"Só somos xente que viu como se ía destruíndo este país e como se tenta acabar cos dereitos sociais"

Concerto de Zënzar © Pixelin Photos

Zënzar cumpren 25 anos, e celebrarano o vindeiro 8 de marzo na sala Capitol, en Compostela, nun concerto no que os acompañarán Machina e Invivo. Hai só uns días recibiron un agasallo especial, un disco tributo que repasa algúns dos seus mellores temas, sobre todo dos primeiros discos. E ben o merecen, porque son un dos grupos que abriron camiño no rock en galego. Sempre para adiante, coa denuncia social e política nunha man e as ganas de pasalo ben e facer boa música na outra. Falamos co cantante do grupo, Bocixa.

Como é iso de que vos fagan un disco tributo e que vos chamen padriños? Que se sente?

Pois como non esperabamos nada así foi unha auténtica sorpresa. O de que nos chamen padriños non sei, será que vamos vellos (Ri). A verdade é que foi emocionante escoitar os nosos temas tocados por outros grupos. Había moita xente do noso entorno que o sabía e que gardou o segredo: fixérono moi ben. O que nos pareceu raro foi que escollesen temas case todos moi vellos, dos primeiros discos. Boa parte deles xa nin os tocamos. Se cadra é porque son grupos bastante cañeiros os que participan no disco, e nós nos primeiros anos tamén eramos máis heavys. Non sei, desde logo o que si podo dicir é que a sorpresa nos deu forzas para seguir.

Dicides en Todo vai ben, do voso último disco, Vaise armar, que comezastes co grupo por pasalo ben. Nin imaxinariades que 25 anos despois ía seguir o proxecto...

Empezamos por divertimento, si. Lembro cando eu aceptei cantar para o grupo: xa coñecía aos outros, pero nin sequera era moito a música que a min máis me gustaba entón... Nunca tivemos ansia de conseguir fama. Só queriamos facer rock e pasalo ben. Ao principio mesmo a calidade musical non importaba tanto: cos anos fomos facendo unha música mellor, gravamos varios discos... e estamos encantados.

Zënzar foi cambiando: primeiro máis heavy, despois máis punk, logo máis rock... E o voso é un rock, podería dicirse, clásico.

É que os discos que escoitabamos eran de rock clásico. Era a época da explosión de Barricada, Leño, Los Suaves...

Xa o dicides no tema de A tribu que se titula A culpa foi de Leño...

Houbera un concerto de Leño na Coruña que tivera unha influencia moi grande... É certo que fomos cambiando. Un día Silveira marchou do grupo sen dar explicacións. Dixo que non ía tocar máis con nós e non quería dicirnos por que. Pasado o tempo soubémolo: el é moi metal, de guitarras moi duras, e se quedaba con nós non iamos poder seguir polo camiño no que estabamos: o que nos levou ao disco Sigue e... Dalle, xa sen el. Sabía que se nos dicía iso non iamos aceptalo e por iso preferiu calar. E segue sendo un gran amigo e un colaborador noso, igual que Xavier Pardeiro, que foi un dos que comezaron con nós e seguimos considerándoo parte do grupo: axúdanos moito porque critícanos, insúltanos, dános a súa opinión... Despois de que marchase Silveira foi cando empezou a aparecer máis a gaita, a percusión, o saxo...

"Daquela había managers que che buscaban concertos: ofrecíanche tocar con grupos como La Polla Récords, pero despois resulta que La Polla Récords ou o grupo que fose non aparecía, ou aparecía pero a ti dicíanche que non había cartos para pagarche"

Aí por mediados dos 90 compartistes escenario con Extremoduro, Platero y Tu, Boikot, Barón Rojo... Pero non seguistes por aí. Que foi?

Desde aquela cambiaron moito as cousas. Concertos que nos ofreceron entón non tiñamos aínda calidade musical para facelos: agora si que poderiamos... Daquela había managers que che buscaban concertos: ofrecíanche tocar con grupos como La Polla Récords, pero despois resulta que La Polla Récords ou o grupo que fose non aparecía, ou aparecía pero a ti dicíanche que non había cartos para pagarche. Acabamos dándonos conta de que nos estaban enganando, de que nos estaban utilizando, e por iso pasamos de seguir. Por iso tamén o de non ter discográfica e autoproducirnos: o que nós queriamos era tocar o que nos gustaba, ir polos pobos galegos, tocar o que queriamos sen que ninguén nos dixese o que tiñamos que facer. Cos nosos temas anticomerciais, de denuncia, con letras como Matar por matar nun pobo cheo de cazadores... non queriamos que nos andivese ninguén enriba.

