"Somos creadores, dedicámonos a facer historietas, pero ante a necesidade asumimos o papel de editores"

Portada do primeiro número de 'O Botafumeiro' Dominio Público Praza Pública

Dende esta fin de semana o humor gráfico, a ilustración e a banda deseñada contan cunha nova publicación en Galicia: O Botafumeiro, unha revista dixital, de 62 páxinas, periodicidade mensual e cun prezo de 1,5 euros o exemplar. Entre os colaboradores do primeiro número atopamos a Jano, Rodrigo Cota, Alberto Guitián, Manuel Cráneo, Fernando Ruibal, Toño Tejerina, Brais Rodríguez, Berto Fojo, Kaz, Xiomara Correa, Murray McKinley, Tayone, Bernal Prieto, Roque Romero ou Martín Romero.

A iniciativa comezou a circular pola rede hai unhas semanas na forma dun manifesto titulado Denantes mortos que sinxelos que comezaba dicindo: "Aquí non hai cristo que faga país, o que hai é moito yeyé presumindo de facer país, pero facer, o que é facer, os últimos que fixeron país en Galicia foron os suevos". Falamos con Jano, un dos seus impulsores e membro do Consello dos Tiraboleiros encargado de editar a revista.

Como nace o proxecto?

O Botafumeiro xorde da necesidade de ter un espazo onde poder publicar historietas feitas por autores galegos que falen das cousas que acontecen ao noso redor. Facer unha revista satírica en galego era unha teima que tiñamos Rodrigo e máis eu. Non sabiamos moi ben como facela realidade ata que nos deu por probar cunha publicación dixital.

Como está sendo o recibimento do primeiro número?

Pois parece que hai curiosidade por parte da xente, sempre pensamos que existía unha demanda deste tipo de material. Calquera sociedade medianamente desenvolvida precisa destes artefactos. Somos creadores, dedicámonos a facer historietas pero ante a necesidade asumimos o papel de editores. Fáltanos experiencia e medios para asumir unha empresa destas dimensións sen erros. Aínda que o valoramos en conxunto como un éxito, demostramos que é posible traballar facendo banda deseñada en Galicia. Aproveitamos tamén para pedir desculpas a todos os que tiveron problemas para descargar a revista, a nosa intención era que todo funcionara correctamente.

Sempre tivestes en mente o formato co que finalmente O Botafumeiro viu a luz, sobre todo o formato dixital? Neste caso faise virtude da necesidade, ante a dificultade de publicala en papel? Ou o dixital é o formato axeitado?

Internet permítenos chegar a moita xente sen necesidade dun gran investimento, simplemente co noso traballo e o patrocinio de librarías amigas (Paz, Komic e BD) conseguimos armar o proxecto. Porén, o formato dixital non exclúe o papel, son públicos que non se solapan.

"Se hai autores que producen e acadan éxito fóra, as razóns polas que non se dan as condicións para establecer unha industria en Galicia hai que buscalas no papel das institucións que parecen tomar a broma isto dos tebeos"

O talento entre os ilustradores, humoristas gráficos e autores de banda deseñada en Galicia é indiscutible. Tamén a afección. Por que credes que nos últimos tempos custa que se consolide unha publicación deste tipo?

O que é certo e "indiscutible" é que existe unha demanda de banda deseñada, nunca houbo tanto interés nin se leu tanto como agora. Se hai autores que producen e acadan éxito fóra, as razóns polas que non se dan as condicións para establecer unha industria en Galicia hai que buscalas no papel das institucións que parecen tomar a broma isto dos tebeos. Tamén creo que falla a parte empresarial, existe unha actitude moi conservadora que impide asumir os riscos necesarios para levar adiante proxectos.

Cal é o voso obxectivo de lectores e subscritores a medio prazo? Tedes un obxectivo mínimo?

Non temos ningún plan de finanzas nin obxectivos marcados, estamos explorando novos territorios e probando ata onde podemos chegar. Precisamos os cartos para pagar os colaboradores e manter a revista, non buscamos beneficios. Nin sequera protexemos os contidos, se alguén vai a piratear a revista que o faga. Dirixímonos a un consumidor responsable que valore a importancia da existencia de O Botafumeiro.

"Nin sequera protexemos os contidos, se alguén vai a piratear a revista que o faga. Dirixímonos a un consumidor responsable que valore a importancia da existencia de O Botafumeiro"

Orgullo y Satisfacción abre camiños? (sobre todo no que respecta ao formato)

Sempre dixemos que son un modelo para nós, tamén valoramos positivamente a proxección mediática que supuxo a súa aparición. Antes de Orgullo y Satisfacción estaba The Private Eye de Marcos Martín (quen ten familia de Lugo, por certo), un debuxante de Barcelona que coñecín no Viñetas deste ano. Foi moi xeneroso con nós explicándonos como desenvolveu a súa serie, os seus consellos foron de grande axuda para nós.

Que sorpresas tedes preparadas para os vindeiros números? Monográficos, novos autores, novos contidos...?

Estamos comezando, a revista irá collendo forma a medida que avancen os números. Dende o Consello dos Tiraboleiros marcamos unhas mínimas pautas, logo os autores teñen liberdade absoluta para facer o seu traballo do xeito que eles consideren.

"Estaba bastante canso de que a BD sexa un campo de nabos"

Polo que vexo no primeiro número, hai 'bastantes' mulleres, tendo en conta que ata o de agora sempre tiveron unha presenza moi minoritaria neste campo...

Si, persoalmente estaba bastante canso de que a BD sexa un campo de nabos. Gústame ler historias feitas por mulleres, a diversidade é máis divertida.

Pódese facer humor de todo?

Claro, depende de como o fagas. Hai que ter en conta o público ao que te dirixes e tratalos con certo "tacto". Aínda que como lector prefiro que se asuman riscos que poidan ofender e errar antes que activar censuras.

"Como lector prefiro que se asuman riscos que poidan ofender e errar antes que activar censuras"

Como definirías o humor galego? Que ten de característico?

Pois o humor galego é o que fan os galegos, e nese colectivo hai de todo. Non penso que sexa máis especial que o que se poida facer en Lepe, pero aprecio a diversidade e gústame gozar das diferentes expresións. Por outra banda, adoro a Castelao e o feedback que acadou entre as xentes desta terra, pero penso que os hiperenxebrismos do estilo de Manquiña ou Beatriz Carvajal xa abondan. Son estereotipos que ocupan demasiado espazo e non deixan que medren outras expresións máis ricas e que poden chegar a ser máis representativas.

Portada do primeiro número de 'O Botafumeiro' Dominio Público Praza Pública
Imaxe do manifesto 'Denantes mortos que sinxelos' Dominio Público O Botafumeiro
Unha das imaxes promocionais da revista, dedicada a Marcial Dorado Dominio Público O Botafumeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.