que sexa. Cualidades como a vehemencia, a firmeza, a seguridade, falar con propiedade e seguridade, considéranse atributos positivos e atractivos nun home. Mais o que para un home son virtudes, para unha muller vese como prepotencia, que te cres que es o máis…
"O que para un home son virtudes, para unha muller vese como prepotencia, que te cres que es o máis"
Iso dicía Rosalía en Las literatas. Carta a Eduarda…
Si, e a cousa segue igual. Que non nos conten milongas, poden dicirnos o que queiran pero a realidade é que seguimos igual que hai cen anos. Calquera muller que non sexa submisa, molesta.
“Seguimos igual que hai cen anos. Calquera muller que non sexa submisa, molesta”
Hai un tema novo, Readmirando a condición, que fala de falsidade, e que salienta a mirada irónica na que foron escritos os temas de Admirando a condición.
Si, é readmirando a condición porque, como di a letra, sigo admirando a condición do exlibertario, e o defensor de todo que adapta o seu ideario. É un tema que fala das dobres caras, da hipocrisía dun sistema no que tanto tes, tanto vales, no que tes que parecer o que non es. Por iso o de “damas que oen misa e repican nos garitos/ e visten manto branco e comungan co delito/ e gentlemans de coca de expedientes impolutos/ que todo sogro quere en base aos seus ingresos brutos”. O tema fala da sucidade, dunha sociedade suxa, noxenta, que dá vergoña.
“O tema Readmirando a condición fala da sucidade, dunha sociedade suxa, noxenta, que dá vergoña”
Tamén comentas no disco que nos seis anos que separan os dous discos intensificouse a túa proximidade aos sentimentos que todas compartimos. A que te refires?
Falaba máis ben de humildade, que digo que é o único que pode salvarnos do desastre. Da importancia da humildade, e eu penso que sempre fun unha persoa humilde, e agora sono aínda máis. Cando sabes algo é cando te das conta de que non sabes. Temos que ter humildade, tamén, para coñecernos a nós mesmos, saber quen somos.
Falando de humildade, tes dito noutras entrevistas que nin eras unha grande cantante nin os teus eran grandes discos -porque non tes tantos-. Non é tan habitual na música.
En realidade eu non son cantante. Pero hai moita xente que canta, que non é unha grande cantante e que non sofre por iso. Mais non se trata diso, hai xente que canta mellor ou peor, e se cadra eu non son a que mellor canta, pero é que eu non son cantante, eu fago cancións. O que pasa é que se unha muller canta din que é cantante, que parece que é para o que valemos as mulleres, para cantar.
Xa sei que sempre dis que non es cantante, que es cantareira…
Xa, pero vou ter que deixar de dicir tamén que son cantareira. Porque eu fago cancións, e xa sei que ás veces desafino e berro. Eu fago cancións e cántoas. Tamén Paco Ibáñez ou Violeta Parra facían cancións e cantaban, e ti pensas que Violeta Parra estaba moi preocupada por se cantaba ben? O que lle preocupaba era facer cancións que axudasen a distinguir o verdadeiro do falso. Mais fíxate como se enfoca o tema se es home e se es muller. Se es home, es músico; se es muller, es cantante.
“Vou ter que deixar de dicir tamén que son cantareira. Porque eu fago cancións”
Entendo. Tamén dis no disco, e ten relación con isto, que custa moito empoderarse e non ter medo da opinión de ninguén nin vergoña da propia condición ou circunstancia.
Eu son moi libro aberto, o que fago é expresar o que penso e o que sinto, sen vergoña. Pero claro que tiven que pasar por un proceso de empoderamento, tiven que medrar, gañar confianza en min mesma e no que estaba a facer. Se estás alienada, acomplexada, non podes medrar, non podes empoderarte. E é o que che dicía antes: pódennos vender a moto de que é igual para un home que para unha muller, pero iso non é máis ca un chiste. Mira os Nobel: que pasamos, de 99 a unha a 98 a dúas? Que non nos tomen por idiotas.