"Non planificamos, no sentido de dicir: vamos facer un disco para falar de tal cousa ou tal outra. Falamos do que vemos, do que temos na cabeza"

A ecoloxía, a crítica ao caciquismo, ao abuso de poder... son piares desa denuncia desde os comezos do grupo, non si? En Vaise armar hai unha idea que se repite, que é a de que isto vai estoupar nalgún momento, polo grao de opresión que se está a impoñer.

Se cadra en Sigue e... Dálle ou en A tribu hai unha visión máis persoal, de xeito que o contido social, aínda que segue a estar presente, non está expresado dunha maneira tan directa. En Vaise armar si que está iso que dis, se cadra pola época na que vivimos. Pero isto foi algo do que nos demos conta despois, ao escoitar o disco feito. Non planificamos, no sentido de dicir: vamos facer un disco para falar de tal cousa ou tal outra. Falamos do que vemos, do que temos na cabeza. Por iso en Vaise armar hai un tema sobre lingua, O galego, que é algo do que xa falaramos en A tribu, en A raeñala ou en A forza da palabra... Do mesmo xeito que O informal, dese mesmo disco, fala da hipocrisía da xente... De todas maneiras, como che dicía, facemos o que vai saíndo: non somos un grupo de posta en escea, non é o noso obxectivo facer que a xente flipe co show, non imos sacar a pirola para que falen de nós. Só queremos tocar o que nos gusta.

Varios dos vosos temas teñen como protagonistas a persoas que, por distintos motivos, viven nas marxes. Desde Un tipo raro de Vaise armar ata Arrastrado de Segue e... Dálle, por exemplo, ou Doutor.

Nós mesmos sentímonos moitas veces nas marxes, por cuestións de ideoloxía a persoais. Eu tiven un pub en Carballo e cando o abrimos tiñamos claro que non lle iamos prohibir a entrada a ninguén por ser yonki. É isto é un exemplo. Se hai xente que está na rúa, que anda por aí pasando frío, cremos que o que temos que facer non é botalos de todos os lados, senón preguntarnos por que e quen os puxo así. As persoas que son rexeitadas socialmente son moitas veces xente á que meteron no que está, ou xente que cometeu un erro difícil de corrixir, e de nada serve criminalizalos. Cando nós empezamos no rock a miña nai, a pobre, estaba desgustada, porque lle ían falando os veciños de que se faciamos tal e cal. E nós queriamos combater todo iso da "mala fama"...

"Algo ten que pasar, porque a destrución do ecosistema ou dos dereitos sociais segue adiante e vai cada vez a máis. Pero mesmo pode acabar todo nunha revolta enorme como non pasar nada"

Nalgúns temas a protesta política é máis contundente: Dando a cara de A tribu, os 700 caciques de Rastafari popular, Xustiza de Vaise armar... Falades bastante de abusos policiais, de represión das protestas sociais...

É un pouco como che dicía antes: fas as letras como saen, e moitas veces polo medio saen eses temas de protesta. Pero supoño que si, que a idea é dicir que a xente proteste, que berre e que non teña medo. Os gobernos están xogando moito a meterlle medo á xente para que cale e xa sabemos todos para que utilizan a policía ou o exército. Algo ten que pasar, porque a destrución do ecosistema ou dos dereitos sociais segue adiante e vai cada vez a máis. Pero mesmo pode acabar todo nunha revolta enorme como non pasar nada, porque ó chegar o fascismo de novo ó poder parece que todo o mundo se relaxa, porque eles saben como conter o descontento social, fano moi ben.

Ademais de caciques e políticos corruptos, un dos principais obxectivos das vosas letras é a Igrexa. Tédeslle algún tema dedicado como Vouvos rebentar ou Os cochos.

Porque medramos nun entorno moi dominado pola Igrexa. Miña nai ía con veo á misa. Véñennos falando de que as mulleres noutros países van tapadas cun veo e aquí pasaba iso mesmo fai dous días. A represión que a Igrexa exerceu e a influencia social que tivo foi brutal, ademais de que fixo o que fixo ao longo da historia. Eu vivía diante dunha Igrexa, de pequenos fomos abrigados a ir á misa e a facer a primeira comuñón e, si, queriamos romper con iso.

