"Soñei un planeta enteiro que daría para parques temáticos máis molóns e coherentes que os de Disney"

Manel Cráneo © Alberte Peiteável

O debuxante Manel Cráneo reborda creatividade. Nesta conversa con Palavra Comum fala devagar sobre a banda deseñada, a ilustración, a o proceso creativo e a morea de proxectos de futuro que ten en mente.

Que supoñen para ti a ilustración e a banda deseñada?
Son dous medios diferentes que veño practicando durante máis de dúas décadas. O primeiro que penso en comparativa é que un pode ser un excelente autor de banda deseñada e ao tempo un pésimo ilustrador de libros e viceversa, calquera que domine medianamente ben as dúas disciplinas sería xa un autor versátil.A ilustración é un dos meus oficios básicos e a banda deseñada a miña paixón. O primeiro deume de comer moitos anos e do segundo podería morrer de fame sen problema.

Está mellor valorada economicamente a ilustración que a BD: é lamentable se temos en conta que a BD supón un enorme sacrificio e iso só o sabemos os que facemos ámbalas dúas cousas. Creo que a banda deseñada é unha arte maior, onde un ten que dirixir toda unha orquestra. É un medio onde non é suficiente debuxar, hai que escribir, argumentar, planificar dentro duns parámetros de narrativa visual, dirixir actores de papel e moito máis. Un bo autor de BD está obrigado a manexar moitos elementos dispares con total afinación para montar o crebacabezas que supón orquestrar unha novela gráfica.A ilustración tampouco é algo doado se realmente o fas ben, hai unha tendencia a chamar ilustrador a calquera que debuxa cousas para un libro, pero desde a miña perspectiva non todo o mundo que se fai chamar ilustrador chega a desenvolver o traballo conceptual que tal misión merece. No sector editorial, na actualidade, hai moito debuxante pero non tanto ilustrador. Debuxar é algo que pode facer calquera, ilustrar non.

Como é o processo de criação, no teu caso?
O meu proceso creativo parte sempre do caos, como a creación do cosmos. En calquera lugar e momento pode estalar o Big Bang e a partires dese momento inicial, onde flúe unha pequena idea, deixo que iso vaia madurando, fermentando, expandíndose ao seu propio ritmo, como faría calquera universo. Isto cando fago banda deseñada especialmente e sobre todo no proceso de escritura. Hai vinte anos cuspía historias sen deixalas madurar. Por unha parte sinto ter perdido a frescura que che dá a espontaneidade, pero a cambio creo que os meus guións gañaron en profundidade. Durante anos estiven facendo historias curtas e agora estou máis centrado en álbumes e novelas gráficas, necesito máis espazo e tempo para desenvolver as miñas historias. Onde sigo sendo moi espontáneo é na miña faceta musical e noutras disciplinas onde non hai que cinguirse a unha historia e a linguaxe é máis abstracta. Na banda deseñada é máis complexo chegar ao modo de abstracción que che permite a música, alomenos desde a miña visión persoal.

Cal consideras que é, debe ou pode ser a relación entre as diversas artes? Como valoras as túas experiencias nesta liña?

"As relacións interdisciplinares deberían de ser algo a fomentar desde o propio sistema educativo. Eu mamei cinema, humor, teatro, literatura, cómics, música de todo tipo…"

Todas as relacións son posibles se partimos da creatividade. As relacións interdisciplinares deberían de ser algo a fomentar desde o propio sistema educativo. Eu mamei cinema, humor, teatro, literatura, cómics, música de todo tipo… desde a infancia, por iniciativa propia, por algúns amigos e colegas e sobre todo pola miña nai. E nacín nunha rúa de barrio, nunha época na que a delincuencia xuvenil estaba de moda, pero iso non me afastou da cultura; reforzou a miña actitude rebelde, que é o primeiro que ten que ter un artista. Case todas as miñas mellores influencias culturais veñen da experiencia persoal e non da experiencia educativa. É moi importante que aprendamos que a mesma explosión creativa que ten un músico tena tamén un científico ou un escritor, e é un síntoma moi común na infancia que, ao cabo do tempo, se esfuma se non sabemos potencialo. A creatividade é o fío común, o que relaciona entón directamente todas as canles creativas.

A esencia da creatividade é a mesma sempre, e dependendo da educación que levemos e das tendencias persoais de cada un, esta pódese enfocar por diversos e moi diferentes roteiros, desde a que aplicou Albert Einstein á ciencia ata o que aplica un clown cando fai o seu espectáculo. Eu aplícoa a todo na vida, sen excepción, e iso é o que fixo que ao cabo de anos nacese un proxecto tan aberto e ambicioso como é Planeta Mincha ou que puidese sobrevivir disto durante máis de dúas décadas.

Que referentes creativos tes? Cales reivindicarías por seren pouco recoñecidos aínda?
En conexión coa miña forma de ser e as miñas múltiples inquedanzas e interminables gustos, os meus referentes de cabeceira non poden ser outros que os que xa antes fixeron o mesmo ca min, non cinguirse a un lapis e un papel ou a unha guitarra e quedaren aí especializados. Castelao ou Leonardo da Vinci, por citar dous grandes exemplos universais da creatividade multidisciplinar, son referentes indiscutibles para min pero non tanto por cuestións de estilismo ou estética, senón pola súa apertura ao mundo da creatividade sen se cinguir a unha soa modalidade. Poesía, pintura, debuxo, deseño industrial, pensamento, literatura, música, filosofía, artesanía, cociña, etc. Creo que independentemente de que logo nalgúns campos te desenvolvas con maior ou menor éxito, é importante experimentar todas as plataformas posibles para o desenvolvemento creativo, sen medo nin limitacións. Intentan caparnos desde a mesma escola e xa mesmo desde que nacemos. Creo que homes do Renacemento, como da Vinci, foron os primeiros en potenciar a multidisciplinariedade ou alomenos os primeiros en facer deste xeito de ver a vida e a creación, algo visible, tanxible e transcendente no tempo.