"Se estás alienada, acomplexada, non podes medrar"
O de empoderarse tamén tivo relación coa decisión de gravar o disco outra vez. A posibilidade de controlar o proceso, de contar con redes propias, de ter unha plataforma propia… Aínda que o máis fodido é non estar ti ben contigo mesma, non ter confianza en ti mesma. Se estás achicada é moito máis fácil que veñan poñerche a zancadilla. E o que fun aprendendo cos anos é que non lle podes botar a culpa a ninguén do que tes e non tes. Se es unha tipa libre, xa poden criticarte, que o que vas facer é sacar peito e tirar para adiante.
“Se es unha tipa libre, xa poden criticarte, que o que vas facer é sacar peito e tirar para adiante”
En Admirando a condición si que estaba xa a mestura de estilos que te caracteriza. A influencia dos ritmos americanos, se cadra, si que foi se cadra acentuándose.
Si que se cadra foi notándose máis, pero o que penso é que o que non tiña Admirando a condición é a personalidade que ten agora Readmirando a condición. Agora escoitas, por exemplo, Se te vas, e non é tan fácil dicir que é, identificala con certo estilo…. O que penso é que é todo unha mestura, un batiburrillo, que é o que son eu musicalmente, porque escoito moitas cousas distintas. Falabamos antes de confianza e tamén ten que ver con iso. O que antes estaba fóra, agora está dentro. Porque todas esas influencias que estaban fóra pasan por ti, que lles dás a túa personalidade, facendo a túa mestura, construíndo o teu mundo, a túa verdade. Porque a min pódenseme reprochar moitas cousas, pero penso que do que non hai dúbida é de que o que fago é verdade, que non é unha impostura, que non é pretencioso, que sae do que hai dentro de min, do que son.
“A min pódenseme reprochar moitas cousas, pero penso que do que non hai dúbida é de que o que fago é verdade, que non é unha impostura”
Hai varias cancións de encontro, de amor. Como Se te vas e Tola atrás de ti. Se cadra non son as mellores letras dese tema que fixeches, pero adiantan cousas que viñeron despois. Falas de dependencia, por exemplo. Por certo, ‘Pepa’ era un paxaro?
Pepa era unha cadela que se me perdeu. Esas letras que di xurdiron dunha etapa complicada para min. Máis que falar de dependencia falan da necesidade de librarse dela. É máis ben un berro pola autonomía, pola independencia. É máis iso, chamar pola independencia como lugar ao que se quere ir.
De catro a catro fala de liberdade. E é como unha homenaxe a Manuel Antonio.
Si, pero é unha canción que tampouco ten moito aquel. É un xogo formal que si fai referencia a Manuel Antonio, pero tampouco vai moito máis alá.
Admirando a condición olla ao ilóxico, o estúpido… Toda a túa música ten que ver con iso: o ilóxico, o inxusto… En Tronzar os valos era a falta de liberdade e o retroceso niso, e en Opoñerse á extinción era a perda da lingua, da humanidade… A mentira, a falsidade, a persecución da disidencia, estaban en Co xenio destrozado. É como se todo iso fose, despois, a peor.
Claro, porque se queres falar da realidade tes que facelo da mentira, da impostura. Pasou o tempo e todo segue igual ou peor. O que pasa é que desas cousas non se fala porque a peña é moi cool, pero eu non son nada cool, eu son moi hot. Eu falo do mundo real, das cousas que sinto e do que penso. E, se queremos ver a realidade, non queda outra que estar enfadados con todo o que está pasando. Pero hai que ser valente para iso.
"A peña é moi cool, pero eu non son nada cool, eu son moi hot"
O vídeo de Readmirando a condición está todo feito por ti mesma.
É que me aburre moito o tema das fotos e os vídeos, entón fixen algo que puidese facer eu mesma rápido.
Algo máis? Non falamos dos músicos que te acompañan.
Os músicos son os de sempre. Temos algunhas datas, iremos a moitos teatros... Faremos xira, tamén polo Estado: temos previsto ir a Madrid, a Barcelona… Para iso tamén serviu volver gravar o disco, porque Admirando a condición non tivo xira. Só tivemos dous concertos. Así que era tamén non só gravalo, senón poder tocalo e cantalo e facerlle xustiza, levándoo ao que eu quería que fose.