En Vaise armar hai algunha letra, digamos, de ollar a vida con certa perspectiva. Como Teño unha casa no cemiterio sobre o paso do tempo. Igual que Cuspir de A tribu falaba sobre o contraditorios que somos: se saco a bonoloto comunista que sexa outro...

É que hai moita xente que fala moito, pero se puidese roubar faríao. Preocúpame cando se fala, por exemplo de que un político roubou e chega alguén e di que outro que estaba ao lado do ladrón foi burro porque non roubou. Tamén hai xente que cando non ten cartos fala dunha maneira e cando os ten fala doutra e relaciónase con outra xente... O tema do cemiterio é unha metáfora sobre a necesidade de vivir a vida, que pasa moi rápido... Tamén sobre toda a xente que coñeces, e que moitas veces ata acabas esquecendo ata que te volves atopar con ela... Se cadra é que xa somos un grupo de carrozas e por iso nos dá de falar destas cousas (Ri). Nós mesmos coñecemos moita xente polos concertos, e ó final Zënzar tamén é iso: estar coa xente, no teu entorno, estar cos amigos...

"Cando nós comezamos non había case nada de rock en galego. Fomos dos primeiros, como Xenreira, os Diplomáticos, os Herdeiros, Skornabois ou Korosi Dansas. Daquela era habitual que che preguntasen por que cantabas en galego..."

Moi ao principio, cando aínda vos chamabades Mördor, faciades versións de temas en castelán. Pero en moi pouco tempo xa tiñades claro que a vosa aposta era facer rock en galego, que daquela non había...

Ó principio mesmo tiñamos algún tema escrito en castelán, supoño que polas influencias que tiñamos, polos grupos que escoitabamos. E aínda en discos recentes metemos algún tema en castelán, como Pista secreta. E se alguén viña preguntando que por que faciamos iso tiñamos claro que non tiñamos por que dar explicacións... É certo que cando nós comezamos non había case nada de rock en galego. Fomos dos primeiros, como Xenreira, os Diplomáticos, os Herdeiros, Skornabois ou Korosi Dansas. Daquela era habitual que che preguntasen por que cantabas en galego... Houbo outras bandas que tamén abriron camiño, como Ruxe-Ruxe ou Túzaros. Cando faciamos o festival de Cerceda tamén se ían creando grupos que tocaban no festival...

Pero despois de vós veu moita outra xente. Por iso vos andan chamando padriños.

Pois se cadra outros grupos influíron máis ca nós, de todas maneiras, porque chegaron a máis xente. A nós téñennos dito que eramos uns pesados, que faciamos unha música moi anticomercial, que tiñamos que facer algo que á xente lle gustase... Pero nós queriamos facer o que nos gustaba e nada máis. Porque en realidade só somos cinco amigos que se xuntan para tocar e que, pouco a pouco, fomos aprendendo ata poder facer algo con calidade. Por iso non agardabamos isto do disco tributo nin nada así. E a verdade é que nos gustou moito, son versións moi boas.

"Nos 90, e a primeiros dos 2000, era difícil atopar datas para organizar o festival porque che coincidía sempre con outro festival grande dos que vai unha xente a escoitar música e outra que nin vai aos concertos"

Non está doado o dos concertos. Hai menos festivais, menos cartos nas salas... Hai grupos que din que están tendo menos xente nos concertos. Vós notades iso?

A verdade é que non, que non notamos que haxa menos xente. Igual porque nos últimos anos, cos últimos discos, aumentounos o público porque é unha música que chega a máis xente. Nas salas agora ata podes cobrar entrada, que cando empezamos era algo impensable. É certo que non hai o derroche que había antes en cultura: todas as fundacións e institucións facendo cousas... Agora a xente queda máis na sala que ten máis cerca da casa... Pero eu creo que o público do rock galego está medrando.

O que pasa é que igual volvemos aos 80: concertos en bares, formatos máis pequenos...

É o que intentaba explicar, si. Hai que buscarse a vida porque non hai os apoios que había antes. Nos 90, e a primeiros dos 2000, era difícil atopar datas para organizar o festival porque che coincidía sempre con outro festival grande dos que vai unha xente a escoitar música e outra que nin vai aos concertos. E eu creo que ese xeito que tiñan de programar tamén era unha maneira de afundir os festivais pequenos. Antes despilfarrábase pasta nese tipo de cousas.