Como valoras a situación da ilustración e a banda desenhada hoxe?

"O mercado editorial non axuda porque está baseado nun sistema de consumo capitalista que mira máis pola cantidade que pola calidade"

Como anotaba antes, a nivel profesional a ilustración ten moitas máis alternativas e está mellor valorada economicamente a día de hoxe. A banda deseñada, na meirande parte dos casos, faise máis por paixón que como medio de subsistencia. A nivel artístico o panorama é impresionante, pero logo iso non se traduce en industria, os números non acompañan e as institucións non potencian. O mercado editorial tampouco axuda porque está moi mal argumentado e baseado nun sistema de consumo capitalista que mira máis pola cantidade que pola calidade, entre outras moitas carencias que eu lle vexo. Iso daría para outra entrevista completa.

Que camiños estéticos e de comunicación das creacións á sociedade estimas interesantes para a ilustración hoxe, nomeadamente no que atinxe ao contacto co público?
Agora mesmo están aparecendo cada vez máis proxectos interactivos e que relacionan off line e on line. Internet é xa unha das vías principias xa que a imaxe agora mesmo ten un peso inmenso en materia de comunicación. A xente consume en internet máis imaxes que palabras e isto está certificado. Por outra banda, estanse dando moito proxectos multidisciplinares que mesturan música e ilustración en directo, concertos ilustrados, robótica e arte, novas tecnoloxías e grafismo, etc; que converten a arte do debuxo en espectáculo abrindo a outro tipo de alternativas aos autores gráficos, que durante anos estivemos debuxando agochados nunha cova. Temos moitas alternativas a día de hoxe e imos ver cousas fantásticas neste aspecto, no presente e nun futuro inmediato. Todo isto depende tamén da amplitude de visión dos propios autores. Nunca tantas vías e ferramentas tivemos e xamais tantas canles de información coma hai agora, iso só pode ser favorable para as mentes creativas.

Fálanos da tua experiência com Demo Editorial…
Partiu da sémola da autoxestión. Nun momento dado decido facer todo eu mesmo e autoedito, coa colaboración de Euroeume, Os lobos de Moeche. O cómic converteuse nun éxito e comezan a chegar ofertas doutros autores. Non era a miña intención facerme editor pero, como todo na miña vida, fluiu naturalmente. Tiña a experiencia da década dos 90 como fanzineiro, pero a nivel profesional partía de cero como editor. Isto foi en 2009 e desde entón levamos publicado algo máis dunha vintena de cómics de máis dunha ducia de autores galegos, e en lingua galega. Descubrimos novos valores como Miguel Cuba, Manolo L. Poy, Miguel Fernández ou Tomás Guerrero e rescatamos vellas glorias, como no caso de Tokio. Empezamos coa crise e seguimos vivos, algo estaremos facendo ben. O mellor de todo é o orgullo de estar apostando polos nosos autores e descubrindo novos valores. Xerando desde Galiza é horrible ver que houbo autores galegos que foron descubertos fóra e algúns nunca foron publicados en lingua galega. O proceso lóxico, agora mesmo, debe ser producir aquí e logo vendelo fóra. Podería falar moito e con detalle sobre este anos de editor en Demo pero de novo volvemos ter materia para outra entrevista máis.

Que proxectos tes e cales gustarías chegar a desenvolver?
Estou sempre con moreas de proxectos na grella. Agora mesmo veño de editar Destino Hërgüss, un proxecto composto por unha novela gráfica ambientada no Planeta Mincha, con BSO propia, na que mesmo algúns personaxes do propio cómic interpretan as súas cancións. A historia compleméntase con informacións adicionais en internet (blog e web), a demo dun videoxogo e unha morea de merchandising e varias cousas máis. O proxecto máis completo que fixen polo de agora, mais xa están chegando outros máis multidisciplinares aínda.

"O que máis me gustaría chegar a desenvolver é o primeiro parque temático de Planeta Mincha, só preciso moitas hectáreas de terreo e millóns de euros"

En 2015 seguirei xerando novos proxectos de Planeta Mincha, sen deixar de seguir experimentando novos formatos. Simultaneamente estou a facer tres novos proxectos de banda deseñada de ambientación histórica e a maiores disto teño en marcha multitude de proxectos en diferentes liñas: estou traballando con músicos, fotógrafos, artesáns, cinema de animación e proxectos de dinamización cultural. Teño xa catro empresas dadas de alta e fago de todo. O meu lema é: “se non hai traballo invéntase”. E estouno petando con esa filosofía de vida.

Ora ben, o que máis me gustaría chegar a desenvolver é o primeiro parque temático de Planeta Mincha, só preciso moitas hectáreas de terreo e millóns de euros, algún investidor forte. O resto xa o teño todo porque son consciente de que soñar é gratis e soñei un planeta enteiro que daría para moitos parques temáticos, probablemente máis molóns e coherentes que os de Disney. Tírame do carallo que me chamen tolo por dicir estas cousas: tolos son os que cren que nada é posible.

Manel Cráneo © Alberte Peiteável

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.