Gardo sentimentos opostos, incluso contraditorios, respecto a Martha Marcy May Marlene. Cando disgrego e examino os diversos elementos que compoñen o filme de Sean Durkin (trama, personaxes, posta en escena, fotografía, montaxe, interpretación...), estimo que cada unha das pezas foron consideradas, elaboradas e executadas dun xeito afortunado e suxestivo. Tamén a ensamblaxe e articulación das partes orixinan un conxunto harmónico e atrainte. Porén, o resultado antóllaseme insatisfactorio e non logra contentarme. Sinto que a partitura e os instrumentistas son axeitados, mais a súa melodía soa un tanto discordante.
O argumento atráeme: unha moza aturdida tenta reintegrarse nos hábitos e condutas de vida burgueses, logo de dous anos illada nas montañas de Catskill, “abducida” por unha comuna-secta-harén que a despoxou da súa identidade e vontade
Reviso cada ingrediente na procura do condimento ou aderezo que amera a miña degustación. O argumento atráeme: unha moza aturdida tenta reintegrarse nos hábitos e condutas de vida burgueses, logo de dous anos illada nas montañas de Catskill, “abducida” por unha comuna-secta-harén que a despoxou da súa identidade e vontade. Os personaxes son valiosos e os intérpretes realizan un traballo convincente e meritorio. Martha, a quen da vida unha extraordinaria Elizabeth Olsen, bambéase á beira do abismo, entre e o presente e o pasado, a realidade e a acordanza, o xuízo e a neurose.
É unha rapaza vulnerable e desorientada, apoucada e magoada, receosa e hermética. É imprevisíbel e actúa a refoladas entre medorentas e impetuosas. Todo indica que está seriamente perturbada. A súa irmá, Lucy, e o marido desta, Ted, tentar ser prudentes e pacientes coa moza, celebrando a súa reaparición e evitando interrogala sobre os dous anos de ausencia. Ao igual que a propia Martha, ámbolos dous son conscientes de que a moza padece un perigoso desequilibrio emocional, mais a introversión e retraemento da rapaza non lles permite comprender a gravidade do trauma que sufriu.
É aquí onde entran os dous elementos máis cativadores do filme: a inquietante comuna e o seu turbador líder. John Hawkes encarna a Patrick, a alma mater dunha camarilla que abduce e adoutrina a adolescentes descarreirados (preferiblemente de sexo feminino). A comuna preséntase como unha granxa sosegada, autosuficiente e afastada da voracidade capitalista e consumista. Un lugar de repouso e liberación espiritual. Mais, aos poucos, os novos membros son amestrados e envelenados mediante un tenue, paulatino e constante lavado de cerebro disfrazado de cálida salvagarda.
A construción psicolóxica da personaxe protagonista fíltrase a través de ámbolos dous tempos e espazos. A través dunha lúcida e atinada montaxe paralela comprobamos a transformación de Martha en Marcy May, e a posesión e sometemento efectuados por Marcy May cando a moza trata de recuperar a súa vida como Martha
As labores, as pautas de conduta ou os valores morais do grupo son decididos por Patrick, un líder carismático mais abafante, persuasivo mais renarte, atento mais severo, doce mais ameazador: “Zoe, coida desta rapaza. Por unha vez na súa vida precisa que alguén coide realmente dela”, ordena a unha das súas acólitas no seu primeiro encontro con Martha. Logo mira fixamente á protagonista e afirma: “Martha... Semellas unha Marcy May”. O cambio de nome é só a primeiro argucia pra arrebatar á moza á súa identidade: “á xente lévalle tempo atopar o seu propio lugar nunha nova familia”, anímaa outra secuaz con ton maternal. Patrick penetra nas rapazas, tanto psíquica como físicamente. Todas elas deben pasar por un ritual de iniciación que inclúe ser violadas polo seu líder mentres elas están sedadas: “é para purificarte do tóxico do teu pasado”, espétalle unha rapaza mentres asegura que a envexa e que daría o que fose por revivir “a súa primeira vez”.
As desacougantes lembranzas da comuna introdúcense mediante flashbacks que se alternan co desgonzado presente, no que Martha vive na apracible casa-á-beira-do-lago da súa irmá. A construción psicolóxica da personaxe protagonista fíltrase a través de ámbolos dous tempos e espazos. A través dunha lúcida e atinada montaxe paralela comprobamos a transformación de Martha en Marcy May, e a posesión e sometemento efectuados por Marcy May cando a moza trata de recuperar a súa vida como Martha. O outro nome do título, Marlene, e o alcume co que tódalas rapaces da comuna deben presentarse se responden ao teléfono, case o único contacto que teñen co exterior.
A atmosfera tensa e sombría que palpita en ámbolos dous espazos lémbranme a senllos filmes de Michael Haneke. A idílica casa da lagoa, por unha banda, remíteme á asfixiante residencia de fin de semana da familia protagonista de Funny Games (1997); mentres que a granxa comunal lémbrame á envelenada aldea rural d'Á cinta branca (Das weisse Band, 2009). En tódolos casos latexa unha ameaza tenue mais omnipresente, que acaba por eclosionar en brotes de violencia verbal ou física.
A atmosfera tensa e sombría que palpita en ámbolos dous espazos lémbranme a senllos filmes de Michael Haneke
A medida que avanza o filme, a rapaza deambula cada vez máis desorientada entre presente e pasado, cordura e tolemia, grazas a unha espléndida planificación na posta en escena e un soberbio traballo de fotografía, que permiten á montaxe entrelazar con notable efectividade ámbolos dous tempos e espazos. O propio espectador é arrastrado tamén na crecente desorde da rapaza, de xeito que a posta en escena, a fotografía e a montaxe conspiran pra confundir e diluír as fronteiras entre o que acontece no tempo real e na memoria da protagonista. Xa o dicía Borges: “somos a nosa memoria, somos ese quimérico museo de formas inconstantes, esa morea de espellos rotos”.
E, malia e todo, aínda que todos estes elementos están planificados e executados dun xeito estimable, continúo a sentirme insatisfeito, un tanto contrariado. Posiblemente son dous os factores que provocan este descontento, ámbolos dous cuestións de verosimilitude. Por unha parte, non logro crer (e xa non digo comprender) certos comportamentos de Martha logo de fuxir da comuna e refuxiarse coa súa irmá. A súa reintegración implica reaprender certas convencións sociais e desfacerse de condutas “incongruentes” que adquiriu durante os dous anos nas montañas.
En efecto, non me creo a naturalidade coa que a rapaza realiza comportamentos “desviados”, como se non fose consciente deles
En efecto, non me creo a naturalidade coa que a rapaza realiza comportamentos “desviados”, como se non fose consciente deles. O exemplo máis extremo é, probablemente, meterse na cama da súa irmá mentres esta ten sexo co seu marido. Unha cousa é que unha seita che lave o cerebro durante dous anos e outra moi distinta, penso eu, é que te comportes como unha especie de Mowgli amnésico.
Non o vexo convincente, como tampouco considero de todo convincente certos aspectos extremos da vida na comuna, que semellan responder máis a ideas sobre seitas estendidas no imaxinario colectivo que ao poderoso feitizo dun líder implacable. Porén, este aspecto pódese pasar por alto grazas á admirable e fascinante interpretación do hipnótico John Hawkes, quen invoca unha evidente e pretendida similitude con Charles Manson.