"Gústanos traer amigos aos concertos, e se cadra ademais así axudamos a que alguén se pregunte e quen é ese que está tocando con Zënzar"

Ese Contigo e sen ti do final de Vaise armar é moi sorprendente. Aínda que sempre tivestes unha visión aberta do rock. Por iso o de introducir unha gaita, por exemplo.

O tema ese con Loli Nogueira non é propiamente un tema de Zënzar, senón unha rareza, no sentido de que non vai na nosa liña, pero quixemos metelo no disco e xa está. O noso é o rock, pero o rock pode coller moitos camiños. Igual que temos algún tema cunha parte rapeira, con Gende Beat, ou cunha parte reggae, como Rastafari popular. Gústanos traer amigos aos concertos, e se cadra ademais así axudamos a que alguén se pregunte e quen é ese que está tocando con Zënzar. Non é que vaiamos de fichar talentos nin nada así, pero gústanos compartir o que facemos con outra xente.

Como Sés...

Que é unha apisoadora. Viña vernos de adolescente, coñeciámola, e unha vez dixémoslle que se quería cantar... E cantou, e traballou moito, e agora é unha persoa cunha presenza na música galega.

"Eu mesmo pelexei sempre porque fixeramos algo máis rock e non con tanta tralla. Algo que admitise unha gaita, unha percusión..."

Tedes algún tema que se fixo especialmente relevante na vosa traxectoria -como calquera grupo, claro-. De feito no disco tributo hai, como dicías, cancións ben vellas...

Si, si. Está Matar por matar, Os cochos, Chove, Pensamento, Cheira mal, Bourando... Igual o oitenta por cento dos temas son dos primeiros discos. Como cumprimos 25 anos este ano xa tiñamos pensando recuperar algún tema vello para os concertos, pero sorpréndenos que non collesen case nada dos últimos discos. A ver se vai ser que non os coñecen (Ri). Supoño que será porque son xente nova e cañeira, entón gústalles máis como tocabamos nos primeiros discos. Aínda que os últimos chegaron, como che dixen, a máis xente, o cal non significa que teñan que ser mellores. Eu mesmo pelexei sempre porque fixeramos algo máis rock e non con tanta tralla. Algo que admitise unha gaita, unha percusión... Eu era un rockeiro máis de estilo Burning, non era nada metal... Aínda que a verdade é que facemos de todo: uns temas saen máis punk, outros poden ter algo de metal... Vamos facendo os temas entre todos.

Tiven un bar debe ser un dos vosos temas máis versionados.

Pois foi por iso, porque dous de nós tivemos un bar. Que era unha maneira de tentar gañarse a vida e poder seguir facendo música. Pero o noso non é a hostalería, quedou claro.

"Reivindicámonos como o que somos, uns rapaces criados na aldea, galego-falantes, fillos de traballadores, de xente que sufriu a brutal represión da Igrexa e do franquismo e que tivo que emigrar para buscarse a vida"

O primeiro tema de Vaise armar fala de colonización do noso mundo. Ten moito que ver co discurso de denuncia de toda a traxectoria do grupo...

En realidade para resumir o que somos poderiamos dicir que nos reivindicamos como o que somos, uns rapaces criados na aldea, galego-falantes, fillos de traballadores, de xente que sufriu a brutal represión da Igrexa e do franquismo e que tivo que emigrar para buscarse a vida. Somos xente que viu como se poñían eucaliptos onde antes había fragas, como ían destruíndo este país e como se tenta acabar cos dereitos sociais, e como se convenceu a xente para que pensara que necesitaba uns cartos que non necesitaba. Vimos como se creaba unha sociedade consumista para que agora aceptemos traballar 16 horas diarias con tal de manter o nivel de consumo ao que nos afixeron. Somos xente que viu como morrían amigos por culpa da droga, que eran rapaces que axudaban nas descargas e que a cambio recibían droga e, claro, que ían facer con ela, ou a consumían ou a vendían. Entón se cadra hai que empezar a buscar culpables entre os que lles deron a droga. En fin, que somos xente que viu como o poder económico e político o destrúe todo... Se te fixas nas portadas e contraportadas dos discos, as imaxes falan de todo isto.

Zënzar © Pixelin Photos
Zënzar © Pixelin Photos
Portada © Zënzar
Portada © Zënzar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.