Tatán: "Cantar é unha ilusión que tiven desde moi novo"

Dominio Público Praza Pública

Chapeu é o título do primeiro disco de Tatán, o coñecido actor dunha das compañías de monicreques máis veteranas do país, Tanxarina. Xa puideramos escoitalo cantar no CoraSons ou no proxecto Maria Fumaça. Animado por Uxía e para, polo menos, como di el, rexistrar as letras que viña escribindo dende hai anos, decidiuse a facer este CD autoproducido.

Xa cantabas en Maria Fumaça ou no CoraSons. O de cantar vén de sempre?

Nos anos 90 en Redondela tiña un grupo que se chamaba Eigualdeixa no que xa cantaba. Cantar é unha ilusión que tiven desde moi novo. Xa con 18 anos participaba no Festival da canción do Grove. Unha faceta da miña vida estivo sempre, así, relacionada coa música. No 2010 recuperarmos Eigualdeixa e despois volvemos deixalo. Ademais, como me dedico ao teatro e aos títeres, sempre me relacionei con xente da música.

Uxía é a madriña deste disco, de feito. Ela animoume moito a cantar. E eu ademais xa fora escribindo letras, que son moi sinxelas. Colaboraba tamén no CoraSons, participo en Maria Fumaça… Con toda esta amalgama de música, pedíame o corpo facer algo, para polo menos rexistrar as miñas letras. Conto ademais cun músico excelente como Pablo Vidal Mendoza, que é o contrabaixo. Gravamos o disco na súa casa, no seu estudio.

"Como me dedico ao teatro e aos títeres, sempre me relacionei con xente da música"

E máis colaboracións no disco. Uxía, Carlos Blanco…

Si. Son doce cancións inéditas. Non todas son letras miñas. Unha é de Magín Blanco, Veludo e algodón; Mutua de decesos é de Carlos Blanco e Chapeu ten letra de Uxía, de Magín e miña, e música de Magín. Nas outras, a música é composta por Pablo. O proceso durou ano e medio. Fomos probando o estilo que mellor lle cadraba a cada letra. Uxía axudou moito en todo.

É verdade que na música hai variedade: jazz, blues, fado…

Hai variedade de estilos, si. Amores por terra é unha habaneira que fala do amor, o mar, os mariñeiros… Tic-tac é moi cabaré, outras soan swing… Chove é un blues para o que aproveitamos a miña voz rota… Mutua de decesos é unha homenaxe a Toquinho e Vinicius de Moraes, que imita o que eles facían de falar nas cancións… Quería facer un disco variado, e foi posible tamén porque colaboran músicos moi bos.

Ademais de Pablo, teño a Alberto Vilas, que é un gran pianista de jazz, e que ademais é amigo meu desde pequenos. E que xente coma Alberto, Uxía, Carlos Blanco, Pablo… te apoie, está moi ben. Tamén teño a Felipe Castro no saxo, a Manu Paino no fiscornio, a Isaac Palacín na percusión e a Alfredo Teixeira na guitarra portuguesa, que colabora en Branca, que é un fado-morna. Nos coros participan a miña compañeira Branca Francés e as irmás de Uxía, Ana Senlle e Chus Domínguez. O día 22 presentaremos o disco no auditorio de Redondela.

"Que xente coma Alberto, Uxía, Carlos Blanco, Pablo… te apoie, está moi ben"

Varias das cancións teñen que ver co mundo do teatro. Podes ir explicando a orixe de cada unha?

Chapeu está moi relacionada co mundo teatral, co espectáculo. E dálle título ao CD. Tic-tac é sobre o paso do tempo, e tamén ten que ver co teatro porque é moi cabaré. Branca, o fado-morna, compúxena para a miña compañeira, Branca. Adoramos Portugal e ademais estivemos en Cabo Verde, Açores… Branca acompañoume moitas veces cando iamos actuar con Tanxarina. A Nonna tamén está vinculada ao teatro porque é un espectáculo que dirixiu Celso Parada, que é amigo meu. Fun á estrea en Narón. É unha comedia moi italiana, cun personaxe que é a Nonna. Saín do teatro e escribín a letra. Veludo e algodón é a canción que cantaba no CoraSons, que foi un agasallo que me fixo Maxín.

Amores por terra, a habaneira, tan mariñeira na letra, pedía esa música. Probamos e saíu nun día. Queda moi ben coas voces de Branca, Ana, Chus, Uxía e Carlos. Carlos Blanco é moi boa persoa. Apúntase a todo o que o chames… 7 sombras chinas tamén está ligada ao teatro. Eu fago sombras chinas e quixen recrear o ambiente do pai sentado cos fillos facendo sombras para entretelos. Agora non hai esa inventiva, que é todo ordenador e móbil.

O político é a única letra política. Ten que ver coa obra de Tanxarina A casa do avó? Podía porque ten relación.

O político en realidade podía ser o banqueiro. Esta letra xurdiu da época na que tanto se falaba de corrupción, desafiuzamentos… É moi ao Krahe. E saíu disparada. É unha rumba moi reivindicativa. A casa do avó veu despois. E está funcionando moi ben. Outra canción, Canción do contrabaixo, é unha homenaxe a Pablo. Eu cando cantaba, sen saber tocar ningún instrumento, facía o baixo coa voz. A Pablo facíalle gracia. E a canción esta é como un estudio do contrabaixo, cos seus detalles. Canción da tarde, que leva o piano de Alberto, xurdiu das moitas tardes que pasamos con el, a miña familia e a súa. O encontro, a amizade, a conversa… Chove é un blues que ten bastante de cinematográfico… E Mutua de decesos é un xeito de rir da morte, de tomala con humor…

A casa do avó, dicías, está a funcionar moi ben. A idea que transmite é que se a xente se xunta pode cos bancos, cos desafiuzamentos.

Si. É unha obra de mesa, con siluetas animadas creadas por nós e deseñadas por Pablo Giráldez, que tamén me deseñou o disco. É un espectáculo de manipulación de siluetas animadas en mesa con intervención actoral. É unha historia moi ben construída, que escribiu Cándido Pazó. A sabedoría de Cándido adaptámola a nós, a Tanxarina, que somos Andrés Giráldez, Miguel Borines e eu. É a historia de Roberto, un neno que ten un avó que vai perder a casa porque o banco vai quitarlla. O neno cre que hai unha fonte máxica, aínda que o avó lle di que non existe. Pero el desconfía e vai buscala. Axúdalle unha nena e polo medio vai atopando xente que acaba apoiando o avó. A maxia da fonte é ese camiño no que atopa xente que lles axuda.

Os banqueiros eran feos e malos. Non había dúbidas.

Son o capital. Por iso se chaman Ca, Pi e Tal.

As casas que poñedes sobre a mesa, toda a escenografía, está moi coidada.

Usamos un estilo novo nesta obra. Somos moi artesanais. Eu fago marionetas de fío. Nesta obra cambiamos a técnica. Eu fixen predeseños a lápiz, Pablo Giráldez traballou sobre eles no ordenador para facer os arquivos. Despois houbo unha empresa que fixo os vinilos, as mariquitas. E nós pegamos os vinilos en PVC. E despois fixemos os fíos, o sándwich… Son siluetas sándwich animadas. En Tanxarina sempre combinamos, ademais, a manipulación de marionetas co traballo actoral.

Algo máis sobre o disco?

Lembrar que estaremos o 22 no auditorio da Xunqueira en Redondela e o 9 de abril no pazo de Narón. O 22 seremos moitos, 12 no escenario, menos Uxía que marcha cantar con Narf uns días. O 9 xa estará con nós. Despois faremos máis concertos, pero xa coa banda reducida, que cadrar axendas é moi difícil…

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.